Inicio
Actualidade

Ao día!

27/10/2023

Nace a Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas

Comparte este artigo

O seu obxectivo é sumar esforzos e avanzar no liderado de Galicia nesta materia a través da alianza da Xunta de Galicia, os centros tecnolóxicos e de investigación, as universidades e o sector empresarial

A nova Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas está integrada pola Xunta, a través das consellerías de Economía, Industria e Innovación e a de Sanidade, así como da Amtega, as tres universidades do sistema universitario galego, o Cesga, o Clúster TIC, os Hubs de Innovación Dixital DIHGIGAL e DATAlife, o centro tecnolóxico Gradiant, o Fujitsu International Quantum Center e o Centro de Tecnoloxías Fotónicas (Aephos).

O seu obxectivo é establecer unha rede de colaboración que facilite o desenvolvemento dun ecosistema completo de coñecemento e industrial ao redor destas tecnoloxías, mellore o posicionamento e visibilización das capacidades de Galicia e impulse a súa adopción polo tecido empresarial.

Concretamente, entre os cometidos da Rede atópanse:

  • Impulsar a colaboración entre os axentes en tecnoloxías cuánticas, permitindo un mellor aproveitamento das capacidades e xerando sinerxías.
  • Fomentar a participación conxunta en proxectos de I+D.
  • Coordinar as infraestruturas e recursos.
  • Coordinar accións de comunicación e difusión.
  • Colaborar no posible desenvolvemento de estudos de demanda, prospectiva e observación tecnolóxica.
  • Promover os cambios regulatorios que se requiran.
  • Ensinar ferramentas e instrumentos específicos para o desenvolvemento destas tecnoloxías.
  • Fomentar o seu uso nos sectores económicos estratéxicos de Galicia e a xeración de empresas especializadas.
  • Promover o posicionamento da Rede fóra de Galicia.
  • Atraer industria e capital humano cara a nosa Comunidade.
  • Coordinar co sector educativo e outros axentes formación especializada.

Esta Rede enmárcase no Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia, lanzado en 2022, no que se están a realizar investimentos por importe de máis de 30 millóns de euros e no que xa se crearon máis de 40 empregos directos de alta cualificación.

Ademais, Galicia é a primeira Comunidade Autonóma en contar cun computador cuántico de gran capacidade no Cesga. Inaugurado o pasado 2 de outubro, trátase do  computador cuántico con maior potencia (32 cúbits) instalado nunha institución pública de I+D+i no sur de Europa. A infraestrutura supón un investimento de 13,9 millóns de euros, financiados pola Xunta de Galicia con fondos do programa React UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 dentro da súa aposta pola transición dixital do sistema produtivo e por contar coas mellores infraestruturas de investigación.

O novo computador cuántico permitirá ás empresas, centros tecnolóxicos e grupos de investigación mellorar a súa competitividade e produtividade ao acceder a unha ampla variedade de aplicacións que transformarán os seus procesos e mellorarán as súas estratexias de investimento, o que requirirá de persoal cualificado.

Ao computador súmanse o Quantum Communication Center da Universidade de Vigo e o International Quantum Center de Fujitsu en Galicia, a participación galega no Plan Complementario de Comunicación Cuántica e a primeira edición este curso do Máster Interuniversitario de Cuántica.

O impacto destas tecnoloxías permitirá acelerar o desenvolvemento económico en practicamente todos os sectores, contribuíndo a crear unha Galicia máis moderna e innovadora.

Tamén pode interesarche