TR353D - Bono remuda das persoas traballadoras autónomas.
PARA QUE É A AXUDA/SUBVENCIÓN
A concesión das axudas do Bono Remuda para o fomento do traspaso de negocios por remuda xeracional.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Subdirección Xeral de Emprego
Servizo de Emprego Autónomo
San Lázaro, s/n
15708 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981957729/ 981957590/ 981957725/ 981957728/ 981545612
Email: autonomos.emprego@xunta.gal
QUEN PODE SOLICITALA?
1. Poderán ser beneficiarias do Bono Remuda as persoas traballadoras autónomas, as persoas profesionais que estean dadas de alta no RETA ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social, así como as persoas mutualistas, e as sociedades de calquera clase, incluídas as unipersoais e comunidades de bens, con domicilio fiscal en Galicia na data da solicitude, segundo alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal da Administración Tributaria, modelos 036 ou 037, sempre que cumpran os seguintes requisitos:
a) O negocio obxecto de remuda debe ter o domicilio social e fiscal e o centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e un mínimo de antigüidade de 5 anos.
b) Non teñan transcorrido más de 12 meses entre a publicación desta orde e a baixa no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou mutualidade, e no IAE, da persoa titular do negocio, que se trate da mesma actividade do negocio que se remuda e que se desenvolva no mesmo local, se a actividade require a existencia do mesmo, salvo que causas de forza maior, imprevisibles e inevitables, imposibiliten que a actividade se poida desenvolver no mesmo local. A estes efectos enténdese por mesma actividade a que coincida polo menos a nivel de 3 díxitos da Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE) ou cunha actividade equivalente.
c) O negocio ou actividade obxecto de remuda estea inscrito na Bolsa de remuda da Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Xunta de Galicia (poderá inscribirse de maneira presencial en calquera dos Polos activos na Comunidade Autónoma de Galicia ou a través da páxina web: https://polosemprendemento.gal/remuda-de-negocios. Exceptúanse deste requisito os negocios que foran obxecto de remuda antes da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
d) A transmisión se materialice mediante contrato de traspaso ou venda do negocio ou actividade, elevado a escritura pública, no que necesariamente deberá constar o prezo total e a indicación expresa da remuda como obxecto do devandito contrato; Para os efectos da concesión de axudas abondará cun acordo de transmisión asinado entre as partes implicadas no que figure igualmente o prezo total e o obxecto do devandito acordo. O contrato conterá unha descrición detallada dos elementos que forman parte do traspaso.
e) No caso de transmisión de persoas autónomas societarias, estas deben posuír, con anterioridade á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, máis do 50 % do porcentaxe de accións ou participacións da sociedade que se traspasa. Neste caso, detallarase a porcentaxe de accións ou participacións da sociedade que a persoa ou sociedade adquirinte pasa a posuír, que necesariamente debe ser superior ao 50 % para obter a condición de beneficiaria, e sempre que se cumpran o resto de requisitos deste programa.
f) Se realice o cambio de titularidade da licencia de apertura e/ou actividade no concello correspondente, ou de ser o caso, a comunicación previa do inicio da actividade ou da apertura do establecemento, nos casos en que así o requira a lexislación vixente.
g) As persoas que remudan o negocio non poden estar en ningunha situación de xubilación activa cando se produza a remuda.
h) As persoas ou entidades beneficiarias deberán ter capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións desta axuda.
2. Tamén poden ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas que transmitan o negocio e sexan identificadas como tal na solicitude realizada pola persoa remudista, quedando vinculadas ambas persoas para a concesión da subvención.
As persoas que transmitan o negocio deben cumprir algún dos seguintes requisitos:
a) Ter unha idade próxima a xubilación (62 anos ou máis).
b) Foran declaradas en situación de incapacidade total ou absoluta ou grande invalidez recoñecida polos órganos competentes da Seguridade Social.
c) Foran herdeiras da persoa titular do negocio, no caso de falecemento desta.
3. Quedan excluídas do programa regulado neste capítulo:
a) As persoas/entidades que foran beneficiarias e percibiran a axuda do bono remuda, procedemento TR353D na pasada convocatoria (2024).
b) As persoas autónomas que á súa vez sexan autónomas societarias e soliciten para o mesmo negocio as axudas recollidas neste programa, tanto a título individual como a través da sociedade da que forman parte. No caso de realizar máis dunha solicitude, ambas quedarán excluídas.
c) Os traspasos (cesión, venda, alugueiro) de negocios realizados coa persoa cónxuxe ou parella de feito da persoa titular.
d) Os traspasos (cesión, venda, alugueiro) de negocios realizados entre persoas cunha relación de parentesco ata o primeiro grao de consanguinidade cando as persoas ascendentes manteñan a súa alta en vida laboral con actividade no mesmo negocio que se remuda.
Requisitos xerais.
As persoas traballadoras autónomas deberán cumprir os seguintes requisitos xerais á hora de solicitar as axudas:
a) Ter cumpridos os 18 anos.
As persoas beneficiarias das axudas do Programa I e do Programa II deben figurar inscritas como demandantes de emprego desempregadas no Servicio Público de Emprego, carecendo de ocupación efectiva segundo informe de Vida Laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social, e manterse nesa situación ata o momento en que se produza a alta no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou, no seu caso, na mutualidade correspondente.
b) As persoas beneficiarias das axudas de todos os programas deberán desenvolver a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.
A efectos das presentes axudas de todos os programas, entenderase que a persoa beneficiaria desenvolve a sua actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, cando o domicilio da actividade e o centro de traballo estean situados na Comunidade Autónoma de Galicia.
Para determinar onde se desenvolve a actividade económica, a efectos desta orde, considerarase:
– Se a actividade se desenvolve nun establecemento físico, no domicilio deste.
– Se a actividade se desenvolve sen establecemento físico, no domicilio fiscal do beneficiario ou causante, no seu caso.
Para a comprobación do cumprimento do requisito de desenvolver a sua actividade de persoa traballadora autónoma na Comunidade Autónoma de Galicia, consideraranse os datos recollidos no Censo de Empresarios, Profesionais e Retenedores e os datos de domicilio fiscal, ambos rexistrados pola Axencia Estatal da Administración Tributaria, e o Informe de Vida Laboral emitido pola Tesourería Xeral da Seguridade Social.
QUE PRAZO HAI PARA FACELO?
ABERTO
24/01/2025 - 30/09/2025
O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o 24 de xaneiro de 2025 e rematará o 30 de setembro de 2025.