Inicio
Actualidade

Ao día!

17/08/2022

Galicia, un escenario de oportunidades

Comparte este artigo

Atravesamos o mellor ciclo exportador da nosa historia con máis de 25.000 millóns de euros en 2021 e máis de 5.000 millóns de euros de superávit

Riqueza natural, mar, montaña, sabor, calidez, acción, tranquilidade, calidade, tecnoloxía, saber facer, talento, innovación, competitividade, oportunidade e confianza. Todas estas características fan de Galicia un escenario idóneo no que investir.

Calidade de vida, o mellor recibimento e unha contorna na que o coñecemento, a tecnoloxía e o talento se dan a man cara á competitividade e o crecemento.

Como resultado, Galicia é unha terra de oportunidades, a elección intelixente para facer negocios. É a Galicia do século XXI, a de hoxe.

A Comunidade viviu o mellor ciclo exportador da súa historia con máis de 25.000 millóns de euros en 2021 e máis de 5.000 millóns de euros de superávit, situándoa como a mellor balanza comercial en España.

Galicia é a porta de entrada a Europa, o punto máis próximo ao mercado latinoamericano, está conectada co corredor atlántico europeo e é unha ligazón directa tanto co resto do mercado español como co portugués.

A súa completa rede de infraestruturas (tres aeroportos internacionais, cinco grandes portos, dous portos exteriores, 17.641 km de estradas, 460 km de alta velocidade e AVE con Madrid) fai que estea chamada a ser a plataforma loxística do sur de Europa con exencións de dereitos arancelarios para mercadorías estranxeiras na única zona franca do noroeste español.

O Camiño de Santiago, Patrimonio da Humanidade, a súa riqueza natural, un 46% de solo de alto valor ecolóxico, e os seus 1.500 quilómetros de costa converten a Galicia nunha potencia turística que nestes dous anos vive un impulso adicional coa celebración do Xacobeo 2021-2022.

É, ademais, unha rexión que aposta por ser máis competitiva a través da xestión sostible de recursos propios únicos, como os pesqueiros e os forestais.

Galicia é un ecosistema innovador. A aposta polo talento comeza polas idades máis temperás (3 universidades e 2 campus de excelencia internacional) e materialízase nunha forza de traballo cualificada e diversificada con máis de 11.000 persoas dedicadas á I+D+i.

Galicia ofrece unha das mellores ofertas da UE para o apoio financeiro con importantes vantaxes fiscais, préstamos para investimentos e circulante.

As empresas que deciden implantarse en solo galego contan cun marco normativo específico, a Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica, e cunha unidade responsable de xestionar os instrumentos previstos nesta lei para facilitar a implantación das iniciativas empresariais, a Oficina Doing Business.

Á dispoñibilidade de solo industrial a prezos moi competitivos con máis de 100 polígonos en funcionamento, únense os incentivos á contratación indefinida e un escenario de estabilidade económica, así como a capacidade de xestión de fondos europeos.

A Comunidade aposta, ademais, polo binomio industria-sustentabilidade, un futuro marcado pola eficiencia enerxética, o desenvolvemento das renovables, a protección do medio ambiente e unha economía máis verde.

Os fondos europeos Next Generation supoñen novas oportunidades para a transformación do tecido produtivo, que aposta por unha Galicia máis verde, máis innovadora e máis inclusiva.

Da man do investidor

Ademais de relevantes oportunidades de investimento a través da compra pública de innovación, Galicia conta con infraestruturas e un ecosistema innovador que lle permite avanzar nun modelo económico baseado no coñecemento e a dixitalización.

A consolidación do tecido empresarial a través da captación de novos investimentos é un obxectivo prioritario, polo que Galicia apoia a creación de novas empresas, axuda ao investimento, formación e contratación, e ofrece atención e seguimento individualizado ás empresas con novos proxectos.

Desde aquí, o acceso ao mercado global é unha garantía. Galicia medra mirando cara ao exterior e ten na internacionalización unha das claves do auxe da súa economía.

Empresas estranxeiras elixiron Galicia, sumándose así a grandes firmas galegas de referencia a nivel internacional en sectores como a alimentación, o téxtil, a automoción, o forestal, o naval, as TIC, a biotecnoloxía ou o aeroespacial. 

Entre todas fan de Galicia o mellor lugar para investir.

Tamén pode interesarche