Ao día!
XesGalicia, un apoio ao emprendemento e á innovación
XesGalicia é unha sociedade mercantil pública da Xunta de Galicia, adscrita á Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación que ten como obxectivos apoiar o crecemento do tecido empresarial galego, impulsar o desenvolvemento e a consolidación económica e industrial de Galicia, así como fomentar o emprendemento e a innovación.
Desde hai dúas décadas, XesGalicia xestiona diversas entidades de capital risco especializadas segundo a tipoloxía de empresa ou proxecto. Ao peche de 2021 XesGalicia xestionaba unha sociedade de capital risco (Sodiga Galicia) e catro fondos de investimento: Galicia Compite, Galicia Innova Tech, Galicia Iniciativas Emprendedoras e Adiante 2000.
A sociedade mercantil ten orientada a súa actividade cara a iniciativas empresariais vinculadas ao emprendemento e a innovación, sen deixar de atender os proxectos de crecemento ou reforzamento en empresas xa consolidadas en Galicia. Durante os exercicios 2020 e 2021 aprobáronse novas operacións en favor de máis de 40 proxectos, en sectores como a biotecnoloxía, a nova mobilidade ou relacionadas co sector primario, acadando un volume agregado superior aos 20 millóns de euros.
De entre os proxectos financiados atópanse startups tan innovadoras como Libera Bio, que centra a súa actividade no desenvolvemento de tratamentos personalizados contra o cancro baseados nunha nova nanotecnoloxía; ou Celtarys Research, que desenvolve ferramentas fluorescentes para o descubrimento de novos fármacos; ambas son dúas spinoff da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que participaron no programa Ignicia, dependente tamén da Vicepresidencia primeira, a través da Axencia Galega de Innovación.
Moitos destes proxectos beneficiáronse adicionalmente dos servizos achegados polos programas de financiamento do emprendemento nos que colabora XesGalicia, como sería o acceso a espazos de traballo, asesoramento de titores e mentores ou o contacto con posibles socios industriais. Entre estes programas destacan Business Factory Auto (BFAuto), Business Factory Food (BFFood) e Business Factory Aero (BFAero), iniciativas especializadas en automoción, no sector alimentario e no aeropespacial, respectivamente.
Ademais, desde hai varios exercicios, XesGalicia participa activamente en programas de financiamento ao emprendemento, mediante a colaboración a través de investimentos directos en fondos de emprendemento de orixe privada, que complementan e fortalecen as posibilidades de acceso ao financiamento para as empresas de base innovadora e tecnolóxicas galegas.
Da man das empresas para transformar a economía galega
Baixo este contexto a Xunta puxo en marcha, a través de XesGalicia, a súa estratexia de fondo de fondos, dotada con 11 millóns de euros e coa que se pretende triplicar a mobilización dos fondos achegados, ata un importe próximo aos 33 millóns de euros. O obxectivo é colaborar con xestoras privadas de capital risco para acompañar ás empresas á hora de transformar a economía galega, impulsando o ecosistema de startups na Comunidade, o emprendemento e a innovación, ao tempo que se promove o retorno do talento.
Seguindo a estratexia de fondo de fondos, XesGalicia realizou en 2021 un novo acordo de investimento por importe dun millón de euros en colaboración co fondo BSocial Impact Fund, xestionado por parte de Ship2B Ventures, o maior fondo de venture capital de impacto en España. A súa actividade inversora trata de dar resposta a tres grandes retos: a mellora da calidade de vida de colectivos vulnerables, o cambio climático e o fracaso escolar.
No exercicio 2021, e a pesar das consecuencias negativas xeradas pola covid-19, obsérvase unha evolución favorable nos resultados acadados polas entidades xestionadas por XesGalicia -Sodiga Galicia, Galicia Compite, Galicia Innova Tech, Galicia Iniciativas Emprendedoras e Adiante 2000-, grazas, entre outras cuestións, á execución de determinadas operacións de venda. Neste 2022, XesGalicia centrará as súas estratexias no reforzo dos fondos propios das compañías investidas, así como no financiamento do emprendemento empresarial galego.