Inicio
Actualidade

Ao día!

05/07/2022

Carmen Lence, CEO do Grupo Leche Río

Comparte este artigo

“Galicia ten a posibilidade de converterse na gran potencia de produción de leite en Europa”

A comunidade é líder nacional en produción láctea e está entre as dez primeiras a nivel europeo, polo que para a CEO do Grupo Lence, só é cuestión de determinación e de convencer ás novas xeracións de que o rural ten futuro

Nun contexto de constantes cambios, onde a innovación, a dixitalización e a sustentabilidade marcan a estratexia económica e produtiva de Galicia, en que situación se atopa o sector agroalimentario galego?

O sector é consciente da necesidade de modernizarse a través da dixitalización e da mellora de procesos. Unha innovación que repercute tamén no reto de ofrecer produtos con maior valor engadido. En Grupo Lence sabemos que a clave do futuro para o sector é ese desenvolvemento na cadea de valor e por iso fomentámolo con diferentes iniciativas como Smart4 Milk e Milkchain, porque temos claro que a supervivencia da industria contribúe á sustentabilidade e á fixación de poboación nas zonas rurais.

Grupo Lence, Leite Río, que conta con capital 100% galego, atópase entre as 10 primeiras empresas lácteas de España, como se consegue estar entre as principais compañías a nivel nacional?

Grupo Lence vive do campo galego, e actuamos cada día de acordo cos nosos valores para reflectir o compromiso que temos desde o inicio da cadea de valor. Creo que iso é o que nos leva a posicionarnos entre as 10 primeiras lácteas de España.

Traballamos cada día con coraxe e persistencia para acadar as metas, con iniciativa para facer que as cousas pasen, e con colaboración, porque xuntos chegamos máis lonxe, ademais buscamos sempre a excelencia.

Estes valores mantéñennos co compromiso de seguir enfocados no noso propósito de alimentar o espírito de superación dos nosos consumidores, empregados e colaboradores a través de produtos de calidade, respectuosos co medio ambiente que contribúen a manter o noso rural vivo. O espírito de superación está no noso ADN. Somos unha empresa familiar galega e iso queremos seguir sendo.

Galicia é líder na produción de leite a nivel estatal, cun 55% das explotacións. É un sector de especial relevancia nas zonas rurais, como afronta o futuro o sector lácteo?

Galicia, xunto con Irlanda, ten a posibilidade de converterse na gran potencia de produción de leite en Europa. Os galegos témolo todo para chegar a iso, fáltanos superar retos como o aumento da base territorial, ou a adaptación coherente a todas as esixencias ambientais, pero sobre todo fáltanos crérnolo. Temos que convencer ás seguintes xeracións de gandeiros de que quedar a traballar no rural ten futuro.

Tamén se debe facer un labor divulgativo, a sociedade ten que ser consciente do que supón producir un litro de leite, visibilizando ao sector e valorando este produto de primeira necesidade.

Outro reto, non menos importante, co que conta o sector lácteo, é conseguir fixar poboación no rural e en Grupo Lence temos claro que o futuro pasa por mirar ao sector con perspectiva de igualdade de xénero. No caso de Galicia só o 35% das ganderías galegas están a nome de mulleres, e as estatísticas móstrannos que dúas de cada tres persoas que abandonan o rural son mulleres. Para contribuír ao empoderamento das gandeiras, puxemos en marcha o programa Gandeiras con Actitude Río, para tratar de achegar o noso gran de area e reverter esta situación.

O sector agroalimentario de Galicia traballa na súa candidatura aos fondos europeos do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica, en que se debería centrar dita candidatura?

Creo que debemos enfocarnos na innovación e a xestión profesionalizada das ganderías. O sector lácteo é moi competitivo polo que é imprescindible contar con boa información, que axude a tomar boas decisións nun curto período de tempo e iso só é posible grazas á dixitalización.

Tamén considero que hai que mirar ao rural con ollos de muller, por iso tamén se deberían potenciar proxectos que dean oportunidades ás mulleres no sector primario.

Que oportunidades de innovación ofrece o sector lácteo?

A competitividade do sector é a que obriga á innovación. Nós cremos que é necesario modernizar as explotacións e o sector a través da dixitalización e da mellora de procesos. Por iso, desde Grupo Lence axudamos aos nosos gandeiros con proxectos como MilkChain no que participamos como empresa tractora, coa finalidade de ofrecer unha total transparencia para o consumidor sobre a orixe dos nosos produtos lácteos, así como garantir a calidade e sustentabilidade da cadea. Tamén puxemos en marcha o proxecto Smart4 Milk co que poñemos ao dispor das explotacións unha ferramenta para a xestión de custos.

Por último, non podemos esquecernos de ofrecer produtos con maior valor engadido, que nos diferencien. Uns produtos que se diferencien por ser saudables, ofrecendo unha maior achega nutricional.

Recomendaría investir no sector lácteo galego?

Tendo en conta que Galicia é a primeira comunidade produtora de leite de España e que se atopa entre as 10 primeiras de Europa, a resposta é, claro que si. Ademais, investir no sector lácteo galego é manter a actividade no rural da nosa comunidade e contribuír a que se manteña vivo.

Xa para finalizar, vostede foi elixida como unha das cen mulleres con liderado máis influente de España. Cales son as súas claves á hora de liderar o Grupo Lence?

O concepto #actitudeRío define estas claves. Actitude Río é liderar co exemplo, é non tomarse a unha mesma demasiado en serio, é manter o ego baixo control, é saber escoitar, saber pedir axuda, aceptar os fracasos e aprender deles.

 

Tamén pode interesarche