Inicio
Actualidade

Ao día!

11/05/2023

Cando a “coctelería peliqueira” se converte nunha peza artesá

Comparte este artigo

A ceramista de Cambre (A Coruña) Laura Delgado é a creadora das singulares pezas que compoñen a colección de vasos pola que foi galardoada co Premio Artesanía de Galicia 2022

En 2015 decidiu darse unha última oportunidade como artesá coa inauguración do seu taller en Cambre e aos poucos foi abríndose camiño a través dos traballos que lle ían saíndo ata colaborar activamente na actualidade coa elaboración de pezas únicas para restaurantes galegos de renome. As creacións de Laura Delgado poden adquirirse tanto a través das súas redes sociais como no propio taller, ademais de nalgunhas tendas físicas en Santiago de Compostela, Pontevedra e Madrid.

Delgado xa pertencía a Artesanía de Galicia cando xurdiu “Artesanía no Prato”, un proxecto impulsado pola marca que nace coa finalidade de xerar unha interrelación entre artesanía, deseño e gastronomía, dando a coñecer o potencial das pezas artesás como soporte das creacións culinarias.

Así foi como aproveitando as oportunidades que se lle ían presentando e o auxe da hostalería especialmente na cidade da Coruña, a aposta de Laura Delgado por dedicarse profesionalmente á artesanía foi gañando solidez. Hoxe en día cociñeiros de referencia como Pepe Solla, Lucía Freitas ou Juan Crujeiras presentan as súas propostas gastronómicas en pezas da súa autoría, ademais de multitude de restaurantes de prestixio como Millo, A Maceta, Sinxelo, Morrofino, ou os do Grupo Peculiar, entre outros. “Fundamentalmente todo tipo de aveños para hostalería fabricados en gres e porcelana, materiais duros e resistentes de moitos tipos, coloracións e texturas, que en definitiva dan lugar a acabados practicamente infinitos”, explica.

Inspiración: Carnaval de Ourense

Delgado acaba de recibir o Premio Artesanía de Galicia 2022 pola súa colección ‘O mundo do revés. Coctelería peliqueira’, unha colección de vasos para cóctel que imitan o concepto dos denominados vasos “tiki” da cultura polinesia, pero neste caso decorados con motivos dos personaxes do entroido tradicional da provincia de Ourense.

Tras moito tempo querendo facer algo para coctelería e saírse un pouco do traballo rutineiro do taller, partindo da base de que os vasos cerámicos están presentes sobre todo na coctelería tiki e, despois de moito pensar, buscando darlle un sentido máis noso, atopou en Instagram a inspiración que lle permitiu materializar a súa orixinal creación.

Artesanía de Galicia

Para Delgado, a marca Artesanía de Galicia aporta en varios sentidos “o feito de que nestes últimos anos se sumaron multitude de talleres fai subir o nivel e mellorar a calidade, o que favorece a marca, enxálzaa e dános moita máis visibilidade en conxunto”. Respecto a esa visibilidade, destaca que a marca ofrece a oportunidade de participar en campañas, feiras e eventos que de forma individual non se poderían contemplar.

As orixes de Artesanía de Galicia remóntanse á iniciativa da Asociación Galega de Artesáns nos anos 90. O modelo foi adoptado pola Xunta de Galicia no ano 2000, converténdose nunha marca oficial cun regulamento propio cuxo obxectivo principal é servir de paraugas ofrecendo unha imaxe común, harmónica, coordinada e representativa dos produtos artesanais galegos. Un selo de prestixio que constitúa un sinal de identidade propia e garantía de calidade para os consumidores.

Tamén pode interesarche