Inicio
Actualidade

Ao día!

18/12/2023

Entrevista a Marcos Saavedra Seoane, fundador de DesignThinking.gal

Comparte este artigo

“Innovar non é caro, o que é moi caro é non facelo”

Designthinking.gal é unha consultora galega que desenvolve programas de formación e proxectos de innovación a través da metodoloxía do Design Thinking. O seu principal obxectivo é impulsar a innovación en Galicia.

Con que obxectivos naceu DesignThinking.gal?

Principalmente nacemos co obxectivo de dar a coñecer a innovación centrada nas persoas tanto ás organizacións como á sociedade galega en xeral. Comezamos en 2014 e apostamos desde o inicio por unha innovación inclusiva e diversa, onde calquera persoa puidese innovar independentemente das súas características. O importante é dotar ás persoas das ferramentas axeitadas e xerar un espazo de confianza onde se poidan expresar. Hoxe en día traballamos para organizacións de España e Latinoamérica e nos sectores máis diversos, desde o social ao tecnolóxico pasando polo educativo ou o industrial.

En que consiste exactamente a metodoloxía Design Thinking?

O Design Thinking é unha metodoloxía de innovación centrada nas persoas que comeza por atopar as necesidade reais dos usuarios/as: os famosos insights. A partir destes insights realízase un proceso creativo, o cal se concreta nun prototipo, e remata cun testeo co público obxectivo. É unha metodoloxía que funciona por interaccións rápidas e baratas e que nos permite implementar solucións moi contrastadas cos usuarios/as, o que aumenta as súas probabilidades de éxito.

A miúdo asóciase innovación unicamente con investimento tecnolóxico. Que enfoque integral debe ter a innovación na empresa e a que aspectos se pode aplicar?

A innovación non deixa de ser unha ferramenta que temos os humanos para solucionar problemas ou necesidades, polo tanto pode aplicarse en calquera ámbito.

En canto ao enfoque, para empezar sería moi interesante que as organizacións fosen conscientes de que innovar non é caro, o que é moi caro é non facelo. Hai moitos exemplos ao longo da historia de organizacións líderes no seu sector que desapareceron por deixar de innovar.

Unha vez que apostamos pola innovación, o ideal sería que esta formase parte da cultura da organización, xa que facilitará os procesos para innovar, obteranse mellores resultados e será moito máis sustentable a longo prazo.

Cales son as claves para implantar a cultura de innovación nunha empresa ou organización?

Cremos que a maior clave é ter un propósito compartido, desde a/o CEO ata o último traballador/a, o cal motive a realizar ese cambio cultural.

A partir de aí hai que coñecer ás persoas que forman parte da organización, identificar as barreiras que están bloqueando ou poden bloquear ese cambio e aprender facendo.

Que retos deben afrontar as pequenas e medianas empresas para innovar?

Un dos maiores retos nas pemes penso que é atopar eses espazos de confianza para que xurda a innovación. Normalmente estes perfís de empresas, sobre todos as pequenas, soen ter os recursos moi axustados en persoal e tempos. Isto, unido ás diferentes lendas sobre a innovación, coma que é cara, complexa ou que só ten que ver coa tecnoloxía, fai que lles resulte moi complicado plantexarse comezar a innovar.

Traballamos con moitas pemes durante estes anos xerando eses espazos e sabemos que é factible, moitas veces é cuestión de cambiar o chip e vencer esas barreiras.

Afirman que o futuro da innovación nas empresas está nas chamadas Comunidades de Innovación. Que son e cal é a súa importancia?

Poderíamos definir unha Comunidade de Innovación como un conxunto de persoas que teñen como interese común innovar ou mellorar o establecido, facendo avanzar á súa organización, sector ou á sociedade en xeral.

O traballo en comunidade é tan vello coma o ser humano e foi unha das claves que nos fixo chegar ata aquí como especie. A vantaxe coa que contamos actualmente son as tecnoloxías para a comunicación, as cales nos permiten chegar a volumes de xente e latitudes que antes eran inviables.

Nun mundo onde todo vai cada vez máis rápido, necesitamos estar conectados de forma permanente con todo o noso ecosistema, detectando de forma áxil necesidades ou oportunidades que nos permitan seguir sendo útiles aos nosos usuarios/as e por tanto sobrevivir.

As propias dinámicas que se xeran nas comunidades dan lugar a un proceso de aprendizaxe moito máis áxil e exponencial que o tradicional, o que permite incrementar o valor das organizacións. Actualmente non existe unha innovación máis rápida e mellor que a que pode levar a cabo unha comunidade de innovación motivada.

Ademais, a xeración de comunidades de innovación supón un investimento moi baixo para as compañías en comparación co retorno que xeran de forma continua e a longo prazo.

Tamén pode interesarche