
Ao día!

Veigas de Sabugueiro, o valor de aproveitar os recursos próximos
Os seus promotores son a parella formada por Eva González e Nelson Alonso, os socios fundadores de Veigas de Sabugueiro hai dez anos. A súa inquedanza por poñer en valor os recursos locais levounos a investigar sobre o sabugueiro, un arbusto da familia das caprifoliáceas, de dous a cinco metros de altura, e con flores pequenas e brancas en corimbo que se dá de forma natural en toda Galicia.
O primeiro paso foi experimentar con receitas de marmelada de sabugueiro, un recurso que os sorprendeu polas súas propiedades e sabor. Tras recoller a baga, tritúrase e prénsase para extraer a polpa, que se conxela para elaborar os produtos ao longo do ano. O resultado é un sabor con moitos aromas, que combina ben co queixo, o xeado ou a carne.
Dous anos despois do primeiro experimento estaban inmersos no cultivo, transformación, elaboración e difusión dos primeiros produtos que comercializaron baixo a marca ‘Carabuñas’. Da planta do sabugueiro aproveitan a flor e o froito, que se recolle unha vez ao ano, en agosto, nun proceso similar ao da vendima.
Ás marmeladas fóronse sumando outras propostas, como a cervexa, as infusións ou o licor, todos eles co sabugueiro como base.
Unha produción de cinco hectáreas
A día de hoxe cultivan 5 hectáreas de terreo entre Vilar de Santos e o norte de Portugal, do que obteñen unha produción de 6.000 quilos de baga biolóxica coa que elaboran os seu produtos certificados.
O éxito da iniciativa, segundo explica a socia fundadora, Eva González, foi a aposta pola investigación apoiada pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e a Axencia Galega da Calidade Agroalimentaria (Agacal). Coa súa axuda centráronse en extraer as propiedades do produto para coñecer ben os seus usos e aproveitamentos de cara a acadar un salto cuantitativo para a empresa mediante a busca de novas estratexias de diversificación.
A firma conta na actualidade con dúas liñas de produto como resultado desta colaboración. Unha delas centrada na materia prima do sabugueiro, con catro variedades de marmelada, licor, dúas cervexas, bombóns, infusións ou zume. A outra vía comercialízase por internet baixo a marca ‘Gosto’ coa venda a través de cestas de produtos cun deseño e unha estética moi coidados, como conservas ou chocolates, pensados para ocasións especiais, como as festas de Nadal.
A innovación está presente en todas as súas accións, de aí o apoio a unha campaña que lanzaron na que ás cestas de produtos incluían láminas de ilustradoras galegas de maneira que, precisa Eva González, “ademais de agasallar con comida, se regalaba arte”.
O mercado dos produtos do sabugueiro, para os que non había tradición en España ata o lanzamento da empresa, atópase en Galicia e en grandes cidades, como Madrid, Barcelona ou Bilbao. Poden adquirirse as súas propostas en espazos gourmet e ecolóxicos e en tendas especializadas, ademais da venda online.
O 20% da facturación da empresa, próxima aos 150.000 euros no último exercicio, atópase xa na venda por internet, a través dunha páxina web cun deseño moi coidado coa que tratan de conquistar ao consumidor máis esixente. A súa participación nos programas InnovaPeme e DeseñaPeme, da Xunta de Galicia, permitiulles desenvolver a parte tecnolóxica e dixital na empresa cun xestor de clientes e unha plataforma de venda a través da que realizan os seus pedidos.
Desde o 2019 están inmersos nun proxecto moi innovador de desenvolvemento de produto con fins medicinais co que prevén duplicar a súa facturación este mesmo ano e triplicala en dous máis.
Analizaron as propiedades do arbusto e os resultados, moi sorprendentes, indican que o sabugueiro galego é moi superior ao doutras zonas. A súa capacidade antioxidante atópase cinco veces por enriba da dos arandos e é entre dúas e tres veces superior á dos sabugueiros europeos.
Esta boa nova que veñen de coñecer abre novas posibilidades de comercialización, por exemplo na industria farmacéutica, unha vía que xa están a explorar.