Ao día!
A Estratexia de internacionalización de Galicia facilita a saída ao mercado exterior do tecido empresarial galego
Innovación, captación de talento, acompañamento nos mercados de destino e difusión de casos de éxito. Os catro piares da Estratexia de internacionalización de Galicia para o período 2021-2025 facilitarán a saída ao exterior do tecido empresarial galego a través da aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores.
O obxectivo da Xunta é chegar ás 8.000 empresas exportadoras e a 25.000 millóns de euros anuais en exportacións en 2025. “A intención é incrementar a presenza galega en países de fóra da Unión Europea”, subliñou o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijoo, durante a presentación da Estratexia, que inclúe o reto de triplicar as exportacións a América do Norte, multiplicar por dous as vendas a América do Sur e Asia e incrementar nun 25% as dirixidas a Reino Unido.
O primeiro paso do Executivo autonómico no marco da nova Estratexia de internacionalización será o investimento de 70 millóns de euros para impulsar, durante os dous próximos anos -ata 2023-, a recuperación do tecido empresarial galego tras a crise derivada da covid-19. Para logralo, impulsará actuacións enmarcadas no fomento da innovación, a captación de talento internacional, o acompañamento ás empresas galegas nos seus mercados de destino e a difusión de casos de éxito e información acerca da propia Estratexia, difusión que terá lugar a través do programa Igape Contigo.
Apoio nos mercados de destino
O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) apoia as iniciativas de internacionalización das compañías galegas a través de diferentes liñas de axuda financeira e de servizos tanto en orixe como en destino. Así, a Xunta reforzará o traballo desenvolvido a través das antenas do Igape coa apertura de novas oficinas de acompañamento a pemes galegas nos seus procesos de internacionalización en Dubái e Tokio, coa posibilidade, avanzou Feijoo, de facelo tamén en Brasil e Corea do Sur a partir de 2023. Estas novas antenas sumaranse ás xa abertas en Shanghái, Miami, Casabranca, Ciudad de México, Lima e Londres.
Igape Contigo: casos de éxito e novas necesidades
Igape Contigo é o programa co que a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación informará acerca da propia Estratexia de internacionalización e a través do que trasladará os principais casos de éxito relacionados coa saída ao mercado exterior por parte das pemes galegas. Desta forma, a Administración recollerá as necesidades detectadas polas propias empresas e poderá abordar novas ferramentas a poñer en marcha.
Garantía de innovación e captación de talento
O programa Fórmate Internacional para potenciar o coñecemento en materia de internacionalización dixital responde a outro dos piares da Estratexia 2021-2025, centrado en atraer talento do exterior a Galicia a través, por exemplo, desta iniciativa de cualificación dirixida a todo tipo de modelos de negocio.
Ademais do aspecto formativo, a diversificación e o impulso ao sector dixital centran a folla de ruta da Xunta para a internacionalización do tecido empresarial da comunidade galega. Todas aquelas pequenas e medianas empresas que buscan ampliar os seus mercados e crecer poderán apoiarse nas liñas de axuda -tanto financeira como de servizos e ferramentas específicos- que fomentan a incorporación das canles dixitais ás compañías, así como a súa participación en encontros internacionais en materia de innovación e emprendemento.