
Ao día!

Entrevista a María Jesús Movilla Fernández, vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social da Universidade da Coruña (UDC)
Falamos coa vicerreitora do Campus Industrial de Ferrol (CIF) da estratexia do campus: formación, talento, actividade docente e investigadora orientada ao tecido socioproductivo da súa contorna e aos obxectivos da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, clave no desenvolvemento económico e social da nosa Comunidade.
O CIF é o primeiro campus de especialización acreditado pola Xunta e en todo o sistema universitario español. Que supón esta acreditación?
Supón un recoñecemento á relación existente coa industria no ámbito da investigación e a transferencia e ao esforzo realizado para dispoñer dunha oferta docente máis compacta e reforzada enfocada ás necesidades do tecido produtivo.
O proceso de acreditación foi tamén un bo exercicio de reflexión que nos permitiu identificar as fortalezas do campus e os puntos de mellora, que xa se están abordando nestes momentos.
Por último, supón o inicio dunha nova etapa na que se pretende dar un salto de escala que permita situar ao campus como elemento referente e un aliado para o impulso da industria intelixente, a fabricación avanzada e a transición enerxética.
Cal é a folla de ruta do Campus?
O Campus Industrial de Ferrol ten marcada unha folla de ruta que se recolle nun Plan Estratéxico, para o período 2021-2026, no que se abordan 27 liñas de acción enmarcadas en 6 obxectivos principais.
O primeiro, crear unha estrutura de gobernanza profesional, activa e participativa na que se dea cabida ás empresas e organismos públicos, para que estea conectada coas necesidades da industria e da sociedade.
O segundo, establecer unha estratexia actualizada e próxima do Campus Industrial de Ferrol ás necesidades da industria intelixente que permita identificalo como centro de xeración de coñecemento e de I+D especializado en 6 liñas de investigación: robótica, materiais, optimización de procesos industriais, enxeñería naval e offshore, xestión industrial e desenvolvemento de produto.
O terceiro, impulsar e renovar a oferta docente de tal forma que se aliñe coas necesidades do tecido empresarial actualizando os títulos existentes e creando outros novos, incorporando seminarios especializados impartidos por profesionais da industria e mellorando infraestruturas e equipamentos docentes.
O cuarto, reforzar a I+D+i de forma que o CIF sexa axente tractor líder nos sectores naval, marítimo portuario, loxístico, industria, moda ou metal apoiando a acreditación do noso centro de investigación como Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais.
O quinto, fortalecer a relación co tecido produtivo, actualizando o noso mapa de capacidades, participando en reunións con agrupacións industriais e empresas, organizando seminarios e misións tecnolóxicas directas e inversas para dar a coñecer as capacidades e a posibilidade de colaboración en materia de I+D.
Por último, visibilizar o CIF a través das redes sociais, a páxina web e medios especializados, ou mediante a realización de eventos para a sociedade que contribúan ao posicionamento público do Campus Industrial de Ferrol.
Sen esquecer que nestes 6 obxectivos estratéxicos e liñas de acción están incluídos valores transversais como son a internacionalización e a sustentabilidade.
Están a desenvolver unha importante actividade docente e investigadora asociada ao tecido socioproductivo da contorna, con que resultados?
As accións realizadas para a renovación da oferta docente obviamente contribúen a que as persoas egresadas teñan as competencias necesarias para poder apoiar á industria no seu proceso de dixitalización e transformación.
Por outra banda, creouse unha oferta de formación continua a medida das necesidades da empresa, e impartida polo noso persoal investigador en ámbitos relacionados coa fabricación aditiva, os materiais ou o xemelgo dixital.
No ámbito da investigación, o coñecemento do noso persoal investigador ponse ao dispor do tecido produtivo a través de contratos ou convenios para a prestación de servizos científico-técnicos, proxectos a medida, acceso a infraestruturas para ensaios, etc… o que deu lugar a 114 contratos e proxectos entre 2018-2021 e máis de 75 empresas coas que se colaborou.
Tamén se concorre a proxectos de investigación, a maior parte das ocasións en colaboración coa industria, a través de convocatorias nacionais ou internacionais, o que deu lugar nos últimos 3 anos a 73 proxectos de investigación, a 17 patentes solicitadas e 3 rexistros software.
