Inicio
Actualidade

Ao día!

15/11/2022

Galicia, fonte de biotecnoloxía

Comparte este artigo

O sector biotecnolóxico galego é cada vez máis potente e cun alto grao de innovación, en cuxo impulso se unen empresas, administración pública e o ecosistema de innovación

A biotecnoloxía galega foi identificada como un sector estratéxico da economía na primeira Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, non só polo seu potencial como sector, senón tamén pola súa capacidade para dinamizar a innovación noutros sectores máis tradicionais, xerando valor económico e social.

A biotecnoloxía galega é clave para afrontar os grandes retos globais actuais, como a pandemia, o envellecemento saudable ou a produción sostible. É un sector polo que a Xunta de Galicia vén apostando desde hai anos coa posta en marcha, en colaboración co tecido produtivo, dunha estratexia de impulso á biotecnoloxía que xa deu resultados. Un dos exemplos é que Galicia foi a segunda comunidade onde máis empresas biotecnolóxicas se crearon no ano 2020.

Os esforzos do Goberno galego están centrados en traballar por establecer alianzas e compartir obxectivos unindo as capacidades de todos os axentes implicados cara a unha misión común: impulsar o crecemento do sector biotecnolóxico galego promovendo a colaboración entre científicos e emprendedores para xerar valor a partir do coñecemento e facilitando o acceso ao financiamento dos proxectos empresariais con potencial para gañar tamaño.

Desde a Xunta téñense establecido dúas prioridades nesta materia. A primeira delas, a consolidación da biotecnoloxía en Galicia como sector estratéxico e pilar dun novo modelo económico a impulsar baseado no coñecemento.

A segunda das prioridades ten que ver co impulso ao emprendemento innovador co obxectivo de valorizar o coñecemento que se produce nas universidades e centros de investigación de Galicia.

Neste momento a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación está a implementar a Estratexia de Consolidación do sector para o período 2021-2025 para apuntalar os resultados acadados e poder abordar novos retos. A nova estratexia, que aspira a mobilizar máis de 660 millóns de euros, ten como obxectivo situar a Galicia como unha das principais rexións biotecnolóxicas a nivel internacional, fomentando a xeración de negocios e a consolidación empresarial.

Para acadar os obxectivos, Galicia conta con amplas capacidades de investigación e un tecido empresarial que está consolidando a comunidade como referente a nivel nacional e internacional, agrupado arredor dos tres clústeres empresariais e un Hub europeo de Innovación Dixital, DataLife, que vén de ser cofinanciado pola Comisión Europea para a despregadura da súa carteira de servizos no prazo de tres anos, un proxecto que conta cun orzamento de preto de 6 millóns de euros.

Ademais, Galicia é unha das cinco comunidades autónomas que participa no plan complementario de biotecnoloxía aplicada á saúde impulsado polo Ministerio de Ciencia e Innovación con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. No marco desta colaboración, Galicia contribuirá a seguir avanzando no desenvolvemento de ferramentas para o diagnóstico, prognóstico e terapias de medicina personalizada.

Un modelo propio de emprendemento

Galicia conta cun modelo propio de emprendemento innovador que consiste en impulsar o desenvolvemento de proxectos en fases temperás e promover a creación de empresas de base tecnolóxica. A través da rede Business Factories apóianse incubadoras e aceleradoras especializadas en sectores estratéxicos, como a automoción, a alimentación, o aeroespacial ou o farmacolóxico.

Aquí enmárcase o apoio a BioIncubaTech, incubadora de alta tecnoloxía promovida pola USC especializada no fomento da innovación e a transferencia da biotecnoloxía no ámbito da saúde e as tecnoloxías alimentarias ás micropemes, así como a Business Factory Medicines, que dá continuidade á incubadora temperá de fármacos posta en marcha no 2017 e que agora, impulsada pola Fundación Kaertor, a Xunta, as empresas Janssen e Lilly e a Fundación AECC, promove o descubrimento de novos fármacos eficaces en necesidades médicas non cubertas e a súa chegada ao mercado.

A Xunta promove ademais o programa Ignicia, que apoia a chegada ao mercado dos resultados da investigación feita nos centros de coñecemento da comunidade. En total, a través da convocatoria de proba en concepto, apoiouse a creación de 9 spin-offs, tres do sector biotecnolóxico, que xa captaron 5 millóns de euros de investimento e crearon 80 empregos de alta cualificación.

Por último, e aínda dentro do obxectivo de posicionar a Galicia como rexión de referencia en biotecnoloxía, XesGalicia dispón dos fondos de capital risco que apoiaron a 12 empresas desde 2009 acadando tamén acordos de coinvestimento con fondos de capital risco privado.

Todas estas medidas e programas vencellados coa Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía en Galicia pretenden fomentar un ecosistema colaborativo que favoreza o emprendemento, o crecemento e a atracción de empresas cara a Galicia.

Tamén pode interesarche