
Ao día!

Nace a nova sociedade mixta Recursos de Galicia
Co obxectivo de aproveitar a oportunidade que brindan os recursos naturais dos que dispón Galicia, a Xunta impulsou a creación e fundación dunha nova sociedade mixta, cuxo obxectivo é converter á comunidade galega nunha rexión clave para a transición enerxética que está a vivir Europa, garantindo que os beneficios da explotación destes recursos repercutan no conxunto do pobo galego e se repartan colectivamente.
Recursos de Galicia é unha sociedade público-privada, pioneira en España, creada para favorecer a maximización da repercusión no territorio do valor xerado polos recursos naturais, a competitividade dos prezos enerxéticos e a descarbonización da economía.
A nova sociedade mixta é unha iniciativa sen precedentes na contorna. Coa Xunta como socia maioritaria cun 30% das accións, incorpora tamén a unha trintena de empresas que sosteñen máis de 20.000 empregos directos e que achegan ao Produto Interior Bruto autonómico case 11.000 millóns de euros cada ano.
Entre as empresas que participan en Recursos Galicia están Abanca, Finsa, Megasa, Valtalia, Copasa, Gesuga, o Grupo Nogar, Pérez Rumbao, Jealsa, Revi, Profand, Gadisa, Ence, Exlabesa, ARP Global, AIN Active, Severiano, Intaf, Genesal, Industrial Recense, Mecanizados Acebrón, Cover Global, Edigal, Tecdesoft, Ertec Iberia, Integria Enerxía Empresas, Eroxona, Sertogal, Twinleads, Wind1000, Epifanio Campo, Aceites Abril e Megaro Foods.
A sociedade está aberta á participación de calquera empresa, sexa cal for o seu tamaño, ou administración local que se queira incorporar aos proxectos específicos que irá desenvolvendo.
A Xunta de Galicia contribuirá cun desembolso progresivo de 30 millóns de euros ata 2027 e a súa participación articúlase a través de Impulsa Galicia.
Funcións
Recursos de Galicia persegue que o desenvolvemento enerxético sexa equitativo e redunde no progreso de Galicia e do seu tecido económico ou, dito doutro xeito, que os beneficios do aproveitamento dos recursos naturais queden no territorio, á vez que se incrementa a soberanía enerxética.
A sociedade participará directamente en proxectos de xeración de enerxías verdes, de aproveitamento da riqueza mineira ou iniciativas que requiran concesións de augas.
A súa función non será actuar como un operador calquera do mercado, senón que buscará ser unha referencia e unha guía de boas prácticas para os demais axentes sociais, procurando que os proxectos enerxéticos supoñan beneficios para as comunidades locais coas que comparten territorio. Tamén velará por que se traduzan en máis traballo para as empresas dos seus lugares, á vez que fomentará o autoconsumo de fontes renovables e a eficiencia enerxética.
A sociedade Recursos de Galicia vai na mesma liña que a futura Lei de recursos naturais de Galicia, unha norma pioneira e orientada a cambiar o paradigma da regulación dos proxectos enerxéticos, como o feito de que deberán agregar tamén un estudo do seu impacto socioeconómico e das medidas que propón a entidade promotora para compensalos. Entre elas, situaríase a posibilidade da incorporación de investidores ou traballadores locais, o uso de I+D+i producida en Galicia, a reinversión dos beneficios en accións sociais e patrimoniais ou a redución dos custos enerxéticos para as persoas da contorna.