Ao día!
Entrevista ao presidente do Clúster Biomasa Galicia, Francisco Javier Álvarez Pereiro
A biomasa é a maior fonte de enerxía renovable de Europa, achegando na actualidade un 60% do consumo enerxético verde na Unión Europea.
Segundo o presidente do Clúster da Biomasa, Francisco Javier Álvarez, Galicia é unha rexión clave nesta materia e está preparada para afrontar o desafío de alcanzar o consumo enerxético km 0
Finalizando o primeiro trimestre do ano en plena crise enerxética a nivel internacional, evidénciase a necesidade de buscar novas fontes de subministración. No contexto actual, as renovables poden obter o protagonismo que merecen?
É evidente que aqueles países cun mix enerxético con menor dependencia do gas e do petróleo afrontan esta crise e afrontarán os futuros escenarios adversos con maior fortaleza. Nun contexto como o actual, por suposto que acelera a procura de alternativas, e o cambio paulatino cara a neutralidade climática grazas ás renovables acelerouse nestes últimos meses.
Do mesmo xeito, este cambio cara a enerxías limpas debe ser ordenado e cunha folla de ruta clara e abordable nun tempo razoable. Debemos contar cun marco lexislativo que aposte por un proxecto enerxético de país, estable e duradeiro.
Que papel ocupa a biomasa na transición enerxética que nos marca Europa?
A biomasa é a maior fonte de enerxía renovable de Europa. Achega na actualidade o 60% de todo o consumo de enerxía renovable na UE, o que representa o 10,3% do consumo de enerxía total. É indispensable na transición para abandonar os combustibles fósiles, principalmente en sectores con necesidades térmicas e a calefacción dos fogares.
Ademais, a biomasa é un exemplo de bioeconomía circular efectiva, formando parte dunha cadea de valor con fortes vínculos coas actividades forestais, xerando beneficios ambientais e socioeconómicos nas zonas rurais.
A biomasa supón unha aposta directa, segura e de confiar para conseguir os compromisos de neutralidade climática que fixa a Unión Europea e, neste aspecto, en Galicia xogamos na casa.
Un ano despois da súa creación, o Clúster conta con 23 empresas asociadas e xa impulsou 15 proxectos. Que factores fan que Galicia sexa unha rexión estratéxica para o desenvolvemento do sector da biomasa?
O primeiro dos motivos é a dispoñibilidade do recurso. De Galicia sae máis do 50% do aproveitamento forestal nacional, e o aproveitamento da biomasa vai parello a esta importante actividade, tanto a biomasa forestal primaria como a revalorización de subprodutos da industria de primeira transformación da madeira.
O segundo dos motivos é a dispersión da poboación ao longo da nosa xeografía. Este feito dificultou e freou o avance de redes de gas canalizado.
Ademais, Galicia está á cabeza de España no consumo de gasóleo de calefacción para os fogares. Existe un gran parque de caldeiras antigas que facilmente se poderían transformar a biomasa. Isto suporía unha solución rápida e económica que achegaría maior confort e aforro ás persoas usuarias.
A Xunta de Galicia aposta firmemente polas enerxías renovables. Que importancia ten a colaboración público-privada para impulsar o cambio cara a un novo modelo?
En canto a xeración de enerxía térmica para calefacción e ACS, o sector da biomasa en Galicia é un referente a nivel nacional, e parte deste mérito é da Administración, que coa Estratexia da Biomasa 2014-2020, estableceu liñas de apoio para potenciar a instalación de equipos de última xeración, altamente eficientes, que ano tras ano segue sumando “kw verdes” e ofrecendo aforro ao usuario (especialmente nestes momentos de crise, nos que os aforros acadan o 70% con respecto a combustibles fósiles).
O efecto tractor da Administración tamén é fundamental, predicando co exemplo de pasarse á biomasa, abandonando o gas e o gasóleo nos edificios públicos.
No sector da biomasa, os retos son moi grandes. Con todo, considerámonos preparados para achegar solucións na confección do novo modelo enerxético, a través dun consumo responsable, de enerxía km 0, e aliñado cos criterios de sustentabilidade.
O Clúster traballa no plan estratéxico do sector, e ademais colabora co Goberno galego para a posta en marcha da Estratexia galega de biomasa 2022-2027, cales serán os eixos do plan?
O plan estratéxico ten como obxectivo principal ser a folla de ruta da asociación para o próximos catro anos. Este recolle as actividades que se realizarán para impulsar a biomasa en Galicia, a través de 5 grandes eixos estratéxicos que se resumen no impulso á innovación e a transferencia tecnolóxica no sector; o fomento á cooperación entre empresas e o sector privado; a mellora da competitividade a través da formación de talento humano; o recoñecemento e divulgación da biomasa como fonte de enerxía sostible; e a contribución ao desenvolvemento sostible de Galicia a través da colaboración con universidades e centros de investigación.
A Estratexia da Biomasa 2022-2027 está a desenvolverse para dar continuidade ao traballo acumulado ata a data, desde o punto de vista da sustentabilidade e a dixitalización de toda a cadea. A este respecto, temos claro que, para impulsar o cambio cara a un novo modelo, é necesario que Administración e sectores implicados vaiamos da man.