Inicio
Actualidade

Ao día!

03/08/2023

Galletas con sorriso e sabor a Galicia

Comparte este artigo

As súas pastas con sorriso de chocolate para acompañar o café convertéronse xa en toda unha icona. Calidade, deseño e orixe danse a man na traxectoria de éxito empresarial de Biscuits Galicia

Biscuits Galicia naceu no ano 2005 no marco dun proxecto emprendedor xurdido no seo da antiga Escola de Negocios de Caixanova e que consistía en poñer en marcha a primeira fábrica de galletas galega. “Galicia é unha rexión cun elevado consumo desta clase de produto e por entón chamábanos a atención o feito de que non houbese ningunha empresa capaz de atender esta demanda”, explica Pablo Troncoso, co-administrador da compañía. “Fixemos un estudo de mercado previo, adquirimos maquinaria punta en Italia, logramos financiamento a través de socios capitalistas e decidimos apostar polo proxecto instalando a fábrica no Porriño (Pontevedra)”, continúa.

Arrinca así a traxectoria dunha empresa que fixo da calidade, a orixe galega e o deseño os seus tres acenos de identidade. Comezaron fabricando galletas destinadas á canle de hostalería e posteriormente foron diversificando a súa carteira de produtos e de canles, logrando presenza nas principais cadeas de supermercados e elaborando a maiores outras variedades de repostería, como madalenas, biscoitos ou galletas salgadas tipo "cracker".

Na actualidade, contan cun equipo próximo ás 30 persoas e xa comercializaron unhas 1000 toneladas de galletas e madalenas, o que equivale a unha produción diaria de máis de 300.000 unidades.

Para Pablo Troncoso, unha das claves do éxito é desenvolver un produto atractivo, saboroso e de calidade. “Para iso traballamos cos mellores pasteleiros e técnicos elaboradores que empregan receitas procedentes da tradición reposteira galega, así como facéndonos con materias primas seleccionadas”, explica. Xunto con iso, a orixe galega, implícita na marca, conseguiu posicionar e diferenciar ao produto no mercado. “Somos a primeira marca de galletas de España que ofrece unha clara diferenciación xeográfica e o noso márketing destaca este factor que indubidablemente achega valor ao produto e é apreciado polo consumidor”.

Biscuits Galicia é tamén un claro exemplo de peme innovadora para seguir sendo competitivos e adaptándose ás necesidades dos consumidores. “Para nós a innovación é fundamental. Traballamos con ela a través das súas múltiples facetas: innovación en produtos, desenvolvendo novas familias, novas variedades, novas receitas, novos formatos...; e innovación en procesos, implantando en fábrica, por exemplo, un sistema de envasado único en Galicia, maquinaria de pastelería inédita en España ou desenvolvendo solucións técnicas a medida”, detalla.

Ademais, participaron en diferentes proxectos europeos de investigación en colaboración coas universidades galegas. Entre eles destaca Lacmetabol, cuxo obxectivo era caracterizar e desenvolver péptidos lácteos para baixar o nivel da glicosa plasmática e xerar sensación de saciedade, contribuíndo ambos os aspectos á mellora da síndrome metabólico.

Na actualidade, Biscuits Galicia conta con presenza comercial en España, Portugal e Bélxica e esperan pechar 2023 cunha facturación superior aos 3,2 millóns de euros.

Coa vista posta no futuro, “nestes momentos estamos a relanzar a marca e todos os seus produtos mediante a implantación dun plan de mellora da nosa competitividade e tras deixar atrás os duros efectos da crise covid-19 e a crise inflacionista. A maiores, seguimos diversificando a nosa carteira de produtos, clientes e canles de comercialización. O noso obxectivo é seguir crecendo con forza dentro do mercado nacional e internacional e continuar medrando”, conclúe Pablo Troncoso.

Tamén pode interesarche