TR353D - Bono remuda das persoas traballadoras autónomas.
PARA QUE É A AXUDA/SUBVENCIÓN
A concesión das axudas do Bono Remuda para o fomento do traspaso de negocios por remuda xeracional.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Subdirección Xeral de Emprego
Servizo de Emprego Autónomo
San Lázaro, s/n
15708 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881958621/ 981957590/ 981957728/ 981957725/ 981545612/ 981545625
Email: autonomos.emprego@xunta.gal
QUEN PODE SOLICITALA?
1. Poderán ser beneficiarias do bono remuda as persoas traballadoras autónomas, as persoas profesionais que estean dadas de alta no RETA ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social, así como as persoas mutualistas e as sociedades de calquera clase, incluídas as unipersoais e comunidades de bens, con domicilio fiscal en Galicia na data da solicitude, segundo alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036, sempre que cumpran os seguintes requisitos:
a) O negocio obxecto de remuda debe ter o domicilio social e fiscal e o centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e un mínimo de antigüidade de 5 anos ininterrompidos anteriores á publicación desta convocatoria, e con exercicio de actividade.
b) Non transcorresen máis de 12 meses entre a publicación desta orde e a baixa no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou mutualidade, e no IAE, da persoa titular do negocio, que se trate da mesma actividade do negocio que se remuda e que se desenvolva no mesmo local, se a actividade require a súa existencia, salvo que causas de forza maior, imprevisibles e inevitables, imposibiliten que a actividade se poida desenvolver no mesmo local, e que se desenvolva no mesmo concello. Para estes efectos, enténdese por mesma actividade a que coincida polo menos a nivel de 3 díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE) ou cunha actividade equivalente.
c) O negocio ou actividade obxecto de remuda estea inscrito na bolsa de remuda da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego da Xunta de Galicia. Poderá inscribirse de maneira presencial en calquera dos polos activos na Comunidade Autónoma de Galicia ou a través da páxina web: https://polosemprendemento.gal/remuda-de-negocios. Exceptúanse deste requisito os negocios que foron obxecto de remuda antes da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
d) A transmisión se materialice mediante contrato de traspaso ou venda do negocio ou actividade, elevado a escritura pública, en que necesariamente deberá constar o prezo total e a indicación expresa da remuda como obxecto do devandito contrato. Para os efectos da concesión de axudas abondará cun acordo de transmisión asinado entre as partes implicadas no cal figure igualmente o prezo total e o obxecto da remuda do devandito acordo. O contrato conterá unha descrición detallada dos elementos que forman parte do traspaso.
e) No caso de transmisión de persoas autónomas societarias, estas deben posuír, con anterioridade á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, máis do 50 % da porcentaxe de accións ou participacións da sociedade que se traspasa. Neste caso, detallarase a porcentaxe de accións ou participacións da sociedade que a persoa ou sociedade adquirinte pasa a posuír, que necesariamente debe ser superior ao 50 % para obter a condición de beneficiaria, e sempre que se cumpran o resto de requisitos deste programa. Deberá acreditarse que esa porcentaxe superior ao 50 % pertence á persoa que outorga o dereito a remuda.
f) Se realice o cambio de titularidade da licenza de apertura e/ou actividade no concello correspondente ou, de ser o caso, a comunicación previa do inicio da actividade ou da apertura do establecemento, nos casos en que así o requira a lexislación vixente.
g) As persoas que remudan o negocio non poden estar en ningunha situación de xubilación activa cando se produza a remuda.
h) As persoas ou entidades beneficiarias deberán ter capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións desta axuda.
2. Tamén poden ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas que transmitan o negocio e sexan identificadas como tal na solicitude realizada pola persoa remudista, quedando vinculadas ambas as persoas para a concesión da subvención. Esta axuda será única, tal e como se establece no artigo 51.6 desta orde. As persoas que transmitan o negocio deben cumprir algún dos seguintes requisitos:
a) Ter unha idade próxima á xubilación (62 anos ou máis).
b) Foran declaradas en situación de incapacidade total ou absoluta ou grande invalidez recoñecida polos órganos competentes da Seguridade Social.
c) Foran herdeiras da persoa titular do negocio, no caso de falecemento desta e non tiveran transcorrido máis de 12 meses desde o falecemento.
2.1. No suposto de que unha mesma persoa física resulte titular de varios negocios ou establecementos que se remudan, só poderá adquirir a condición de beneficiaria unha única vez, e será respecto do negocio para o cal se lle recoñecese en primeiro lugar o dereito á axuda.
2.2. Igualmente, cando se trate dunha sociedade que se remuda, esta unicamente poderá adquirir a condición de beneficiaria unha única vez, e será respecto do negocio para o cal se lle recoñecese en primeiro lugar o dereito á axuda.
3. Quedan excluídas do programa regulado neste capítulo:
a) As persoas/entidades que foran beneficiarias e percibiran a axuda do bono remuda, procedemento TR353D, nesta ou noutras convocatorias do mesmo procedemento.
b) As persoas autónomas que, pola súa vez, sexan autónomas societarias e soliciten para o mesmo negocio as axudas recollidas neste programa, tanto a título individual como a través da sociedade de que forman parte. No caso de realizar máis dunha solicitude, ambas quedarán excluídas. Tamén quedan excluídos os autónomos colaboradores.
c) As persoas ou sociedades que transmitan licenzas de actividade, segundo a definición do artigo 5.23 desta orde.
d) Os traspasos (cesión, venda, alugueiro) de negocios realizados coa persoa cónxuxe ou parella de feito da persoa titular.
e) Os traspasos (cesión, venda, alugueiro) de negocios realizados entre persoas cunha relación de parentesco ata o primeiro grao de consanguinidade cando as persoas ascendentes manteñan a súa alta en vida laboral con actividade no mesmo negocio que se remuda.
Requisitos xerais.
As persoas traballadoras autónomas deberán cumprir os seguintes requisitos xerais á hora de solicitar as axudas:
a) Ter feitos os 18 anos.
As persoas beneficiarias das axudas do programa I e do programa II deben figurar inscritas como demandantes de emprego desempregadas no Servicio Público de Emprego, carecendo de ocupación efectiva segundo informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, e manterse nesa situación ata o momento en que se produza a alta no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou, se é o caso, na mutualidade correspondente.
b) As persoas beneficiarias das axudas de todos os programas deberán desenvolver a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.
Para os efectos destas axudas de todos os programas, entenderase que a persoa beneficiaria desenvolve a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia cando o domicilio da actividade e o centro de traballo estean situados na Comunidade Autónoma de Galicia.
Para determinar onde se desenvolve a actividade económica, para os efectos desta orde, considerarase:
– Se a actividade se desenvolve nun establecemento físico, no domicilio deste.
– Se a actividade se desenvolve sen establecemento físico, no domicilio fiscal do beneficiario ou causante, se é o caso.
Para a comprobación do cumprimento do requisito de desenvolver a súa actividade de persoa traballadora autónoma na Comunidade Autónoma de Galicia, consideraranse os datos recollidos no Censo de Empresarios, Profesionais e Retedores e os datos do domicilio fiscal, ambos rexistrados pola Axencia Estatal de Administración Tributaria, e o informe de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
QUE PRAZO HAI PARA FACELO?
ABERTO
11/02/2026 09:00 - 30/09/2026 20:00
O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará ás 9.00 horas do quinto día hábil posterior ao seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e rematará ás 20.00 horas do 30 de setembro de 2026.
Información proporcionada pola Guía de Procedementos e Servizos da Xunta de Galicia