Inicio
Actualidade

Ao día!

10/05/2023

Conservas tradicionais e para todos os gustos, desde Cambados para o mundo

Comparte este artigo

Traballar como antigamente se facía, tratando o produto de forma manual e con sumo coidado, con toda a frescura da materia prima, é a marca de identidade de Real Conservera Española, que crece ano a ano tanto en facturación como en presenza internacional

A orixe desta empresa galega remóntase ao ano 1920, coa inauguración da primeira planta de conservas da familia Pena en Cambados. Pero non é ata 2008 cando Conservas Pena se transforma en Real Conservera Española. Desde entón, cambiaron moitas cousas, pero non o máis importante, en palabras de Lucrecia García, directora xeral da empresa: “Manter a tradición do sector conserveiro, preservando os métodos de elaboración, tanto en canto á manipulación de peixe e marisco como na preparación de salsas e coberturas”. Priorizar a calidade fronte á produtividade e non pensar nas horas que leva senón en facelo ben segue sendo unha das máximas da compañía.

De entre todos os produtos de Real Conservera Española, peixes e mariscos que proceden exclusivamente das rías galegas, destacan especialmente dúas: a xouba en todas as súas variedades (en oliva, en oliva picante e oliva limón con condimentos naturais) e os mariscos de ría (mexillón, ameixa, navalla, zamburiña, berberecho e ourizo). Ao contrario que o mexillón, moi recoñecido a nivel internacional e fácil de vender, as navallas ou as zamburiñas son moitas veces especies que non se identifican ou que o consumidor non acostuma a consumir en conserva.

Mercado internacional e dixitalización

Grazas á súa incursión en novos mercados internacionais, pasaron de ser unha pequena empresa familiar do sector gourmet a facturar o ano pasado 2,4 millóns de euros, cifra que se incrementou case un 30% durante os catro últimos anos. As conservas de Real Conservera Española xa poden atoparse ademais de en multitude de países europeos (Francia, Italia, Alemaña, Suíza, Romanía, Dinamarca, Países Baixos…), en Estados Unidos e Australia. Ademais, a marca atópase en fase de negociación para introducir o seu produto tamén no mercado asiático, concretamente Emiratos Árabes e Corea.

Lucrecia García valora positivamente a intensificación da presenza en redes sociais de empresas do sector e asegura que a innovación non está rifada con esa forma tradicional e artesanal de facer as cousas que lles caracteriza: “Saber como estamos a facer as cousas e ter datos en tempo real é moi valioso para mellorar e ser máis competitivos”. Destaca neste sentido que a súa aposta pola dixitalización tivo un peso fundamental no crecemento exponencial que a compañía experimentou nos últimos anos: “Pasamos de non ter nada a xerar tráfico nacional e internacional na nosa propia plataforma de venda na web”.

Sustentabilidade e valor humano, obxectivos prioritarios

A sustentabilidade constitúe unha das prioridades de Real Conservera Española, que desde sempre apostou polas artes de pesca menos invasoras, o cumprimento das vedas e os límites de captura para garantir o futuro da biodiversidade mariña. A compañía conta na actualidade cun plan de compromiso sostible que inclúe obxectivos de redución de auga e consumo enerxético e transformación a enerxía renovable, así como reutilización de residuos e uso de material reciclable.

Non menos importante para a compañía é continuar afianzándose en base ao valor humano inherente á empresa familiar. Gran parte do persoal intégrana persoas que levan décadas traballando na conserveira, que se preocupa por manter ese vínculo de agarimo coa “súa xente”, os traballadores, “RSC levada a un nivel moi familiar e particular”.

Tamén pode interesarche