
Ao día!

Entrevista a Toni Pons, director xeral de Cetim
O Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (Cetim) traballa no desenvolvemento de tecnoloxías, ofrecendo coñecemento a diferentes sectores empresariais para a súa incorporación nos seus procesos e produtos. Da man do seu director, Toni Pons, abordamos o seu papel crucial como partner tecnolóxico de empresas e administracións, creando valor a través da I+D+i.
En que tipo de situacións podería ser útil para unha empresa contactar con Cetim?
Principalmente cando precise soporte en I+D+i, asesoramento ou ensaios tecnolóxicos, así como no desenvolvemento de novos produtos que queira lanzar ao mercado e na mellora dos seus procesos. Tamén somos fundamentais cando as empresas buscan un socio estratéxico que lles axude e complemente as súas capacidades de investigación, dando soporte en identificar outros partners cos que colaborar e financiamento para o seu I+D+i, tanto a nivel nacional como internacional. Axustámonos á realidade de cada empresa e ás súas necesidades en I+D+i. Desde as nosas áreas de coñecemento (materiais avanzados, ECO BIO Tecnoloxías e Industria Dixital) e focalizados na economía circular, axudamos a clientes empresariais de todos os sectores mellorando a súa competitividade.
Con que obxectivos acoden a vós e con que sectores traballades?
Acoden a nós empresas e administracións que buscan un partner tecnolóxico que lles axude a crear valor a través da investigación e dos procesos tecnolóxicos. Ofrecemos solucións transversais que lles permiten xerar produtos e tecnoloxías de alto valor engadido. Axudámoslles en todo o proceso, sempre soportado polos eixos da sustentabilidade e a dixitalización.
Os principais sectores aos que damos soporte son o forestal e a madeira, o plástico, a automoción, a construción, a xestión de residuos, a auga, as TIC, o industrial ou o químico. Ademais, colaboramos con todo tipo de empresas, desde pequenas a grandes corporacións, así como con empresas máis ou menos tecnolóxicas, e a nivel estatal e europeo.
Cales son os principais retos aos que se enfronta a empresa galega?
Poder ofrecer servizos e produtos innovadores, que dean resposta ás necesidades do mercado, dos clientes e usuarios. Que sexan solucións globais e sustentables, aplicables a nivel multisectorial e internacional e que estes produtos e servizos lles permitan manter unha rendibilidade que contribúa ao crecemento da compañía. Neste contexto, desde Cetim apoiamos ao tecido empresarial galego desde a nosa especialización en sustentabilidade, creando valor a través da I+D+i. Centramos a nosa actividade no uso eficiente dos recursos, a valorización de subprodutos e residuos, e a dixitalización para xerar produtos de alto valor engadido e a optimización de procesos.
Cales das vosas solucións son as máis demandadas polas empresas?
En Cetim focalizámonos principalmente na investigación, que leva sempre asociada a sustentabilidade e a transformación dixital como eixos principais. Como centro de referencia en economía circular sempre buscamos que calquera produto ou solución sexa o máis sustentable posible, tanto se estamos a traballar nun novo material como desenvolvendo unha nova tecnoloxía.
Das áreas de coñecemento nas que desenvolvedes a vosa actividade, hai algunha que teña maior peso en Galicia?
As nosas áreas de coñecemento son aplicables transversalmente. Pero si é certo que, polo peso que teñen algúns sectores en Galicia, a demanda vinculada a estes é maior. Destacan os nosos traballos no forestal e madeira, no alimentario, no de construción ou en sectores cun gran potencial de crecemento previsto para os próximos anos, como é o enerxético e o biotecnolóxico.
Considera que a empresa galega é innovadora?
En xeral si, hai unha porcentaxe elevada de empresas innovadoras, aínda que hai que seguir traballando para que, principalmente as pemes, que dispoñen de menos recursos, invistan en innovación. Para iso, nos últimos anos, a Administración galega fixo un gran esforzo na dotación de recursos para o financiamento da innovación empresarial. Por suposto, o noso traballo desde Cetim seguirá focalizado no servizo e a mellora da competitividade das empresas en Galicia.