Inicio
Actualidade

Ao día!

03/08/2022

Entrevista ao director xerente de Tecnópole, Javier Taibo Gallego

Comparte este artigo

"Detectamos unha gran cantidade de proxectos galegos de excelente calidade que para crecer necesitan dar o paso cara á súa internacionalización"

A pandemia obrigou ás empresas a competir nun mercado global. A aceleradora Galicia Avanza apoiará a 30 empresas a ter presenza no exterior, tal e como explica Javier Taibo.

Cómprese un ano desde a súa chegada ao Parque Tecnolóxico de Galicia. Nese momento anunciaba a elaboración dun plan estratéxico. Cales son os seus piares básicos e como afectou ou está a afectar a pandemia na súa aplicación? 

O plan estratéxico de Tecnópole vertébrase en 5 eixes: a ocupación do espazo dispoñible, o desenvolvemento empresarial, o fomento á innovación, o cumprimento dos ODS (Obxectivos e Metas de Desenvolvemento Sostible) e finalmente a formación e a comunicación. Os obxectivos para estes 3 anos están graduados no tempo, pero ao final do 2024 esperamos ter unha contorna favorable para a innovación, facilitando e acelerando os proxectos dos nosos residentes, favorecendo a cooperación empresarial que cree comunidade. Seguiremos fomentando as carreiras STEM entre os nenos e mozos, reforzando Galiciencia e a Aula Newton (co apoio de Boeing e First Scandinavia), tratando de fixar o talento na rexión nun hábitat único que respecte a contorna e sexa enerxeticamente autosostible. Xa que o plan se desenvolveu durante a pandemia, os seus efectos xa están presentes nel, aproveitando as aprendizaxes que se tiveron, fomentando ferramentas e infraestruturas de comunicacións robustas que permitan o teletraballo dos nosos residentes.

Que papel está xogando o Parque Tecnolóxico de Galicia na captación de fondos europeos Next Generation para as empresas residentes?

Desde o Parque Tecnolóxico estamos seguindo o desenvolvemento dos distintos Pertes vía as asociacións nas que somos membros: APTE (Asociación de Parques Tecnológicos de España), a súa contrapartida internacional IASP e AMETIC (Asociación Empresas TIC), en primeiro lugar para detectar proxectos que requiran un lugar onde asentarse e tamén como antenas para tratar de atopar oportunidades de participación para as nosas empresas residentes.

Participan no programa de aceleración para a internacionalización de empresas Galicia Avanza. Cales están sendo os resultados e por onde pasan os retos da internacionalización?

Dentro dun proceso de reflexión conxunto coa Xunta de Galicia a través de Gain e Igape, detectamos unha gran cantidade de proxectos galegos de excelente calidade que para crecer necesitan dar o paso da súa internacionalización. A pandemia e a dixitalización acelerada á que levou derribaron as fronteiras e globalizaron en gran medida o mercado. Co fin de permitir que as empresas compitan mellor nesta contorna, nace Galicia Avanza.

Na súa primeira convocatoria seleccionáronse 30 empresas ás que durante os próximos meses lles realizaremos un diagnóstico de internacionalización, para nunha segunda fase darlles os servizos necesarios para aplicar ese diagnóstico. A finais deste ano sacaremos unha segunda convocatoria para acelerar outras 30 empresas durante 2023. Os traballos acaban de empezar polo que resulta prematuro para ter os resultados do diagnóstico. 

Estase a fomentar desde o Parque a colaboración coas universidades galegas? De que maneira?

Ben, as tres universidades galegas xa están en Tecnópole posto que son accionistas, pero tamén é verdade que queremos ter un acercamento moito maior con elas e é por isto que se creará un consello asesor do Parque que nos permitirá ter un contacto máis fluído. É fundamental poder apoiar a transferencia tecnolóxica ás empresas e apoiar a creación de iniciativas empresariais que nacen na Universidade. Xa levamos uns anos colaborando coa Universidade de Vigo no seu programa Incuvi e estamos en proceso de reforzar esta colaboración. Finalmente, esperamos que coa creación do consello se poidan incrementar os vínculos coa Coruña e Santiago.

Unha das tarefas máis recoñecidas da Tecnópole é a que se fai sobre divulgación científica. Como se está a impulsar? 

Queremos fortalecela e, na medida do posible, facela crecer. En particular en Galiciencia o próximo ano incluiremos unha sección para formación profesional e anunciamos xa o reto que xirará en torno á aeronáutica e aeroespacial. En canto á Aula Newton, a única en España, duplicaremos a oferta de centros que poderán visitarnos a partir de outubro co novo curso escolar, coa novidade de que a misión de voo que terán que realizar será sobre Galicia e non sobre Noruega como foi o primeiro ano. Tamén continuamos co noso curso de verán e as Aulas Tecnópole coa súa oferta de actividades extraescolares para mozos e mozas con intereses tecnolóxicos.

Que momento viven as empresas tecnolóxicas galegas e que papel xogan no crecemento económico da comunidade?

Creo que a pandemia nos obrigou a acelerar a dixitalización e as empresas tecnolóxicas estiveron á altura do reto, entregando solucións que nos permitiron adaptar os negocios a esa nova realidade. É difícil valorar a achega de sectores transversais xa que non debe medirse exclusivamente pola súa porcentaxe no PIB, senón fundamentalmente pola habilitación que estas empresas tecnolóxicas dan a terceiras empresas para desenvolverse.

Algún exemplo pode ser sectores como o TIC ou os relativos á industria 4.0, cuxa achega ao PIB é baixa, non obstante, sen elas a posibilidade real para as empresas de ter produtos ao alcance dos clientes a custos razoables é a fin de contas unha porcentaxe alta do PIB.

Outra das aprendizaxes da pandemia é a importancia de contar non só coas empresas tecnolóxicas, senón tamén cos seus procesos produtivos, para diminuír a dependencia en terceiros países e afianzar a calidade destes. Isto está moi en concordancia coa estratexia europea de soberanía tecnolóxica que busca a implantación no territorio europeo de empresas produtivas, co obxectivo, por exemplo, de diminuír a dependencia europea de chips do 90% actual ao 80%.

Tamén pode interesarche