
Ao día!

Unidades Mixtas de Investigación aliñadas coa RIS3
A Xunta de Galicia apoiará un total de seis novas unidades mixtas de investigación e tres centros mixtos de investigación cunha achega, por parte da Axencia Galega de Innovación (Gain), de preto de 10 millóns de euros, o que permitirá acadar un investimento público-privado total de 24,5 millóns.
Desde xeito dáse continuidade a este instrumento colaborativo, favorecendo a cooperación entre os organismos de coñecemento galegos e o tecido empresarial para impulsar de forma conxunta e coordinada actividades investigadoras, de innovación e desenvolvemento aliñadas cos retos estratéxicos da RIS3 de Galicia.
Estas axudas poden ser solicitadas polas agrupacións entre un organismo de investigación de Galicia e unha empresa, excepcionalmente dúas, que constitúan unha unidade mixta de investigación. As empresas integrantes das unidades mixtas de investigación poderán ser pequenas, medianas e grandes.
Das seis novas unidades mixtas de investigación (UMI), dúas están vinculadas á industria da automoción e o resto aos sectores TIC, alimentación, medio ambiente e materiais. En concreto, o CTAG e o Grupo Copo colaborarán nunha UMI enfocada no deseño e fabricación eficiente de espumas para compoñentes de automoción cara á customización dos vehículos, mellorando o benestar e a seguridade dos seus ocupantes.
O CTAG tamén colaborará con Akwel na realización de traballos centrados na introdución de innovacións de sistemas de acceso a vehículo coa integración de sensórica para a activación e control de apertura das portas, así como a integración de solucións que melloren o confort e a experiencia do usuario á hora de acceder ao vehículo.
Gradiant e Councilbox Technology avanzarán na xestión da identidade e ciberseguridade en procesos telemáticos. Pola súa parte, Anfaco, Lagumar Seas e Anguilas Aguinaga abordarán varias liñas de actuación para desenvolver tecnoloxías avanzadas e introducir a dixitalización no sector dos moluscos de Galicia.
O Cetim participará en dúas unidades mixtas. Por unha banda, xunto con Tratamiento Industrial del Agua impulsará o proxecto Aquatim para avanzar nun ciclo da auga circular, eficiente, seguro e resiliente. Doutra banda, desenvolverá a iniciativa Volta xunto con Ferroglobe Innovation para a busca de solucións baseadas en silicio, fundamentalmente baterías ión-litio que acheguen velocidade de carga e autonomía.
Tres centros mixtos de investigación
Ademais, apoiaranse tres centros mixtos de investigación, unha nova liña aberta este ano e que ten como obxectivo dar estabilidade ás unidades consolidadas nas convocatorias dos anos 2017 e 2018. Deste xeito, contribuirán ao aumento da competitividade e expansión internacional das empresas participantes á vez que se xera coñecemento científico-técnico de excelencia e se mantén o emprego cualificado creado.
Impulsarase un proxecto da UDC e Navantia que permitirá seguir avanzando no estaleiro do futuro; e unha iniciativa do CTAG con Magna Seating Vigo para afondar no novo potencial existente en deseño e desenvolvemento de armaduras innovadoras para asentos orientados á mobilidade sostible e tendo en conta a electrificación e a condución autónoma. Ademais, Cetagua e Viaqua promoverán Cigat Circular, para investigar tratamentos avanzados para a eliminación de microplástico e obtención de auga reutilizable, aproveitamentos para a obtención de hidróxeno verde e biometano e produción de biocompostos, entre outros.
Desde a posta en marcha deste programa en 2014 -e contando esta nova convocatoria- a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), apoiou con 48 millóns de euros un total de 55 unidades e centros mixtos que mobilizan 154 millóns. Ademais, estas iniciativas están contribuíndo á creación de emprego cualificado, ao impulso da transferencia de I+D+i ao tecido empresarial galego, á captación de empresas foráneas a Galicia, ao desenvolvemento das capacidades dos organismos de investigación galegos en sectores punteiros e á mellora da competitividade das empresas.
O programa está a xerar novas oportunidades para atraer investimentos a Galicia e para captar e reter o talento de centos de profesionais altamente cualificados.