Inicio
Actualidade

Ao día!

03/05/2023

A Xunta apoia a planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas de Galicia

Comparte este artigo

Ata o 14 de xuño está aberta a convocatoria de apoios para contratar, entre outros, servizos xurídicos ou técnicos para a mellora da planificación enerxética

A Axenda Enerxética de Galicia 2030, impulsada pola Xunta de Galicia, prevé un investimento de máis de 630 millóns de euros para fomentar as enerxías renovables, a eficiencia enerxética e a economía circular nos vindeiros anos, co obxectivo de que Galicia sexa unha rexión neutra en carbono no 2050. Neste contexto, a Administración autonómica, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), ten aberta unha convocatoria de apoios orientada á planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas de Galicia.

O obxectivo desta planificación non é outro que o de fomentar a merca de enerxía conxunta e impulsar un novo modelo baseado no aforro, na eficiencia e na sustentabilidade.

Que tipo de proxectos son subvencionables?

A convocatoria contempla dúas grandes liñas de apoio. A primeira delas céntrase na planificación enerxética de concellos ou agrupacións de concellos. Concretamente, apoia a contratación de servizos xurídicos ou técnicos para a mellora da planificación enerxética e a contratación das subministracións enerxéticas das entidades locais.

Deberá elaborarse un estudo estratéxico para dita subministración, no que se contemple a promoción do aforro enerxético, xunto coa análise xurídica e a posta en marcha dun proceso de contratación centralizada da enerxía.

Por outra banda, a convocatoria contempla tamén a planificación enerxética de comunidades enerxéticas constituídas ou en fase de constitución. Neste caso, apoia a contratación dos servizos de asistencia técnica ou xurídica para a definición das infraestruturas enerxéticas necesarias e a definición, elaboración ou ampliación dos estatutos que rexen ou rexerán a operativa e xestión da comunidade enerxética a partires da súa constitución.

Os solicitantes poden escoller as empresas que os asesoren, aínda que para facilitar o contacto entre os solicitantes e os provedores, o Inega conta con esta listaxe de empresas interesadas en prestar servizos de planificación  enerxética ás entidades locais e comunidades enerxéticas.

Contía e intensidade das axudas

O crédito máximo segundo a tipoloxía de actuación será de 500.000 euros para a planificación enerxética de concellos e 100.000 euros para comunidades enerxéticas.

A intensidade de axuda dependerá dos concellos que acheguen subministracións enerxéticas ao contrato centralizado: un 30% para concellos sen agrupar, un 50% para agrupacións de 2 a 5 concellos e un 70% para agrupacións de máis de 6 concellos. Cabe destacar que os Concellos Emprendedores de Galicia contarán cun incremento adicional dun 15%. Establécese unha axuda máxima de 15.000 euros por concello, que se aplicará individualmente a cada concello da agrupación.

No caso das comunidades enerxéticas, a intensidade da axuda será do 80 % do custo elixible da actuación cun máximo de 15.000 euros de axuda por solicitude.

Serán subvencionables os gastos e investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2023. O prazo de solicitudes está aberto ata o 14 de xuño.

Máis información: https://www.inega.gal/subvencions/subvencions/aforro/2023/ficha_aforro2023_0003.html

Tamén pode interesarche