Inicio
Actualidade

Ao día!

02/05/2023

Tecnoloxía galega para facilitar a exportación ao mercado asiático

Comparte este artigo

Monkey Markets é unha startup coruñesa orientada a crear plataformas dixitais para impulsar o comercio entre exportadores agroalimentarios e compradores chineses

Monkey Markets é o resultado de case 10 anos de experiencia dos seus fundadores, Iago Sanmartín e Sebastián Wornham, no mercado chinés, primeiro axudando a fabricantes de alimentos e bebidas en Europa a vender en China e, despois, traballando directamente para as empresas deste país asiático levando as súas compras en Europa. “En 2020 foi cando decidimos empezar a dixitalizar este proceso e convertémonos nunha startup que se dedica a crear pontes dixitais entre China e o resto do mundo”, explica Sanmartín.

Co obxectivo de favorecer ás pemes agroalimentarias exportar aos mercados asiáticos, deseñan plataformas para facilitar e emendar todos os obstáculos que pode atoparse unha empresa no comercio con China, como a opacidade do mercado, a carencia dun punto de encontro, o acceso a información... “O que nos move é axudar a que o comprador poida comprar e o vendedor, vender. As plataformas son verticais e céntranse na xeración de negocio entre os seus usuarios e a súa principal achega é concentrar a todos os axentes que interveñen no mercado e dar luz en todos os aspectos do proceso”, asegura.

Monkey Markets diríxese tanto a exportadores (pemes e grandes empresas autorizadas por China) como importadores (pemes e grandes empresas das 23 provincias chinesas pero situadas principalmente nas cidades de Beijing, Shanghái, Guangzhou e Shenzhen).

A Business Factory Food, a aceleradora do sector alimentario impulsada pola Xunta de Galicia e a Agrupación industrial Alimentaria de Galicia (Clusaga), supuxo un gran empuxe para a iniciativa.

O proxecto foi seleccionado nas dúas primeiras edicións, primeiro na fase de aceleración e despois, na de consolidación. “Decidimos presentarnos para converter a nosa idea nunha realidade. Achegounos a empresas do sector que nos permitiron facer probas reais de mercado, ademais de apoiarnos con formación en diferentes áreas. Financeiramente tamén nos posibilitou crear o que necesitabamos”, explica Iago Sanmartín.

Na actualidade, acaban de crear Meatup para o sector cárnico, unha plataforma que aglutina a exportadores autorizados de 35 países e importadores verificados das 23 provincias de China. A plataforma aglutina un marketplace de ofertas e demandas de produtos, liñas de comunicación directas entre comprador e vendedor con chats integrados, directorio do 100% das empresas target coa información máis relevante de cada unha e un apartado de intelixencia de mercado para a toma de decisións estratéxicas.

Ademais, pecharon unha rolda de investimento na que está XesGalicia. “Os nosos retos de futuro son poder seguir creando plataformas para os diferentes produtos de alimentos e bebidas, ademais de engadir funcionalidades que acheguen máis valor”, conclúe Sanmartín.

Tamén pode interesarche