Inicio
Actualidade

Ao día!

11/07/2022

As conservas galegas, líderes no mercado europeo

Comparte este artigo

Galicia é a comunidade que máis achega á produción nacional, sendo España líder na Unión Europea e segunda no mundo

A capacidade de adaptarse a novas canles de venda e de innovar nun mercado altamente competitivo foi clave para que o sector conserveiro galego continúe liderando o mercado internacional.

Segundo a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixe (Anfaco-Cecopesca), Galicia é a comunidade autónoma con maior relevancia na actividade nacional “tanto polo número de empresas e exportacións, como polos postos de traballo creados”, xerando 13.200 empregos directos, dos cales o 66% corresponde a mulleres.

Neste contexto, e coa achega produtiva da industria conserveira galega, España mantense como o maior exportador de Europa e o segundo produtor a nivel mundial de preparacións e conservas de peixe e marisco.

Exportacións

O liderado de Galicia consolídase, e faino conseguindo en 2021 o 88% da facturación nacional e a elaboración de 330.429 toneladas, valoradas en máis de 1.650 millóns de euros. Destas cifras, as vendas internacionais, que aumentaron un 0,32% o seu valor, alcanzaron os 1.132 millóns de euros por 225.571 toneladas de conservas, das cales o 59% foron de túnidos.

Con presenza en 142 países, os principais mercados do sector concéntranse en Europa, especialmente en Italia, Francia, Portugal e Países Baixos.

Industria circular

Do mesmo xeito que outros sectores produtivos, o das conservas tamén aposta pola innovación e a sustentabilidade no seu modelo de desenvolvemento. Por este motivo, participa en proxectos como Conserval, unha iniciativa que Cetaqua promove desde 2019 en Galicia e o norte de Portugal para “impulsar a modernización da industria conserveira a través do aproveitamento dos residuos”.

O seu principal obxectivo consiste na valorización de subproductos a través da transformación das correntes sólidas e líquidas en ácidos graxos volátiles, aceites de peixe con elevado contido en Omega-3 ou en hidrolizados proteicos.

Para a Xunta de Galicia, Conserval é un claro exemplo de colaboración público-privada por contar coa participación de Anfaco-Cecopesca, a Asociación Nacional de Industrias de Conservas de Peixe e Portugal, as universidades do Porto e Santiago de Compostela e Feuga. Neste sentido pronunciouse a conselleira do Mar, Rosa Quintana, quen indicou que actuacións como esta “constitúen un referente na xestión das relacións empresa-universidade, na promoción e execución de proxectos colaborativos e na implantación da innovación empresarial”.

Plan Estratéxico

Co obxectivo de garantir un crecemento de negocio sostible, o Goberno galego traballa na elaboración do Plan estratéxico da conserva que indique o camiño para seguir ata 2030, nos ámbitos da produción e comercialización, a innovación e o medio ambiente.

Trátase dun plan aberto e realizado en colaboración con Anfaco-Cecopesca que incidirá na importancia de seguir potenciando a internacionalización do sector.

No seu compromiso por continuar fortalecendo a industria, a Administración autonómica puxo ao dispor do sector transformador 19 millóns de euros en axudas para mellorar as instalacións das pemes conserveiras, ás que se presentaron preto dun cento de solicitudes.

 

 

Tamén pode interesarche