
Ao día!

O ecommerce galego que conquista Europa desde Ponteareas
Don Disfraz é un dos grandes ecommerce europeos do seu sector e ten ADN galego: concretamente de Ponteareas. A súa orixe está nunha tenda que vendía un pouco de todo, do mesmo xeito que facían moitos ultramarinos de pobo: desde lambetadas ata alimentación, pasando por libros ou calzado. Na súa oferta tamén se atopaba o alugueiro de disfraces para o entroido e as festas medievais que se recreaban pola zona.
Os fillos dos donos do establecemento, Pilar e Roberto Rodríguez, decidiron facerse cargo do negocio cando estes se xubilaron e abriron en 2004, baixo o nome de Don Disfraz, unha tenda en liña de venda de disfraces. Coñecían o sector, os tecidos, as tendencias, os gustos da xente… e a súa intención inicial non era outra que, mantendo os seus respectivos traballos, obter uns ingresos extra durante o entroido. Pero, a diferenza dunha tenda física, internet permitíalles abrir todo o ano e a primeira sorpresa foi darse conta de que, finalizada a campaña, seguían xerando vendas que, aínda que modestas, eran continuas: festivais de fin de curso, despedidas de solteiro/a, entroidos de verán, festas medievais ou de romanos, Samaín, Nadal, cabalgatas de Reis, etc.
Desde entón, e co impulso dos seus promotores, as cifras non fixeron máis que aumentar ata consolidar o seu liderado tanto dentro como fóra das nosas fronteiras. Don Disfraz vende hoxe a través da súa propia tenda en liña en España, Francia, Italia, Alemaña e Portugal, ademais de chegar a estes e outros países de Europa mediante marketplaces como Amazon.
A oferta de Don Disfraz é extensa e variada. Non en balde, contan cun catálogo de 18.000 referencias. Manteñen a venda presencial nas súas propias instalacións de Ponteareas exclusivamente durante as campañas, onde tamén teñen situado o almacén e as oficinas: en total 7.000 m2 nos que se albergan aproximadamente 247.000 unidades de pezas en stock.
O entroido continúa sendo a época máis intensa do seu negocio, na que se produce o 50% da facturación de todo o ano, o cal é un verdadeiro reto. “Tes que almacenar moitísimo material, sabendo ben o que compras, ter a mercadoría lista e unha infraestrutura moi ben montada para vender todo en apenas 15 días. En épocas altas chegamos a sacar 7.000 paquetes nun día”, remarca. De feito, o seu persoal fixo, que é de 17 persoas, alcanza as 75 durante os devanditos períodos.
Unha das grandes claves do éxito deste ecommerce galego foi sempre manterse ao día das tendencias e ir actualizando constantemente a súa oferta, adaptándose ás demandas dos clientes. “Os disfraces clásicos xa non son os máis recorridos, agora sono outros baseados en películas, series, videoxogos…”, explica Roberto Rodríguez. Como as compras para as grandes campañas realízanse con case un ano de antelación, sumarse aos temas emerxentes e virais é todo un desafío ao que Don Disfraz dá resposta a través da fabricación propia e exclusiva. “Contamos cun fabricante español para adaptarnos ás tendencias do momento, grazas ao cal conseguimos pechar un deseño e unha peza en moi pouco tempo. Esa capacidade de reacción ofrécenos unha gran inmediatez e unha vantaxe competitiva no mercado”, conta. Foi así como se xestaron algunhas das súas vendas máis exitosas dos últimos anos, desde El juego del calamar ata o test de antíxenos ou un deseño propio de Miércoles Addams.
De cara ao futuro, o seu principal reto é estabilizar e asentar o crecemento da empresa, así como dar o salto alén do Atlántico para vender en Sudamérica e América do Norte.