Ao día!
A Oficina Galicia Empresa facilita información directa e asesoramento a pemes e emprendedores na tramitación dos seus proxectos
As iniciativas empresariais que perseguen o fomento da innovación, a internacionalización e a competitividade a través da atracción e potenciación de novos investimentos nacionais e internacionais son obxecto de impulso por parte da normativa autonómica, tanto como a simplificación dos procesos administrativos necesarios para a súa implantación. No marco da Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, o tecido produtivo galego ten acceso a diversas ferramentas e liñas de axuda a través das cales, no último ano, a Xunta conseguiu rebaixar en 17 días o prazo de emisión de informes para a resolución de trámites empresariais.
Para acompañar na consecución deste obxectivo, a recentemente creada Oficina Galicia Empresa, a disposición tanto de pemes como de persoas emprendedoras, facilita a información directa e o asesoramento necesarios acerca da tramitación de proxectos empresariais. Así, conta cunha ferramenta en liña para a avaliación de potenciais iniciativas empresariais prioritarias, as cales han de incluír, polo menos, dous dos requisitos establecidos para a devandita distinción: xerar 25 postos de traballo de carácter indefinido e a xornada completa; investir como mínimo en activos fixos, excluídos inmobles, un millón de euros; e formar parte de sectores considerados estratéxicos, ou ben complementar cadeas de valor e/ou tratarse de proxectos tractores.
Carácter prioritario
Para obter a catalogación de iniciativa empresarial prioritaria (IEP), as empresas deben presentar as súas propostas ao Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que se encargará, se cumpren co estipulado na normativa, de trasladar o expediente á Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, desde onde se propoñerá ao Consello da Xunta a declaración de IEP.
O carácter prioritario e a concorrencia de razóns de interese público permiten ás IEP ver reducidos á metade os prazos habituais da tramitación autonómica para o desenvolvemento deste tipo de proxectos.
Investimento con máis garantías e menos obstáculos
A Oficina Galicia Empresa é o órgano da Xunta responsable da xestión dos instrumentos previstos na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia para facilitar a implantación das iniciativas empresariais na comunidade galega. Tal e como subliñou recentemente o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, “no momento actual, o mellor que pode ofrecer unha Administración é actuar con compromiso e responsabilidade para acompañar as necesidades do tecido empresarial”.
Así, por exemplo, compañías galegas como Oviganic Ibérica, Hijos de Carlos Albo ou Aluminios Cortizo contan con iniciativas empresariais prioritarias no centro do seu desenvolvemento de negocio. No caso de Oviganic, que procesa leite de ovella e soros de ovella e cabra, a empresa traballa na creación dunha nova planta de produto infantil para dobrar a súa produción chegando ás 40.000 toneladas. “O proxecto, que suporá moitos postos de traballo para xente nova, é unha oportunidade para unha zona de rural como é toda esta contorna”, explica a directora financeira de Oviganic, Mercedes Pombo, que recoñece que a iniciativa é “moi ambiciosa tanto para a compañía como para Monforte e Galicia”.
Pola súa banda, a creación do novo campus tecnolóxico de Cortizo pivotará sobre a sustentabilidade e a innovación como eixos principais, coa formación e a xeración de emprego como pano de fondo. “O noso campus aspira a converterse nun espazo de enxeñería dos máis importantes e representativos a nivel europeo e supón a creación destes 350 postos de traballo”, apunta o director de enxeñería e grandes desenvolvementos de Cortizo, Gonzalo Brea.
Unha proposta de carácter máis industrial entre as iniciativas empresariais prioritarias constituídas en Galicia é a da conserveira Hijos de Carlos Albo, cuxo proxecto estreou a Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves (Plisan), coñecida como o porto seco de Vigo. “Albo está a adaptarse perfectamente a eses cambios que se están xerando co paso dos anos, que necesitan unha implantación tecnolóxica nova para a mellora de procesos onde o mecanismo informático, e sobre todo o mecanizado, fannos avanzar”, explica o responsable da fábrica viguesa, Pablo Boullosa.