Inicio
Actualidade

Ao día!

25/04/2023

Tecnoloxía ao servizo do peregrino

Comparte este artigo

A empresa coruñesa Pilgrim Travel permite planificar de xeito interactivo e personalizado unha experiencia á medida do Camiño de Santiago grazas á integración de ferramentas dixitais

Pilgrim Travel é unha startup coruñesa especializada na transformación dixital do Camiño de Santiago. Funciona como un marketplace no que se aglutina toda a oferta de servizos e programas de viaxe máis completa existente para realizar o Camiño, con independencia do modo (a pé, en bici, a cabalo…), a ruta, as preferencias ou as necesidades da persoa que viaxa. 

Roberto Fraga, fundador e CEO da empresa, é, ante todo, un gran namorado do Camiño. Alá polo 2002, tivo un incidente realizando unha das etapas que lle activou a idea primixenia de Pilgrim. “Chovía e metinme no lugar onde gardaba o tractor un veciño da zona. De repente, saíu un can e mordeume. Pasaron 50 minutos ata que chegou a ambulancia, mentres trataba de orientarme e explicar onde estaba”, rememora. “Se isto me pasa a min que son de Vilalba, que lle pasará a un coreano ou a un alemán para ubicarse ou acceder a servizos básicos?”, pensou.

Non sería ata 2016 cando todo comezou a tomar forma, ao abeiro da Universidade da Coruña. O principal reto: ser capaces, partindo de cero, de aglutinar un sector tan atomizado, no que entran en xogo pequenas pensións, albergues, hoteis, restaurantes, empresas de aluguer de bicicletas, farmacias... “Na área de investigación tecnolóxica montamos un grupo para tratar de documentar todos os recursos turísticos, patrimoniais, sociais, económicos... vinculados ao Camiño de Santiago co obxectivo de levalos a unha plataforma dixital na que ofrecer unha mestura de contido informativo e lúdico, como etapas, recursos, espazos naturais, etc., cunha parte máis transaccional, na que a xente puidera reservar hoteis, planificar a viaxe ou contratar servizos”, explica.

Deste xeito, Pilgrim pon a disposición do usuario todo o tecido de aloxamentos e servizos do Camiño de Santiago a través dun planificador interactivo de viaxe que calquera persoa, sen coñecemento algún do Camiño, pode empregar para deseñar unha ruta totalmente personalizada.

No éxito da iniciativa, as cifras falan por si soas. Cada ano, contan con 5 millóns de usuarios únicos na web e xestionan arredor de 25.000 peregrinos. Se tivese que definir ao cliente tipo da plataforma, Roberto ten claro que adoita ser “unha persoa estranxeira, habituada a viaxar e que lle gusta moito gozar de experiencias novas. Busca un Camiño diferente para gozar de todas as capas de valor que ten ao seu redor: aloxamentos típicos galegos como casas rurais, pazos ou hoteis boutique, gastronomía…”, explica.

Por iso, teñen claro que deben seguir explorando a vinculación do Camiño con outras experiencias, como o chamado turismo de raíces, neste caso da diáspora galega, a oferta termal, o mundo do viño… “É unha estratexia clave para deslocalizar o efecto Xacobeo e desestacionalizar a experiencia ao longo do ano, contribuíndo a seguir xerando valor e efecto tractor na Galicia rural”, conclúe o CEO de Pilgrim.

Tamén pode interesarche