Ao día!
Compra Pública de Innovación: oportunidades para un ecosistema innovador e empresarial galego
A Compra Pública de Innovación (CPI) é un instrumento que consiste na adquisición de bens e servizos innovadores empregando os mecanismos da contratación pública para satisfacer un desafío que ten unha administración e que impacta no benestar e interese da cidadanía. Consiste nunha fórmula de colaboración público-privada que implica un traballo desde o lado da demanda, constituída pola administración pública que saca a licitación, e desde o lado da oferta, integrada polas empresas que compiten ofrecendo solucións innovadoras ás necesidades propostas desde as administracións.
Trátase, en definitiva, de empregar a capacidade de compra do sector público para instrumentar políticas públicas en colaboración co sector privado.
Galicia é referente no Estado e pioneira na utilización da Compra Pública de Innovación. No período 2007-2013 executou o 40% de toda a CPI que se contratou en España, en concreto 122 millóns de euros dun total de 293 millóns. No período 2014-2020 mantívose ese liderado executando proxectos en Galicia por valor de preto de 130 millóns de euros.
O papel da Xunta na CPI viuse reforzado grazas a un acordo asinado co Ministerio de Ciencia e Innovación en 2015, en virtude do cal a Axencia Galega de Innovación (Gain) colabora na selección das iniciativas de CPI candidatas a ser cofinanciadas con fondos FEDER do Programa Operativo Plurirrexional. No marco deste acordo Gain puxo en marcha dúas convocatorias para identificar proxectos de CPI nas administracións públicas de Galicia, entre as que se atopa Smartiago e outros proxectos, como Código 100 do Sergas, o Polo Aeroespacial de Galicia en Rozas (Castro de Rei), o proxecto Innovaugas 4.0 de Augas de Galicia ou o Centro de Ciberseguridade impulsado por Amtega.
Tamén se puxo en marcha o programa Innpulsa CPI, de fomento de compra pública de innovación, cuxo obxectivo é recoñecer o compromiso e a actitude innovadora do persoal ao servizo da administración.
Desde o 2019 o Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI) abriu unha nova liña de financiamento da CPI para adquirir servizos de I+D que poidan resultar prototipos de primeiros produtos ou servizos tecnoloxicamente innovadores co obxectivo de cedelos posteriormente ás administracións públicas interesadas en proporcionar unha contorna real necesaria para validar a tecnoloxía proposta. En Galicia hai dúas licitacións en marcha que se articulan a través desta liña: a creación dun entorno de simulación U-Space para Rozas, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia; e Innovatrial, para o desenvolvemento de solucións innovadoras no ámbito dos ensaios/estudos clínicos.
Proxectos destacados
O Polo Aeroespacial de Galicia é o maior proxecto posto en marcha pola Xunta a través deste instrumento de contratación. A finalidade é impulsar produtos e solucións innovadoras con drons que permitan mellorar a prestación de determinados servizos públicos. Entre 2015 e 2020 mobilizáronse 164 millóns de euros de investimento mediante a colaboración público-privada.
No ámbito da sanidade, en Galicia abordáronse dúas iniciativas pioneiras en España e referentes na Unión Europea no uso desta ferramenta. Hospital2050 e Innovasaúde son os dous proxectos que apostaron por esta fórmula polos beneficios que reporta tanto para o Sistema Galego de Saúde como para o tecido empresarial.
O proxecto Smartiago, promovido polo Concello de Santiago co apoio da Xunta de Galicia, permite avanzar na prestación de servizos innovadores á cidadanía a través da busca de solucións tecnolóxicas no eido das smartcities para mellorar a mobilidade e racionalizar os servizos de loxística de última milla da zona monumental; optimizar a xestión de residuos sólidos urbanos, definindo un novo modelo descentralizado na recollida e tratamento da fracción orgánica; e incorporar iluminación ornamental no patrimonio histórico máis sostible e con efectos biocidas.
Por último, o proxecto Innovaugas recibiu recentemente o galardón á mellor iniciativa pública no sector da auga nos premios ‘Warer Europe Innovation 2022’. O seu obxectivo é acadar solucións innovadoras para a xestión integrada avanzada das augas e dar resposta ás demandas dos diferentes usos, en equilibrio co medio natural e os ecosistemas fluviais, atendendo ao escenario do cambio climático.