
Ao día!

Entrevista a Fernando Val López, director xeral de EnergyLab
EnergyLab é un centro tecnolóxico privado e sen ánimo de lucro nacido en 2008 e orientado ao desenvolvemento de actividades de I+D+i vinculadas á descarbonización a través de uso eficiente e sustentable dos recursos.
En que sectores están enfocados e cal é o papel de EnergyLab na cadea de valor do tecido empresarial galego?
Traballamos en todos os sectores, tanto no sector primario (agricultura, gandería, pesca e forestal) como no secundario (industria) e no de servizos, no marco de dous eixos estratéxicos: a descarbonización e o uso eficiente e sustentable dos recursos na nosa sociedade e a transformación dixital dos procesos.
O noso papel consiste en axudar ás empresas, tanto grandes como pemes, na innovación tecnolóxica de procesos e produtos e servizos, en toda a súa cadea de valor, mellorando a súa competitividade e achegándolles solucións de alto valor engadido.
Cales son as súas liñas prioritarias de I+D?
Focalizámonos en tres áreas principais. A primeira delas é a bioenerxía, na que traballamos o aproveitamento de residuos de orixe orgánica, a súa caracterización, valorización e conversión en distintos gases renovables polo roteiro biolóxico ou termoquímico. En segundo lugar, ecosistemas urbanos e industria, centrados na aplicación de tecnoloxías de simulación e intelixencia artificial para a xestión enerxética avanzada na industria e en todo o relacionado coa eficiencia enerxética e a sustentabilidade. Por último, tecnoloxías da enerxía, que se orienta aos usos e aplicacións de distintas fontes enerxéticas, especialmente na aplicación e usos dos biocombustibles e o hidróxeno, e na produción de hidróxeno e os seus carriers pola vía electroquímica.
No contexto actual de transición enerxética, como valora o potencial innovador galego en materia de sustentabilidade e economía circular?
Na miña opinión a empresa galega ten un bo perfil innovador, pero aínda hai bastante traballo que facer, sobre todo nas pemes. No mundo empresarial hai unha especial preocupación por como afecta o custo da enerxía nas operacións e, por tanto, están a desenvolverse moitas iniciativas para lograr un control enerxético intelixente da produción e poder así adoptar medidas para ser moito máis eficientes.
Doutra banda, en Galicia, hai un enorme potencial no uso eficiente dos recursos e estanse desenvolvendo numerosos proxectos dentro do concepto que poderiamos denominar economía circular: valorización de residuos, uso de recursos renovables, ecodeseño, a xestión do ciclo da auga, etc.
En Energylab, por exemplo, desenvolvemos proxectos para reducir as perdas e o desperdicio no sector agroalimentario a través de ferramentas dixitais, a valoración das dexeccións xeradas en explotacións avícolas para a obtención dunha fonte de enerxía renovable e a transformación de modelos produtivos lineais a través da monitorización de estratexias de economía circular mediante ferramentas de xestión ambiental.
Galicia é unha das comunidades mellor posicionada no ámbito das enerxías renovables. Cales son os retos de futuro?
Galicia posúe os recursos necesarios para ser protagonista no mundo das enerxías renovables, grazas ao potencial da enerxía eólica on shore e a hidráulica como da biomasa ou a xeotermia, e para contribuír de forma relevante aos ambiciosos obxectivos de descarbonización que se están marcando, tanto a nivel nacional como europeo.
Aínda así quedan retos por desenvolver no ámbito da enerxía mariña off-shore, os gases renovables, o hidróxeno e os seus carriers, o almacenamento e os biocombustibles. Neste sentido é moi importante que se avance de forma global en todas estas liñas, baixo o principio de neutralidade tecnolóxica, para que a transición enerxética sexa unha realidade e se alcancen os obxectivos marcados a nivel nacional e europeo.
Que bazas ten Galicia para converterse nunha das zonas de referencia do hidróxeno verde e que impacto pode supoñer para o ecosistema empresarial?
Galicia está chamada a desempeñar un rol clave dentro do ámbito do hidróxeno no noso país porque conta cos ingredientes necesarios: xeración de enerxía renovable, unha situación xeográfica estratéxica e a potencialidade dos portos galegos para poder desenvolver un hub de hidróxeno.
A clave vai estar na demanda e que os prezos sexan competitivos, especialmente naqueles sectores nos que a electrificación non sexa unha opción realista. Sen dúbida que o papel da innovación tecnolóxica será fundamental para poder conseguir estes obxectivos.
Participan na Unidade Mixta Gas Renovable, cofinanciada pola Xunta de Galicia, xunto con Naturgy e Edar Bens. Cal é o impacto deste proxecto no campo do aproveitamento enerxético das augas residuais?
Este proxecto naceu, inicialmente, para investigar sobre a xeración de biogás e biometano a partir dos residuos xerados na EDAR, a súa inxección á rede de gas, e na súa última etapa orientouse á xeración de hidróxeno mediante electrólise e ao blending en rede do hidróxeno e o biometano, para analizar como afecta ás infraestruturas actuais e á súa posible separación en destino.
Supón un fito moi relevante na investigación no mundo dos gases renovables e abriu o camiño a seguir para a implantación do biometano en España como unha ferramenta indispensable para a descarbonización da sociedade.