Inicio
Actualidade

Ao día!

26/04/2023

Novafrigsa, un centro de procesado de carne de vacún punteiro en Europa

Comparte este artigo

O proxecto da empresa galega para ampliar e modernizar as súas instalacións en Lugo prevé mobilizar 10 millóns de euros e foi declarada Iniciativa Empresarial Prioritaria pola Xunta de Galicia

Novafrigsa pertence ao grupo ourensán Coren, principal cooperativa agroalimentaria de España, desde a adquisición por parte do mesmo da planta de Frigsa no ano 1995. Hoxe é sede do seu centro de procesado de vacún de carne e dos secadeiros de xamóns. Alí Coren canaliza toda a produción de vacún procedente das súas granxas, a elaboración de embutidos e cocidos, ademais do secadeiro de xamóns cunha capacidade para producir máis de 700.000 pezas anuais. Estas instalacións, situadas en Coeses (Lugo), contan con 32.000 m2 de superficie cuberta, sendo así a maior industria de vacún de Galicia, con capacidade para 100.000 reses anuais.

A Xunta de Galicia declarou Iniciativa Empresarial Prioritaria o proxecto de mellora e modernización da planta, que prevé mobilizar investimentos por valor de 10 millóns de euros, e que se calcula que xerará ao redor de 100 postos de traballo entre directos e indirectos.

O proxecto integra a construción dunha nova nave industrial. A batería de melloras previstas para as súas instalacións inclúe tamén a adquisición de maquinaria, equipamento e software que permita a xestión intelixente do sistema de procesado da planta, o que dará como resultado o incremento da produtividade de Novafrigsa e a mellora da calidade dos produtos que ofrece ao consumidor.

Ao automatizar a liña de despezamento, a clasificación do produto, o seu almacenamento e o picking, Coren busca posicionarse a nivel punteiro en Europa e transformar a industria nunha organización intelixente.

Iniciativa Empresarial Prioritaria

A declaración de Iniciativa Empresarial Prioritaria outorga ao proxecto o carácter prioritario na realización dos trámites competencia da Administración autonómica, así como o seguimento e impulso dos trámites por parte da Secretaría Xeral de Industria en colaboración coa Oficina Doing Business.

O proxecto súmase a outras iniciativas empresariais prioritarias xa declaradas. Entre elas, Cortizo (Padrón), Albo (Salvaterra de Miño), Oviganic (Monforte de Lemos), Sogama (Vilanova de Arousa), Agroamb Prodalt (Castro de Rei), Cafés Candeas (Lugo) ou Kern Pharma (Monforte de Lemos).

Tamén pode interesarche