Inicio
Actualidade

Ao día!

22/04/2022

Entrevista á xerente do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, Sofía Toro

Comparte este artigo

Actualmente estímase que o deporte supón un 2,5% do PIB de Galicia con máis de 2.000 empresas e 12.000 postos de traballo polo que, segundo a xerente do clúster, “era necesaria a creación dunha organización que visibilizase a industria galega do deporte.”

Entre os seus grandes retos está conseguir que dous millóns de persoas en Galicia practiquen deporte con frecuencia.

En xaneiro de 2021 constituíuse o Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, que motivou a súa creación?

Desde facía anos a industria galega do deporte tiña en mente unirse ao redor dunha organización como o clúster, pero nunca se puido concretar o proxecto. Coa pandemia, que supuxo un parón da actividade e o peche das instalacións deportivas, viuse claramente a necesidade de contar cun sector unido e iso é o que principalmente orixinou a idea de unir forzas ao redor dunha figura como a do clúster.

En termos globais podemos dicir que o obxectivo principal foi unir ao sector do deporte, crear unha entidade que puidese defender as necesidades e demandas de cada un dos subsectores que conforman a nosa industria e colocar ao sector nunha posición de liderado competitivo. 

Segundo os datos que publican, o sector do deporte e o benestar supoñen un 2,5% do PIB galego, e existen máis de 2.000 empresas xerando máis de 12.000 empregos. Cales son os retos aos que se enfronta a industria do deporte e o benestar?

Por encima de todo fixámonos o reto de achegar o noso gran de area para conseguir aumentar o número de galegos e galegas que practiquen deporte con regularidade, de feito, somos ambiciosos e queremos que nun futuro non moi afastado, haxa 2 millóns de persoas en Galicia que fagan actividade física con asiduidade.

Na industria do deporte fainos orgullosos o feito de que somos un sector que, á vez que xera riqueza na súa terra, é capaz de mellorar a vida das persoas, coidando da súa saúde física e mental. Por iso o noso principal obxectivo é, sen dúbida, ese, o de construír unha sociedade máis saudable onde a actividade física teña un rol principal. 

A finais do 2021, vostede presentaba o plan estratéxico do clúster, definíndoo como un plan ambicioso cuxo obxectivo principal era situar ao sector nun novo nivel dentro da economía galega. Cales son os piares do plan estratéxico?

O noso plan estratéxico está composto por 4 eixos: colaboración público-privada; información e formación de asociados e asociadas; sustentabilidade, xénero e innovación; e fomento do deporte e o benestar.

En canto á colaboración público-privada entendemos que establecer canles de comunicación e colaboración coas administracións públicas resulta prioritario para o noso crecemento.

No referido á necesidade de formación das nosas empresas asociadas, desde o noso inicio estamos a traballar para darlles o apoio técnico e tecnolóxico que necesitan para adaptarse aos novos tempos.

O terceiro eixo do que falaba é realmente un eixo transversal a todo o noso Plan Estratéxico. Pois entendemos que non hai marxe para crecer se as nosas empresas non basean o seu crecemento no respecto ao medio ambiente, na innovación e na perspectiva de xénero. En relación a isto último, miramos con preocupación a baixa taxa de cumprimento das recomendacións mínimas segundo a OMS, así como a baixa porcentaxe de mulleres que temos ocupando postos directivos nas empresas deportivas.

Por último, como cuarto eixo temos o fomento do deporte e o benestar. Queremos promover o deporte e a actividade física como forma de sumar saúde nas persoas, impulsar as políticas necesarias para mellorar o sector e difundir á sociedade os hábitos de estilo de vida saudable. A inactividade física é a responsable do 13,4% das mortes ao ano en España, o que supón unha carga económica importante para o país, de máis de 1.560 millóns de euros anuais. Se melloramos a calidade de vida, contribuirase ao aforro de gasto público sanitario.

Manifestou a necesidade de establecer canles de comunicación e colaboración coas administracións públicas para favorecer os investimentos do sector. Como cre que afecta a Lei de simplificación administrativa que pretende axilizar as xestións das iniciativas privadas?

Nós somos firmes defensores da relación público-privada. Nos importantes retos aos que nos enfrontaremos nos próximos anos, non só falando do noso sector, é imprescindible que as administracións e as empresas vaiamos da man e na mesma dirección. Temos que trazar plans conxuntos e apostar decididamente polo seu cumprimento.

En canto á Lei de simplificación administrativa creo que todas as medidas que, mantendo as garantías de bo funcionamento que se lle presupoñen a unha administración, vaian na dirección da axilización e modernización dos procedementos son unha moi boa noticia. Toca adaptarse aos tempos e adaptarnos os uns aos outros pois, como dicía antes, canto maior sexa a sintonía entre o público e privado máis sinxelo será xerar riqueza na nosa terra.

Xa para finalizar, Por que considera vostede que o sector do deporte e o benestar é un bo candidato aos fondos europeos Next  Generation?

Por unha banda, e espero non ser repetitiva, na industria do deporte temos a sorte de impactar directamente na saúde da poboación. Xa só por isto considero que somos un sector polo que se debe apostar. A ONU sinalou ao deporte como un elemento esencial e  vertebrador para o cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sostible, por iso non se entendería que o deporte quedase a un lado en calquera investimento que teña como principal obxectivo construír o mundo do futuro.

Ademais disto, en Galicia demostramos desde hai varias décadas que somos unha referencia a nivel estatal e, en moitos casos, tamén a nivel europeo. Temos moito talento no noso sector e desde que traballo como xerente do clúster pódoche dicir que, en Galicia precisamente, non escasean os e as profesionais que están a desexar atopar o financiamento necesario para sacar adiante proxectos dunha enorme rendibilidade social e económica para o noso territorio.

Por último, tamén me gustaría sinalar que en Galicia somos uns privilexiados por contar cunha xeografía marabillosa para explotar multitude de iniciativas relacionadas coa práctica deportiva ao aire libre e o turismo deportivo.

 

Tamén pode interesarche