Ao día!
Entrevista ao presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral
Convencido de que a futura Cidade das TIC na Coruña facilitará o investimento en Galicia e o reforzo das empresas galegas á vez que contribuirá a visibilizar ao sector no exterior, o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, pon sobre a mesa a necesidade de ter en conta que “dentro de vinte anos, a cadea de valor dunha industria estará completamente definida en termos dixitais”. Por este motivo, confía en que a nova Oficina Galicia Empresa axudará ao sector na captación de profesionais cualificados.
O Clúster TIC Galicia reúne a empresas, asociacións empresariais, colexios, asociacións profesionais e outros axentes do macrosector das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) galego, cal é o seu principal obxectivo?
O obxectivo principal do Clúster TIC é apoiar a estratexia dos seus socios, axudar a conseguir novo negocio e crear novos ámbitos de colaboración con outros sectores económicos, organismos intermedios e coa Administración pública. Un clúster non é unha asociación empresarial, unha patronal, senón un ámbito de traballo entre elementos heteroxéneos vinculados a unha cadea de valor. Quizais unha dificultade que temos é que a cadea de valor das TIC é agora mesmo unha das pezas clave de todos os sectores económicos, pero esa é tamén a nosa maior fortaleza.
Precisamente por mor da Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia xorde a Oficina Galicia Empresa, que facilita o crecemento e implantación de empresas favorecendo a captación e retención de talento. Considera que este recurso contribuirá a reforzar a misión do Clúster no referente ao incremento da competitividade e a innovación do sector?
Os recursos humanos son un asunto clave para o sector TIC neste momento. Estamos na punta histórica de emprego no sector, pero a demanda parece non ter fin. Calquera facilidade que se poida proporcionar na creación e implantación de empresas, en acceder a máis persoal e ter un sector máis dinámico sempre será positiva. Agora mesmo é difícil importar profesionais cualificados, hai moitas barreiras administrativas que xa non teñen sentido no século XXI e esperamos que esta oficina nos axude.
Falando de sinerxías entre o tecido empresarial e as administracións públicas, así como da necesaria confianza de persoas emprendedoras e investidoras para crecer en Galicia, que papel xoga a Cidade das TIC?
A Cidade das TIC é un campus mixto científico-empresarial que permitirá ter unha maior proxección e visibilidade cara a outros sectores e visibilizar o sector TIC galego no exterior. Xa significou un cambio de percepción moi positivo na valoración que se fai desde a Xunta de Galicia do sector TIC e así o recoñece o tecido empresarial, non en balde está xa atraendo empresas cara a Galicia. A Cidade das TIC vai servir para facilitar o investimento en Galicia e para que as empresas TIC galegas saian reforzadas. Ademais, será un escaparate continuo de solucións dixitais para os sectores económicos, así como da innovación universitaria e de centros tecnolóxicos. Así mesmo, outro dos seus obxectivos é contar cunha aceleradora empresarial de proxectos high tech e xa se traballa na creación de centros de referencia en tecnoloxías de intelixencia artificial para diversos sectores.
A dixitalización en xeral e as TIC en particular tiveron un rol determinante durante a pandemia. E agora? En que punto da transición dixital estamos?
O proceso de transición dixital non fixo máis que empezar, así que estamos moi lonxe do pico de actividade. No ano 2005 unha empresa podía nomear un director de marketing ou de negocio que non fose nativo dixital. Hoxe iso é impensable, os provedores clave son os dixitais e se unha empresa non ten estratexia dixital sente que está perdida no mundo de hoxe. A pandemia fixo que se vexa ben clara a diferenza entre ter unha estratexia dixital ou non; ou tela, pero non executala ben. Esas necesidades de dixitalización de todos os procesos xúntanse coa robotización intensiva e o acceso dixital ao mercado, o que acelera a competitividade xa non dentro dun sector, senón mesmo duns sectores contra outros. Hoxe vemos como o software aprópiase dos coches ou da xestión enerxética e, dentro de vinte anos, a cadea de valor dunha industria estará completamente definida por termos dixitais. Por iso, pódese dicir que estamos no inicio e que isto é unha carreira de fondo, non un sprint.