
Ao día!

Mercar a calquera hora e en cuestión de minutos
Dun equipo inicialmente integrado por tres persoas pasaron a ser dez a tempo completo en menos de dous anos. Lino Monteagudo, CEO de Ghop, startup con sede en Santiago de Compostela, lembra os comezos dunha idea que xurdiu da reflexión de tres compañeiros de Enxeñería Industrial que buscaban dar resposta á esixencia de inmediatez e comodidade case para realizar calquera cousa que impera no estilo de vida actual, por exemplo facer a compra. Constatando que o atarefado ritmo de vida que levamos implica que o feito de comprar en cuestión de segundos se valore ás veces moito máis que outros aspectos tamén importantes como o prezo, estes tres estudantes decidiron materializar o seu proxecto grazas en parte ao apoio da Business Factory Food (BFFood).
Microtendas intelixentes, enerxeticamente autosuficientes
E así naceu Ghop, microtendas intelixentes, enerxeticamente autosuficientes, sen necesidade de persoal e cunha estrutura de contedores marítimos usados. Tendas de conveniencia de aproximadamente 15 metros cadrados de superficie que ofrecen unha variedade de produtos de alimentación e bebidas principalmente e abertas ao público as 24 horas. Comprar é moi fácil: basta con escanear o QR da porta, rexistrarse na aplicación, entrar, coller os produtos e efectuar o pago a través do método seleccionado e listo.
Aínda que a idea inicial foi a de desenvolver unha nova canle de venda para ofrecerllo a outras empresas, pronto se deron conta de que necesitaban antes validar o modelo de forma interna con establecementos propios, e por iso a súa primeira tenda piloto foi tan importante para o desenvolvemento do negocio, impensable sen a aceleradora da Xunta de Galicia co apoio do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga).
Esta primeira tenda, coa que realizaron varias aperturas en diferentes localizacións (centros comerciais, eventos, espazos empresariais ou estacións de servizo, entre outros) serviulles para testar un modelo de negocio cada vez máis innovador, cuxo obxectivo é alcanzar as 10 tendas ao longo deste ano e que traballa constantemente no perfeccionamento da súa vertente tecnolóxica. Lino Monteagudo considera fundamental optimizar a experiencia do cliente e por iso a previsión é seguir mellorando o proceso: “Aínda que comprar en Ghop xa é súper sinxelo, estamos a traballar nunha nova tecnoloxía grazas á que simplemente poidas coller os produtos e marchar, aforrándote o paso por caixa. Queremos que a experiencia sexa aínda máis rápida e buscar a máxima comodidade para o usuario”.
A participación de Ghop en BFFood foi crucial para dar eses primeiros pasos que adoitan ser os máis difíciles. O CEO da startup galega anima á xente para aproveitar este tipo de iniciativas que moitas veces non se coñecen e que axudan a superar unha das primeiras barreiras coas que se atopan os emprendedores, a necesidade de apoio e financiamento. A posta en marcha de todo proxecto empresarial require dun investimento económico do que moitas veces non se dispón e é aí onde programas como BFFood fan a diferenza, no caso de Ghop, “tan importante como que, de non aproveitar esa oportunidade, quizá non puidesen facer realidade ese primeiro prototipo, fundamental para que logo a empresa seguise crecendo”.
Business Factory Food
Ghop participou na categoría de aceleración da terceira edición da Business Factory Food, un programa impulsado pola Xunta de Galicia xunto ao Clúster Alimentario de Galicia, que xorde co obxectivo de apoiar o emprendemento e a consolidación de proxectos especializados no sector alimentario e a súa transformación en empresas innovadoras, viables e escalables.
BFFood conta coa participación de empresas líderes no sector que achegan coñecemento, dedicación e recursos, tanto á dinamización da aceleradora como á mentorización dos proxectos participantes.
O programa presenta dúas liñas de apoio específicas: aceleración e consolidación, deseñadas para o impulso dos proxectos en función do grao de desenvolvemento dos mesmos, desde a idea inicial co programa de aceleración, ata o afianzamento das vendas co programa de consolidación.