Inicio
Actualidade

Ao día!

10/08/2022

Galicia conta cunha rede de aceleradoras de apoio ao emprendemento innovador

Comparte este artigo

Impulsamos un completo mapa de aceleradoras especializadas naquelas temáticas e sectores clave para o crecemento económico da nosa comunidade.

A Xunta de Galicia aprobou no mes de abril a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) ata 2027, co obxectivo de acadar unha mobilización público-privada de preto de 5.000 millóns de euros, co dobre obxectivo de avanzar cara a unha Galicia sostible e dixital e unha sociedade comprometida coa investigación.

Esta estratexia mantén os grandes retos da anterior e centrarase na busca de solucións científico-tecnolóxicas para a sostibilidade, na dixitalización e nas persoas para orientar os esforzos en I+D+i na alimentación, saúde ou no envellecemento. Entre as novidades está o establecemento de misións para apoiar entre 4 e 6 grandes proxectos transformadores, o reforzo da atención ás pemes para impulsar a innovación, o desenvolvemento da Marca Galicia en I+D+i e o fomento da incorporación da muller á innovación.

A nova RIS3 prevé un investimento público privado de 1.600 millóns de euros entre 2022 e 2024 para levar a cabo os 5 programas nos que se divide esa fase: Completa e transfire, Integra, Persoas e talento, Innova e emprende e Posiciona.

Entre os  instrumentos de desenvolvemento da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) atópase o programa de Aceleración da Innovación. Desde a Axencia Galega de Innovación (Gain), tense definido unha folla de ruta para o emprendemento innovador, centrada na creación da Rede Galega de Aceleradoras de Innovación que permita dotar a Galicia dun completo mapa de aceleradoras especializadas naquelas temáticas e sectores clave para o crecemento económico da nosa comunidade.

Gain vén colaborando desde o ano 2014 con diferentes programas de aceleración impulsados por entidades públicas e privadas, poñendo a disposición dos emprendedores galegos de carácter innovador, un completo ecosistema de apoio á aceleración e consolidación das iniciativas empresariais innovadoras.

Dentro deste ecosistema de apoio e consolidación, dependendo da tipoloxía do proxecto, o seu ámbito e a súa fase de desenvolvemento, as iniciativas emprendedoras teñen á súa disposición distintos programas.

As Business Factory son iniciativas que ofrecen programas de incubación, aceleración e consolidación de ámbito vertical en determinados sectores estratéxicos para Galicia.

PROGRAMA CANCER INNOVA – BUSINESS FACTORY MEDICINES
Programa promovido pola Axencia Galega de Innovación, a Fundación Kærtor, as farmacéuticas Johnson & Johnson e Lilly e a Fundación Científica de la Asociación Española Contra el Cáncer para sumar esforzos e poñer en común sinerxías e experiencias en pro dun programa de incubación no ámbito do descubrimento de fármacos centrado na área oncolóxica.

BUSINESS FACTORY AERO
BFAero está dirixida ao sector dos vehículos non tripulados. A súa misión é incubar, acelerar e consolidar novas empresas que acheguen solucións innovadoras ao mercado, consolidar o tecido empresarial e industrial do sector galego e atraer talento nacional e internacional.

BUSINESS FACTORY AUTO
Programa promovido pola Xunta de Galicia, o Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga), o Grupo Stellantis e o Consorcio da Zona Franca de Vigo. O seu obxectivo é a aceleración e consolidación de proxectos especializados en automoción e a súa transformación en empresas innovadoras, viables e escalables que atraian e reteñan talento, contribuíndo así a fortalecer o posicionamento do sector e a incrementar a súa proxección internacional.

BUSINESS FACTORY FOOD
Trátase dunha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia a través do Igape, XesGalicia e da Axencia Galega de Innovación (Gain). Conta coa dinamización do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e de grandes empresas tractoras do sector como: Grupo Calvo, Grupo Nueva Pescanova, Adegas Martín Códax, Kiwi Atlántico, Cravo Food Factory, CLUN Cooperativas Lácteas Unidas, Quescrem e Torre de Núñez, así como outras entidades colaboradoras do sector.

Existen ademais outras iniciativas que ofrecen programas de aceleración multisectorial. É o caso de Galicia Avanza, un programa de aceleración especializado na comercialización internacional da innovación que busca impulsar a internacionalización das pemes innovadoras de calquera tipo de ámbito ou sector que necesiten unha panca para a validación, o posicionamento e o fortalecemento da súa competitividade en mercados exteriores.

Tamén pode interesarche