Inicio
Actualidade

Ao día!

18/10/2022

O rural como motor empresarial: Campomayor

Comparte este artigo

A firma de Palas de Rei representa un caso de éxito de dinamización económica no rural galego e todo un exemplo de aposta pola diversificación e a innovación no sector primario

Campomayor nace a mediados do século XX no municipio de Palas de Rei como unha empresa dedicada á produción de ovos. Nos seus inicios apenas recollían 200 unidades ao día. Case 80 anos despois a súa produción alcanza o millón de ovos cada xornada. A firma representa un caso de éxito de dinamización económica no rural galego e todo un exemplo de aposta pola diversificación e a innovación no sector primario.

A clave dos bos resultados reside, segundo explican, en manter a mesma filosofía do traballo ben feito e o coidado polas cousas pequenas. É o que fai de Campomayor unha empresa en expansión que non perde nunca as súas orixes.

Dispoñen dunhas das instalacións máis modernas de Europa, desde onde elaboran unha ampla variedade de produtos, que van desde o ovo convencional, ovo solo, o ecolóxico, o campeiro e a gama de ovoproduto; ovo enteiro pasteurizado, clara e xema pasteurizada ou ovo cocido e pelado.

Á experiencia e o esforzo engadiron unha forte aposta pola innovación coa creación dun departamento propio de I+D que xa dá traballo a cinco persoas. A responsable de I+D, Eugenia Juncal, explica que están volcados en obter unha produción sostible e respectuosa co medio ambiente, polo que contan con 200.000 galiñas campeiras, que viven nun espazo con saída ao exterior. Son galiñas que poden pasar o día fóra e entrar sempre que queiran para alimentarse, beber ou descansar. O animal dispón dunha alimentación de alta calidade, baseada no millo, trigo, soia e leguminosas, adaptadas ás necesidades que ten en cada etapa da súa vida.

Recentemente sacaron ao mercado dúas referencias de ovo campeiro de millo. É un ovo producido por galiñas campeiras cuxa alimentación, baseada no millo, está certificada pola Xunta de Galicia garantindo que na moenda que comen haberá sempre unha porcentaxe mínima deste cereal. O resultado de tanto coidado, dunha alimentación selecta e dunhas condicións de benestar óptimas para o animal, é un ovo delicioso, que se caracteriza pola xema alaranxada e un gran sabor.

As cinco referencias de ovo campeiro que comercializan teñen o selo de Galicia Calidade, unha certificación que constata de maneira oficial e obxectiva a calidade dos seus produtos e a súa orixe galega.

A cuarta xeración da familia García asumiu o reto de innovar de maneira continua. Así, lanzaron un ovo a baixa temperatura, un proxecto pioneiro que xa colleitou varios premios. O resultado é un ovo listo para consumir cunha clara callada e cremosa e cunha xema melosa.

Comercializan o 95% da súa produción a través da gran distribución e distribuidores no mercado nacional, sobre todo na zona centro e norte; Galicia, País Vasco e Asturias. Os seus produtos chegan ademais a Portugal e ao norte de África. Desde o corazón da Ulloa, Campomayor emprega a 85 persoas e ten unha facturación anual de 20 millóns de euros.

A compañía está inmersa no desenvolvemento e lanzamento de novas propostas, para o que contan coa axuda do programa DeseñaPeme, da Xunta de Galicia. A nova gama de produto levará aparellada unha nova imaxe. “Entendemos o deseño como unha forma de ser máis creativos, por iso utilizámolo para identificar que tipo de produto é máis singular e como o vendemos”, resume Juncal.

A través da súa participación no programa InnovaPeme, que tamén impulsa a Xunta a través da Axencia Galega de Innovación, puideron avanzar no deseño e formulación de novos ingredientes, automatización e dixitalización en procesos de xestión de pedidos ou clasificación de ovos, aos que sumar a creación dunha unidade de produtos innovadores.

A responsable de I+D destaca que os produtos que saen de Campomayor “son bos per se”, pero a maiores temos que transmitir os seus valores pola vía da mensaxe e a través do packaging. A experiencia demostroulles que ademais de que o produto alcance a calidade adecuada, é moi importante conseguir diferenciarse. Por iso, centraron os seus esforzos para que os seus produtos trasladen unha mensaxe no que se combina tradición e innovación.

Tamén pode interesarche