Inicio
Actualidade

Ao día!

26/07/2022

A Materioteca de Galicia, o escaparate dos nosos materiais

Comparte este artigo

Nela pódense atopar os recursos e servizos necesarios para sacarlle todo o partido aos novos materiais en proxectos de economía circular, Industria 4.0 e transformación dixital

Un escaparate de materiais innovadores e galegos á disposición de profesionais e investigadores. É o paraugas baixo o que naceu a Materioteca de Galicia, unha instalación posta en marcha en Ferrol no ano 2018 no CIS Tecnoloxía e Deseño como unha das novidades do Programa de Deseño para a Innovación 2020, que a Xunta creou co obxectivo de fomentar a incorporación e sistematización do deseño nas empresas como motor de innovación e competitividade.

Nela pódense atopar os recursos e servizos necesarios para sacarlle todo o partido aos novos materiais en proxectos de economía circular, Industria 4.0 e transformación dixital, e todo tipo de iniciativas innovadoras dirixidas a desenvolver produtos e solucións de alto valor engadido.

Desde a súa creación, a Materioteca de Galicia converteuse nun punto de referencia para todos aqueles profesionais galegos que investigan, innovan e deseñan en relación con novos materiais. Pretende ser un espazo de encontro tanto para os que os crean como para os que os aplican, e un foco de difusión da tecnoloxía de materiais con orixe en Galicia.

Santiago Nieto, técnico responsable da Materioteca de Galicia, explica que o punto de partida do proxecto foi a recompilación de materiais innovadores para poñelos en exposición. Unha mostra de libre acceso que funciona a modo de biblioteca na que os materiais se poden ver e consultar de cara a coñecer todas as súas características e especificidades. A maiores, o proxecto complétase cunha base de datos moi exhaustiva  na que se pode obter máis información sobre cada un deles.

“A exposición -precisa Nieto- supón que os deseñadores interesados en coñecer eses materiais se poden achegar a eles dunha maneira directa e intuitiva. Poden saber como loce, se é flexible, ver a súa calidade, etc. Unha vez queiran acceder a un material en concreto, teñen ao seu dispor a información necesaria para poder contactar con cada un dos fabricantes”, remarca.

Unha exposición viva

Desde o seu nacemento, empresas e organismos, así como as tres universidades galegas, teñen enviado mostras que se van incorporando á exposición.

A iniciativa funciona como unha unidade de vixilancia tecnolóxica na que se poñen en valor os materiais elaborados en Galicia. A Materioteca conta coa súa propia base de datos de materiais galegos e tamén cunha externa con máis de 8.000 materiais de todo o mundo á que poden ter acceso as persoas interesadas na súa consulta.

“Somos divulgadores de materiais”, expón Nieto. Levan a cabo un método de traballo proactivo no que contactan con empresas ás que lles piden mostras dos seus materiais innovadores para incorporar a esa exposición e á base de datos de acceso público a través do seu portal web.

A día de hoxe, a exposición conta con algo máis de 100 materiais de diferentes sectores. A esta relación prevén incorporar 20 referencias máis no próximo semestre. “Faise un intercambio continuo de transferencia de tecnoloxía e materiais con independencia dos sectores dos que procedan as empresas”, indica Nieto.

Materiais con segundas oportunidades

No centro danse cita emprendedores, empresas e centros tecnolóxicos que buscan formación adicional ou materiais doutros sectores que poden aplicar ao seu. Tamén hai materiais aos que, en contacto con outras empresas, se lles da un novo uso, vivindo así unha segunda oportunidade. Entre os exemplos destas sinerxías podemos atopar materiais de uso alimentario que se acaban aplicando ao sector aeronáutico, solucións con cunchas dos mexillóns para reducir o impacto ambiental dos formigóns ou novas solucións para combater o cambio climático.

A empresa Betanzos HB está facendo probas en contacto con outra firma para aplicar o seu taboleiro de madeira ‘Tablex’ en carcasas de ordenadores ou compoñentes de automoción preservando o desenvolvemento sostible.

Os materiais galegos atoparon na Materioteca de Galicia un espazo idóneo para aumentar a súa difusión ao tempo que acariñan novos proxectos para desenvolver novos materiais. Conséguense desta maneira novos usos e máis posibilidades de mercado para produtos de maior valor engadido. Desde o centro celebraron un certame de materiais innovadores de Galicia. Os mellores contarán cun estudo de mercado e poranse en contacto con outras firmas para incrementar a súa comercialización.

Tamén pode interesarche