
Ao día!

Entrevista a Jaime López, secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo
Da man de Jaime López, secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo, analizamos os retos do tecido empresarial da provincia, o impacto de Conecta Lugo, un proxecto colaborativo entre a confederación e a Xunta de Galicia, ou a valoración da iniciativa de Concellos Emprendedores.
Cales son as fortalezas e vantaxes competitivas do tecido empresarial lucense?
O tecido empresarial da provincia de Lugo é escaso e caracterizado pola atomización: falamos de pequenas ou moi pequenas empresas. Pero si hai unhas fortalezas claras porque as nosas empresas están moi apegadas á súa contorna, caracterízanse polos altos estándares de calidade no tratamento das materias primas da provincia, xa de por si de calidade, e en xeral polo mimo e o coidado extremo nos produtos e servizos que ofertan. Iso é o que, a pesar das circunstancias, fai que as nosas empresas, especialmente de sectores chave como o agroalimentario, pesqueiro (mar – industria), forestal ou enerxía, crezan e sexan referente.
Que papel xogarán os fondos Next Generation para a recuperación post-covid?
Esperamos que o impacto sexa positivo, pero a realidade é que nestes momentos é dificilmente medible, en especial en puntos concretos como Lugo. O certo é que desde o inicio preocúpanos o impacto real no noso tecido empresarial: as pequenas empresas seguramente sexan as menos beneficiadas, e son as que temos. Con todo, son unha oportunidade e sen dúbida o volume de investimento que traen aparellado este tipo de fondos sempre ten un impacto positivo nas empresas e na evolución da economía, e que existan é fundamental para que saian adiante novos e grandes proxectos como o de Altri en Palas de Rei.
Que oportunidades implicará para a provincia esta fábrica de fibras téxtiles impulsada por Altri en Palas de Rei?
Unha fábrica destas características en Lugo supón un impulso imprescindible para o tecido empresarial da provincia. Implica non soamente a creación de postos de traballo directos, senón que terá un gran impacto no desenvolvemento social e económico do interior da provincia e, sen dúbida, converterase nun punto de atracción para novas iniciativas empresariais. A súa posta en marcha sería un elemento dinamizador de primeira orde para a provincia.
Como está a funcionar o programa Conecta Lugo? Que resultados se obtiveron desde a súa posta en marcha?
Conecta Lugo funcionou moito mellor mesmo do esperado. O obxectivo inicial era que as empresas da provincia coñecesen mellor os apoios e axudas públicas ás que poden acollerse, e que concorresen a elas. E así foi: asesoramos no marco deste proxecto a 356 empresas lucenses, das cales 106 solicitaron axudas. É dicir, que practicamente un de cada tres asesoramentos derivou nun expediente de solicitude. Por poñer un exemplo, soamente na convocatoria de InnovaPeme duplicáronse as solicitudes presentadas na provincia de Lugo respecto ao exercicio anterior, pasando a representar un 5 a un 13% do total. Sabiamos que era un servizo necesario, pero non esperabamos a acollida.
Cal é o papel que xogan as oficinas de Conecta Lugo para que as empresas crezan en innovación, dixitalización e internacionalización?
De inicio realizamos un intensísimo labor informativo e divulgativo, para que se coñezan as diferentes axudas. Logo, acompañámoslles en todo o proceso, con asesoramento en diferentes puntos da provincia e porta a porta se é necesario. Todo iso personalizado e adaptado ao que demanda cada empresa. Coñecer as axudas que existen en materia de innovación, dixitalización e internacionalización é a forma máis directa para axudarlles a apostar por estas liñas de acción nas súas empresas como ferramenta de mellora da competitividade.
Que impacto ten o Polo Aeroespacial de Galicia, situado en Rozas (Castro de Rei), no tecido empresarial da provincia?
A aposta por un sector tan específico e tecnolóxico como o aeroespacial en Lugo resulta unha gran novidade e unha oportunidade de diversificar e xerar alternativas de negocio nunha provincia moi apegada ao sector primario e a actividades económicas tradicionais. É certificar que hoxe en día desde Lugo en realidade pódese facer calquera cousa, pódese emprender en calquera sector e facelo ben.
23 concellos da provincia adheríronse xa á iniciativa de Concellos Emprendedores. Tamén se declararon en Lugo diferentes proxectos como Iniciativas Empresarias Prioritarias. Como valora o compromiso da Xunta coa simplificación administrativa e a mellora regulatoria para captar novos investimentos?
Resulta fundamental. Reducir burocracia e apostar por titorizar desde o momento inicial a quen quere emprender é a fórmula necesaria para apontoar o éxito das novas iniciativas empresariais e garantir a súa supervivencia.