Gustaríame destacar un caso de éxito de transferencia que foi a Unidade Mixta de Investigación Navantia-UDC, vixente entre o 2015 e o 2021 co apoio financeiro da Axencia Galega de Innovación. Os ámbitos da investigación nos que se traballou foron a optimización de procesos, a optimización de produto e a integración das TICs, o que deu lugar a, entre outras cousas, dúas patentes, 95 publicacións, 16 liñas de investigación e un premio de transferencia de tecnoloxía.
Este modelo de colaboración coa empresa Navantia poderá continuarse nos próximos anos a través do Centro Mixto de Investigación Navantia-UDC, que acaba de ser concedido pola Axencia Galega de Innovación, e que permitirá seguir transferindo o coñecemento do noso persoal investigador e poñer a innovación ao servizo de Navantia e da industria auxiliar.
Como contribúe o CIF ao desenvolvemento económico e social de Galicia?
As liñas de especialización do CIF están aliñadas coas necesidades dos sectores estratéxicos industriais de Galicia (naval, enerxético e téxtil) e coa Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia e tamén cos ámbitos temáticos das políticas de I+D+i a nivel nacional e internacional.
No mercado industrial demándanse cada vez máis profesionais formados e especializados nas ramas que oferta o CIF relacionadas cos sectores industriais estratéxicos de Galicia; a transición enerxética (enerxías verdes e renovables), a industria intelixente e a fábrica do futuro, etc. pero tamén en sectores emerxentes como a industria do videoxogo, o que contribuirá a fomentar o emprego.
Ademais, é importante destacar o posicionamento de Ferrol no sector naval tanto a nivel nacional como internacional e a cantidade de empresas tractoras que existen en Ferrol e comarca relacionadas cos ámbitos de especialización do CIF. Todas estas empresas teñen unha necesidade de innovación constante e o Campus Industrial de Ferrol pode contribuír a mellorar a competitividade, a eficiencia e a sustentabilidade poñendo á súa disposición o traballo de ao redor de 140 persoas investigadoras, 11 grupos de investigación, dous laboratorios de servizos específicos e un centro de investigación en tecnoloxías navais e industriais. Desta forma o Campus Industrial de Ferrol contribúe a dar soporte á innovación tecnolóxica necesaria para levar a cabo o proceso de transformación ao que está agora sometido o tecido empresarial.
Que medidas se aplican para reter talento?
O Campus Industrial de Ferrol puxo en marcha un programa propio de atracción e retención de talento de postdoc e predoc chamado “Talento investigador” e “Talento en formación” respectivamente, onde se incorporaron xa dúas posdoc e catro predoc nos últimos meses e incorporaranse proximamente outros tres predoc.
Tamén neste 2022 coa idea de impulsar, consolidar e poñer en valor as capacidades singulares de I+D na industria intelixente levou a cabo un programa de doutoramento industrial propio, no que se puideron incorporar investigadores a 2 empresas da comarca.
Por suposto desde a Oficina do Campus Industrial colabórase tamén coa solicitude de candidaturas tanto a convocatorias autonómicas como nacionais de predoc, posdoc e doutoramentos industriais.
Vostede promove unha rede con investigadoras internacionais, cales son os obxectivos e que conseguiron ata o momento?
A internacionalización do Campus debe ser algo transversal na maioría das accións que están expostas no noso Plan estratéxico, empezando xa polo noso sistema de gobernanza onde temos representación internacional e o noso persoal, xa que a propia Oficina conta cunha persoa técnico de internacionalización para dinamizar as actuacións que vaian encamiñadas a unha maior visibilización do CIF fose das nosas fronteiras.
Por exemplo, está a facerse un esforzo en incrementar os títulos compartidos con outras universidades, como pode ser o Máster Erasmus Mundus 4.0 ou o Máster en materiais complexos, en potenciar títulos con docencia bilingüe, como o Grao en Xestión Industrial da Moda ou o Grao en Relacións Internacionais. Tamén se está apoiando, con convocatorias propias, tanto a mobilidade do noso profesorado ao estranxeiro, para accións de docencia ou investigación, como a captación de estudantes estranxeiros mediante un programa de bolsas ou a visita de investigadores doutras universidades. As convocatorias de captación de talento tamén van enfocadas a traer investigadores excelentes que estean a desenvolver a súa carreira no estranxeiro e queiran regresar. Por último, no campo da investigación e a transferencia, o CIF colabora en redes internacionais con distintas universidades e empresas, coas cales optou a financiamento en proxectos europeos, á mobilidade de alumnos en prácticas e mesmo á creación dunha cátedra cunha empresa internacionalizada.