Ao día!
En marcha a Axenda Enerxética de Galicia 2030
A Axenda Enerxética de Galicia 2030 que vén de aprobar a Xunta de Galicia establece unha serie de obxectivos cuantitativos intermedios para acadar a neutralidade climática en 2050. A previsión é investir ao redor de 630 millóns de euros no período 2022-2024 e facer unha mobilización público-privada de máis de 1.500 millóns.
Galicia, que xa é un referente en enerxías renovables, pretende con esta Axenda traballar cara a un modelo sostible e un novo mix enerxético con novas tecnoloxías, como poden ser o hidróxeno verde, os gases renovables e a economía circular, os biocombustibles, o almacenamento enerxético ou a eólica mariña.
A Axenda Enerxética de Galicia 2030 céntrase fundamentalmente en impulsar medidas que permiten aos fogares realizar un consumo máis eficiente e reducir así na súa factura eléctrica. Xunto ás familias, o Goberno galego prestará especial atención a pemes, autónomos e industria co desenvolvemento de novas accións como os incentivos para mellorar as infraestruturas enerxéticas nos polígonos e a posta en marcha de comunidades enerxéticas empresariais.
De cara a 2030 preténdese dispor dunha Galicia máis verde e sostible na que o 85% da xeración eléctrica proceda de fontes renovables, reducir un 55% as emisións de gases de efecto invernadoiro e acadar un 40% de mellora da eficiencia enerxética no consumo final. Búscase, ademais, beneficiar ás familias con medidas que favorezan o aforro e a eficiencia enerxética. As actuacións que se van levar a cabo teñen como destinatarios finais os fogares galegos, que recibirán 159 millóns de euros.
A Axenda Enerxética de Galicia 2030 establece 56 medidas concretas ao redor de sete eixes de actuación. O primeiro centrarase no desenvolvemento de enerxías renovables mediante a busca dun incremento desta tecnoloxía aproveitando os recursos enerxéticos locais. Tamén se apostará pola integración das enerxías limpas e o impulso do almacenamento enerxético, así como polo autoconsumo. Outra das medidas destacadas é a promoción dun Hub de hidróxeno renovable na Comunidade.
O segundo eixe xirará ao redor da economía circular, para o que se contempla a valorización enerxética de residuos para autoconsumo, a incorporación dos gases renovables no sistema enerxético ou a implantación de solucións avanzadas.
En terceiro lugar, realizarase unha decidida aposta pola mobilidade sostible, fomentando fontes de enerxía renovable no transporte e un corredor verde do norte, así como a renovación do parque móbil ou a promoción do vehículo eléctrico.
O cuarto eixe ten como obxectivo a descarbonización dos diferentes sectores, desde as actividades económicas coa creación do selo Empresa Sostible de Galicia, aos edificios residenciais, sector terciario, administracións públicas e sector primario.
Polígonos empresariais ecoeficientes
O quinto eixo, e un dos prioritarios, será o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación a través de proxectos no marco da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, acordos con institucións, así como fabricación de compoñentes neste eido ou o fomento dos polígonos empresariais ecoeficientes aos que se destinarán 17,5 millóns de euros.
Neste senso, prevese que se activen incentivos tanto para a mellora das infraestruturas no eido enerxético nos parques industriais, como para a promoción de comunidades enerxéticas empresariais. A Xunta de Galicia xa está traballando coa Tecnópole na implantación da primeira comunidade enerxética, da que se beneficiarán ao redor de 50 empresas. Este proxecto en San Cibrao das Viñas contaría cunha potencia instalada de 2MW a través da dispoñibilidade de espazo en cubertas de edificios e terreos para a xeración de 2.500 MWh/ano.
En sexto lugar, adoptaranse medidas para avanzar na transición xusta con plans de aforro enerxético para as familias, programas de formación de profesionais relacionados coas novas fontes de enerxía e a loita contra a pobreza enerxética.
Por último, atópanse as medidas que se deseñen de acordo aos requirimentos dos fondos europeos Next Generation, así como dos fondos de transición xusta, e desde o punto de vista da colaboración público-privada para obter un maior financiamento dos programas.