
Ao día!

E de sobremesa… innovación
A motivación de Biobocado é ofrecer aos seus clientes unha alimentación saudable, unha forma para comer diferente, que favorece tanto a nivel físico, como mental e emocional. A súa fundadora, Noelia Ron Vega, que xa estaba moi implicada coa alimentación saudable a nivel persoal posto que impartía talleres orientados a trasladar esta filosofía ao día a día das persoas, detectou a falta dun servizo que ofrecese comidas deste tipo e decidiu poñerse ao choio.
Biobocado ten previsto o lanzamento dunha liña de repostería saudable que puido desenvolver grazas a ser beneficiaria dos Bonos de Innovación impulsados pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación. Trátase de produtos sen glute e veganos, formulados a partir de ingredientes naturais, unha materia pendente que tiñan, debido a que ademais de que a repostería tradicional contén moito azucre, non é sinxelo conseguir bos resultados sen glute. Co apoio deste programa, puideron contratar servizos de asesoramento externo que lles facilitaron a investigación nese campo, para desenvolver este novo produto alternativo, saboroso e ao mesmo tempo saudable.
Biobocado pon ao alcance dos seus clientes un menú integrado por propostas equilibradas baseadas no prato de Harvard, unha guía nutricional que divide un prato en tres partes, metade froita e verdura e a outra metade repartida a partes iguais entre proteínas e hidratos de carbono. As súas receitas compóñense de materia prima ecolóxica, cereais integrais ou tubérculos e proteínas de calidade, aínda que non necesariamente de orixe animal. Trátase dunha cociña moi natural que non implica moita mestura de ingredientes, polo que dispoñen dunha gran variedade de pratos sen glute, veganos e vexetarianos para servir ás persoas que teñen intolerancias ou necesidades especiais.
A clave do éxito deste novo negocio lucense é a mostra de que unha boa nutrición implica un beneficio directo sobre o corpo e o propio usuario experimenta alimentándose saludablemente. “A materia prima coa que traballamos é excepcional, cociñamos sen frituras e non reciclamos ningún tipo de aceite. A calidade rodea a todo produto, non só os seus ingredientes, senón tamén a elaboración e isto redunda automaticamente no ben que lle senta á xente a nosa comida”, segundo explica a súa fundadora. O trato persoal é outro dos seus trazos diferenciadores, de feito, aínda que dispoñen de servizo a domicilio, a maior parte do volume de vendas xérase na tenda física.
A Noelia Ron gustaríalle poder seguir incorporando novos produtos e abrir máis tendas: “Non quero renunciar a un negocio pequeno de contacto directo co cliente porque penso que é un punto de calidade, pero unha evolución natural sería poder abrir outros locais como este noutras localizacións ou cidades, pero mellor ir sen risco e aos poucos”.
Bonos de Innovación
O programa Bonos de Innovación ten como obxectivo impulsar os primeiros pasos para innovar nas microempresas e pemes galegas. Contempla diferentes liñas e apoia actividades que poidan levar a cabo de maneira inmediata a través da contratación de servizos profesionais externos para alcanzar un salto cualitativo e cuantitativo na súa actividade de I+D+i a curto prazo e que repercutan directamente na capacidade para dar resposta aos retos actuais das empresas. Tras o éxito da primeira convocatoria, a edición 2023 conta cun orzamento de 750.000 euros, cos que se prevé mobilizar máis dun millón.