
Ao día!

100 anos apostando por un produto de calidade e con orixe en Galicia
Jamones González, que conta con 14 traballadores en persoal e unha facturación anual de 2 millóns de euros, celebra 100 anos comercializando produtos tan representativos da nosa cultura culinaria como o son o xamón e os embutidos cárnicos, buscando en todo momento a maior calidade e diferenciación posible.
Carmen González, xerente desta pequena empresa familiar, asegura que as claves do éxito foron manterse fieis ao proxecto orixinal que os seus antepasados puxeron en marcha baseado na forte aposta por un produto de calidade e con orixe en Galicia e un excelente equipo humano que desde o principio lles axudou a consolidarse. A de Carmen, representa a terceira xeración da empresa, condicionada fortemente polos valores inherentes á empresa familiar, “é interesante que as novas xeracións entendan e aprecien eses valores, a historia, as tradicións, a familia…” explica, “todo iso implica sacrificio, xenerosidade, honestidade, respecto e responsabilidade social”.
Entre a variedade de produtos que ofrecen, diferentes elaboracións cárnicas derivadas de porcino, atopámonos cunha liña convencional e outra Ecolóxica, procedendo de porcos de raza Duroc a materia prima no primeiro caso e de porco Duroc ecolóxico e porco ecolóxico celta no segundo. As súas principais áreas de negocio son o Xamón Curado e Desosado en primeiro lugar, embutidos a continuación, e por último a de salgadura, entre a que cabe destacar a elaboración de Lacón galego, certificado con denominación Indicación Xeográfica Protexida (IXP). A carne magra característica do porco de raza Duroc xunto co seu alto grao de infiltración de graxa, é perfecta para a elaboración de produtos curados como o xamón e lacón ademais de para embutidos como chourizo ou salchichón polo seu excelente sabor.
A rastrexabilidade é un factor clave para a empresa, debido a que contan coa súa propia granxa de porcos de raza Duroc, o que lles permite ter un control da materia prima empregada na elaboración dos seus produtos e asegurar ao 100% a calidade final. “Criar os nosos propios porcos garántenos unha materia prima que reúne todas as características necesarias para obter as propiedades organolépticas desexadas”.
Utilizan un método tradicional de curación transmitido de xeración en xeración, realizando primeiro a salgadura e o lavado e o asentamento de pezas a continuación, para así comezar a fase de curación propiamente dita ata alcanzar o estacionamento, finalizando por último co tempo necesario de maduración en bodega. As instalacións de Jamones González contan coa máis moderna tecnoloxía e un sistema de Análise de Perigos e Puntos de Control Críticos que garante a seguridade e cumpre os máis rigorosos controis sanitarios, de hixiene e desinfección. Esa síntese entre tradición e modernidade, calidade e innovación en todo o proceso de produción é a clave para conseguir un produto de sabor e calidade inconfundibles.
Primeiros pasos no exterior con Galicia Avanza
Aínda que a distribución se fai principalmente en Galicia e o norte de España, parte das delicias de Jamones González comercialízanse tamén no exterior. O seu paso polo Programa Galicia Avanza axudoulles a dar estes primeiros pasos no mercado internacional, “a información e a axuda que nos facilitaron para iniciar os trámites necesarios para vender no exterior, coñecer todos os aspectos nos que debiamos incidir e tamén facendo seguimento”, destaca a xerente.
O programa Galicia Avanza, impulsado pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), busca favorecer o acceso das pemes galegas ao mercado internacional desde a I+D+i e a sustentabilidade.
Trátase dun programa de aceleración de oito meses de duración con itinerarios personalizados en ámbitos como o estudo do mercado, a estratexia de márketing, a adaptación de produtos e servizos, o deseño e rexistro de marcas e certificacións ou a estratexia de acceso ao mercado. As empresas participantes tamén poden acceder a mentorización e asesoramento, capacitación e formación comercial e técnica e encontros finais para darlles visibilidade.