Ao día!
Galicia quere formar parte da revolución cuántica
A Xunta impulsa o Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia, que ten en execución máis de 30 millóns de euros e aspira a multiplicar por cinco este investimento, ata os 150 millóns de euros, se obtén fondos europeos.
A mecánica cuántica trae consigo unha serie de vantaxes, entre as que se pode citar a capacidade de anticipación para previr, predicir e abordar, por exemplo, enfermidades ou episodios climáticos, así como innumerables datos ata agora incalculables que servirán de base para que a industria cree novas aplicacións.
Trátase dun camiño que se iniciou hai xa 20 anos e no que agora é preciso consolidar toda a experiencia conseguida e coñecementos desenvolvidos involucrando para elo ao tecido produtivo para o que moitos definen como un salto tecnolóxico sen comparación aos que se viviron ata o momento.
As tecnoloxías cuánticas empezan a saír das contornas da investigación para entrar nas aplicacións do mundo real, o que traerá consigo unha nova era para a informática, os sensores e a ciberseguridade.
O Polo de Tecnoloxías Cuánticas nace en clave de colaboración porque o deseño de toda a estratexia fíxose previa consulta a máis dunha trintena de axentes do sistema galego de I+D+i; partindo do propio Cesga, as tres universidades, os centros tecnolóxicos máis o CSIC, o Clúster TIC, empresas e colexios profesionais, e contou, tamén, coas achegas do Centro de Supercomputación de Barcelona que hoxe en día é un referente en toda Europa.
Galicia terá un dos computadores cuánticos máis potentes do sur de Europa
O primeiro paso para a posta en marcha do Polo de Tecnoloxías Cuántica foi a adquisición dun computador cuántico para o Cesga que será un dos máis potentes do sur de Europa. A súa compra supón un investimento de 13,9 millóns de euros. Esta mellora marcará un punto de inflexión para a transición dixital en Galicia ao tempo que posiciona ao Cesga como locomotora e socio tecnolóxico fundamental do ecosistema galego de I+D+i neste ámbito.
Os seguintes pasos a dar van ser crear un grupo de investigación en computación cuántica; catro laboratorios experimentais; despregar a primeira liña de comunicación cuántica entre Santiago e Vigo; e levar esta tecnoloxía ao sector aeronáutico galego a través do Polo Aeroespacial de Galicia, para afondar en sistemas de comunicación seguros para vehículos aéreos non tripulados ou para a xestión do tráfico aéreo.
O obxectivo é que Galicia sexa un referente europeo e internacional en computación e comunicación cuántica de cara ao 2030, tanto a nivel académico e de investigación, como empresarial e comercial. Para iso, o Polo de Tecnoloxías Cuánticas vaise apoiar en catro piares: a Universidade, que ha de atraer o talento e formar aos profesionais do futuro; os centros de I+D+i, encabezados polo Cesga, que xerarán novo coñecemento así como produtos e servizos baseados en tecnoloxías cuánticas; as empresas e a economía, coas que se traballará para impulsar a innovación e a utilización destas tecnoloxías; e a sociedade, para darlle a coñecer a utilidade desta tecnoloxía e os beneficios alcanzados por investir nela.
Galicia é consciente da relevancia que a comunicación cuántica ten nesta era dixital para resolver as crecentes demandas científico-técnicas de sectores que van desde a medicina, ata a loxística, pasando polas telecomunicacións, as finanzas e a propia industria.
É un ámbito que impacta directamente sobre a vida das persoas e sobre o progreso da economía, de aí que a Xunta de Galicia e todos os axentes implicados decidiran darlle o impulso necesario. Lograr estes obxectivos trae asociada máis colaboración co tecido empresarial para que esta tecnoloxía permita responder aos retos da transición verde e dixital, a contratación de persoal para investigar en computación e comunicacións cuánticas, programas de captación e retención de talento e un traballo conxunto coas tres universidades galegas no plano académico.