Ao día!
Innovación e potencial do medio rural: reinterpretando a tradición
O coñecemento ancestral do aproveitamento dos recursos agropecuarios sumado á calidade exquisita dos produtos do sector primario está detrás de Galicia como un referente con prestixio internacional. Aí están os seus viños, a industria láctea, o sector cárnico ou o abanico de produtos de horta de primeiro nivel que definen á perfección o selo Galicia Calidade. Os produtores e a incipiente industria están a ofrecer mostras da competitividade e a visión estratéxica da empresa galega, aberta ao investimento, á exportación e ao crecemento sustentable.
En Coristanco, na fértil comarca de Bergantiños, o traballo de Lucía Calvo e José Iglesias está a recibir o recoñecemento dos principais cociñeiros de España polos produtos de horta e os cereais que cultivan. Desde a súa empresa, A Despensa D’Luxo, fornecen de produtos delicatessen ás cociñas do Celler de Can Roca, Mugaritz ou os comedores da sede corporativa da multinacional galega Inditex, ademais de recibir os eloxios de chefs como Dani García ou Alberto Chicote. Calvo e Iglesias impulsan a transformación da maneira de entender o campo cultivando baixo criterios de sustentabilidade, traballo colaborativo, innovación e impacto positivo. Baixo eses criterios fixéronse un oco nas mellores cociñas con máis dunha trintena de referencias entre as que figuran o chícharo bágoa, o feixón rosa, as fabas, os garavanzos, a quinoa ou as lentellas, entre outras, cultivadas baixo produción ecolóxica.
En Paderne, en plena Reserva da Biosfera, a empresa Orballo mostra que a terra de Galicia ten moitísimas posibilidades, incluso a de poder producir té, un cultivo insólito na zona ata a chegada desta iniciativa empresarial. Esta firma creada en 2012 produce de forma ecolóxica un amplo catálogo de plantas aromáticas como a albáfega, a caiena, a menta ou a pementa, entre outros moitos produtos. O seu proceso innovador desembocou no desenvolvemento da capacidade de engadir valor aos seus produtos creando unha atractiva liña para comercializar orixinais infusións que conectan cun novo consumidor.
Galicia é terra fértil en ideas, como o demostra o traballo que desde hai anos protagoniza Hifas da Terra, un centro de biotecnoloxía centrado na investigación e a innovación de produtos nutracéuticos a partir de fungos medicinais. Esta empresa pontevedresa desenvolveu produtos de alto valor partindo do cultivo de fungos para mellorar a saúde das persoas que padecen enfermidades autoinmunes, cardiovasculares, neurodexenerativas e mesmo o cancro. Con varios anos asentados no mercado e con presenza en mercados internacionais, Hifas da Terra tamén é pioneira na elaboración de produtos dermocosméticos e complementos alimenticios procedentes de cultivos ecolóxicos.
O sector lácteo galego tamén avanza no potencial da transformación co desenvolvemento de novos produtos lácteos máis aló da tradicional produción de leite: sobremesas, queixos dietéticos, soros lácteos ou a produción de leite A2, un produto con ausencia da proteína culpable de boa parte das intolerancias e problemas dixestivos derivados do consumo de leite.
O medio rural galego vertébrase con espazos para o cultivo e a gandería, pero tamén con chan empresarial dispoñible para a localización de industria transformadora capaz de aproveitar o talento de Galicia e a súa simbiótica relación coa sustentabilidade.