Ao día!
José Manuel Iglesias Vilas, Presidente do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia (CMD)
“O sector da madeira é clave no camiño cara á transición verde”
O 50% da madeira que se corta en España procede dos montes galegos e esta industria preséntase como motor estratéxico na candidatura aos fondos europeos Next Generation. Para o presidente do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, a clave non só está na natureza sostible da materia prima senón nas súas diversas aplicacións
A industria da madeira é clave para o impulso económico de Galicia, especialmente para o desenvolvemento rural. En que momento se atopa o sector?
A madeira está en alza. As tendencias de consumo mundiais apuntan a un consumidor responsable, cada vez máis informado e concienciado coa sustentabilidade, o impacto ambiental, o respecto pola natureza e o cambio climático. A madeira está aliñada con todos estes principios e é o paradigma da nova economía, a bioeconomía circular. Xa non é necesario explicar que a madeira captura CO2 no seu proceso de crecemento a través da fotosíntese. Tampouco é necesario indicar que a madeira é un material natural, biolóxico, que crece de forma sostible, é renovable e reutilizable, a madeira conéctate coa natureza porque provén dela.
A este aumento da demanda debemos engadir o desenvolvemento de novos produtos derivados de madeira, que xa se están producindo para dar resposta a este clamor global que nos demanda a sociedade. O sector está a dar resposta á transformación dunha economía baseada en produtos derivados do petróleo (plásticos, poliruetanos, poliésteres, etc.) por produtos de base biolóxica, renovables, reutilizables e facilmente reciclables que non supoñan un residuo para as xeracións futuras.
Dúas décadas de unión empresarial permitirían seguir de preto ao sector, como foi a súa evolución?
Efectivamente, o pasado ano cumprimos 20 anos e reunímonos para celebralo. Nese encontro resumiuse todo o camiño andado, tendo a sorte de contar cos meus predecesores, todos os presidentes na historia do Clúster: Ricardo García Borregón, Anxo Hermida, José Blanco e Alfredo Rodríguez, e compartir, así, as nosas experiencias nas diferentes etapas.
Todos coincidimos en que un dos grandes logros alcanzados polo clúster, foi conseguir a unidade de toda a cadea de valor da madeira. Neste senso, realizouse un importante traballo coas diferentes asociacións que repercutiu positivamente no noso ámbito.
Durante este tempo realizáronse numerosas iniciativas entre as que destacan cursos de formación, proxectos de innovación, plans estratéxicos, accións de internacionalización, xornadas divulgativas, creación de alianzas estratéxicas e labores de comunicación interna e externas a través de canles on e offline. Todo iso levou a que en 2014, o Clúster obtivese a Gold Label, medalla de ouro de excelencia en xestión, sendo o único Clúster da industria da madeira en Europa en obter este recoñecemento e que certifica que os proxectos desenvolvidos están ao máximo nivel competitivo.
Tentamos ser o elemento de dinamización dos proxectos dos nosos asociados, colaborar no desenvolvemento de accións sectoriais e na posta en marcha de iniciativas nas diferentes áreas de negocio.
A Axenda de impulso da industria forestal prevé mobilizar 140 millóns de euros entre 2022 e 2024 para modernizar a industria.
Desde o CMD levamos anos realizando un importante esforzo por modernizarnos e dixitalizarnos, conseguindo grandes avances. Deste xeito, o clúster puxo en marcha, desde a súa fundación, 47 proxectos de innovación entre os que destacan os Premios Industria 4.0 no que as empresas asociadas mobilizaron máis de 5 millóns de euros en melloras tecnolóxicas e de innovación e beneficiáronse 23 empresas do sector da madeira.
O desenvolvemento destes proxectos tradúcese en beneficios moi importantes. Logramos a mellora na produtividade e a optimización dos procesos, avanzando cara á fábrica do futuro, é dicir, camiñando con paso firme cara a unha modernización nun sector historicamente tradicional.
Agora, debemos poñer o foco en modernizar a industria forestal con sistemas como o uso de indicadores de eficiencia e rendibilidade das explotacións, e a xeración de produtos e servizos sostibles. Ademais, estamos convencidos de que a dixitalización é a única aposta viable para achegar o coñecemento a todos os niveis da cadea.
O 50% da madeira que se corta en España procede dos montes galegos. Como repercute esta cifra no emprego industrial galego?
Segundo datos achegados no Informe da Cadea de Madeira publicado pola Axencia Galega da Industria Forestal, o sector representa o 1,8% do Produto Interior Bruto da Comunidade (PIB), e xera o 2,1% dos empregos. Nos últimos anos apreciouse unha recuperación en termos de PIB e emprego.
Do ano 2013 ao 2018, a cadea forestal medrou máis que o conxunto da economía galega. Achega o 10% da estatal, gañando peso nos últimos anos. Os datos do informe indican que a industria forestal é unha parte fundamental do tecido industrial dos concellos rurais, repercutindo noutras ramas da economía galega.
Para rematar, o sector madeireiro preséntase como estratéxico para a candidatura aos fondos europeos Next Generation, que factores o converten nun dos máis importantes para a recuperación económica de Galicia?
O sector da madeira é clave no camiño cara á transición verde, non só porque se trata dunha materia prima renovable e biodegradable, senón polos novos usos que está a adquirir.
Para 2040, o sector téxtil, a nivel mundial, pretende que as fibras de madeira supoñan xa o 30% da súa materia prima. E na construción, cada vez se aposta máis por edificios máis sostibles empregando a madeira e os novos materiais derivados como o CLT. Galicia é, con 3.000 empresas, a novena potencia forestal de Europa.
O sector tamén ten que fortalecer a súa capacidade de edición de produto propio, a través do deseño. Levamos anos traballando cun grupo de empresas para poñer en marcha unha iniciativa que permita acompañalas neste percorrido.