Inicio
Actualidade

Ao día!

01/07/2022

Entrevista á Project Manager Professional e técnica de emprendemento en Acción contra el Hambre, Lidia Enrich

Comparte este artigo

“O éxito dunha idea pasa por ter un bo plan de acción”

Ademais das novas tecnoloxías, os pequenos negocios relacionados coa alimentación sostible son os preferidos para emprender

En que consiste o fenómeno emprendedor?

O fenómeno emprendedor é aquel que leva a certas persoas a buscar un futuro diferente, poñendo en marcha ideas propias, que lles dean independencia e beneficios económicos.

Que necesita unha boa idea para ser un gran proxecto profesional?

Unha idea sen un plan non chegará (na gran maioría de ocasións) a bo porto. O éxito dunha idea pasa por ter un bo plan de acción. A persoa emprendedora necesita formación en moitas cuestións que seguramente descoñece (desde o márketing ata os impostos que hai que pagar) e necesita elaborar un plan detallado de todas as cuestións que influirán no seu negocio.

Segundo varios estudos, o perfil da persoa emprendedora é o dunha muller maior de 40 anos con alta formación…

Nos proxectos nos que participo é así, a maioría son mulleres e contan cunha formación media e alta. Isto repercute positivamente no seu proceso emprendedor porque lles resulta máis fácil entender conceptos e elaborar plans comerciais ou económicos. Por este motivo, sempre incidimos moito na formación antes de lanzarse a emprender. Canto maior sexa o nivel de estudos, mellor será o desenvolvemento da iniciativa emprendedora.

Os inicios adoitan ser duros, por este motivo xorden os espazos coworking, que beneficios achegan ás persoas emprendedoras? son aliados estratéxicos?

Si, sen dúbida!, os coworking son realmente necesarios porque os pequenos emprendedores, que en moitas ocasións crean negocios en online, fano desde a soidade das súas casas. Neste senso, os espazos coworking son unha grande oportunidade para crear redes e xerar sinerxías.

As novas tecnoloxías están a converterse nun nicho de mercado para emprender. Segundo a súa experiencia, que outros sectores son os preferidos polos emprendedores?

Aínda que as novas tecnoloxías están en auxe, tamén aumenta o micro emprendemento de negocios sostibles, relacionados con produtos alimentarios, da horta ou conservas artesanais.

Isto pode ser debido a que desde a Xunta existe un gran apoio, impulsando novas liñas de axuda ao redor da economía social. Estamos no bo camiño, aínda que creo que debemos seguir avanzando no fomento da cultura emprendedora a través do sistema educativo. O emprendemento debería ser unha área de coñecemento máis dentro da Educación.

A Xunta de Galicia puxo en marcha a Oficina Galicia Empresa, un recurso dirixido a facilitar a implantación de novas iniciativas empresariais. Como se recibe esta proposta no sector do emprendemento?

Agora mesmo as persoas emprendedoras teñen multitude de recursos á súa disposición; desde programas gratuítos que lles axudan a traballar as súas ideas de negocio, ata oficinas como a Oficina Galicia Empresa da Xunta de Galicia. É o momento de emprender.

Tamén pode interesarche