
Ao día!

Drons galegos para a inspección visual de estradas
Os enxeñeiros aeronáuticos Javier Losada e Juan Pan, ambos cunha sólida traxectoria profesional ás súas costas, levaban 10 anos buscando crear unha empresa baseada en drons e durante a pandemia decidíronse a investigar cal sería a mellor estratexia. O resultado daquel proceso foi o xerme de Aguia.
“En Aguia aplicamos a intelixencia artificial para analizar os defectos no pavimento das estradas, a través de imaxes obtidas por drons. Proporcionamos unha avaliación do pavimento baseada na inspección visual, recuperando un método ASTM (organización de estándares internacionais) que non se usaba regularmente desde facía décadas, debido aos seus altos custos de execución”, explican os seus responsables.
Grazas á súa tecnoloxía, detectan todas as gretas e fochancas no pavimento, xerando un informe do estado xeral da capa de rodadura. Ademais, achegan as imaxes e, o que é case máis importante, a medición de lonxitudes e áreas dos defectos, o que permite unha análise detallada e un seguimento na evolución dos mesmos. “Toda esta información podémola exportar a formatos que poden integrarse nos xemelgos dixitais dos clientes. Podemos realizar informes de miles de quilómetros de estradas, detectando gretas de soamente uns centímetros. A día de hoxe non atopamos a existencia de nada similar no mercado global”, recalcan.
Aguia foi un dos proxectos acelerados no itinerario de incubación na IV edición da Business Factory Aero, a aceleradora de carácter vertical xurdida no contexto do programa Civil UAVs Initiative, da Xunta de Galicia, que busca promover o desenvolvemento de empresas innovadoras do sector aeroespacial galego. “Necesitabamos un impulso definitivo para comezar a actividade da empresa, así como coñecer o ecosistema galego ao redor dos UAS”, explican. “BFAero IV proporcionounos a oportunidade de contratar talento local nas universidades galegas, así como a realización dunha proba de sistema para a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), xerando o noso primeiro produto comercialmente viable, o SPA (Smart Pavement Analytics) V1.0”, continúan.
Na actualidade, o seu principal reto é comercializar o SPA V1.0, así como obter novas funcionalidades que o convertan nun produto imbatible para a inspección visual de estradas.