Inicio
Actualidade

Ao día!

01/09/2022

O Camiño de Santiago impulsa a creación de albergues turísticos

Comparte este artigo

Galicia conta cunha rede pública de 75 albergues que ofrece máis de 4.200 prazas, á que se lle suman 121 establecementos privados

Hannah, unha mestra orixinaria de Texas de 38 anos, converteuse no mes de xullo na peregrina internacional número 100.000 ao completar o Camiño de Santiago pola ruta Portuguesa e asinar a súa Compostela durante este segundo Ano Santo. O incremento das cifras de camiñantes no que vai de 2022 son reflexo tamén do regreso dos viaxeiros internacionais, outro dos factores que impulsan a afluencia de peregrinos e con ela dispara a apertura de albergues ao longo dos diferentes itinerarios. Os datos indican un 17% máis de afluencia que no 2019, con 148.000 peregrinos chegados a Santiago no mes de xullo.

Para dar acubillo aos camiñantes a Xunta de Galicia crea no ano 1992 a Rede Pública de Albergues de Peregrinos do Camiño de Santiago tomando como modelo a rede de hospitais medievais, que se ten convertido desde entón nun dos motores de promoción e servizo no Camiño. A día de hoxe hai 75 albergues públicos en funcionamento; 22 no Camiño Francés, 15 na Vía da Prata, 9 no Camiño Portugués, 1 no Camiño Portugués da Costa, 1 no Camiño de Inverno, 10 no Camiño do Norte, 6 no Camiño Primitivo, 6 no Camiño Inglés e 5 no Camiño Fisterra-Muxía.

Esta rede pública de albergues de Galicia conta máis de 4.200 prazas públicas. Os establecementos están distribuídos ao longo de 1.500 quilómetros de territorio polos que discorren os diferentes Camiños de Santiago. Trátase dunha tipoloxía de aloxamento que ofrece unha acollida aos peregrinos baseada na hospitalidade e nos valores xacobeos.

A maiores, a rede de albergues privados suma 121 establecementos para peregrinos en Galicia. Neste contexto, a Oficina Galicia Empresa vén de publicar un catálogo de Albergues Turísticos, que ten por obxectivo simplificar e recoller nun único documento todos os trámites necesarios para a implantación dunha iniciativa empresarial deste tipo na comunidade. Nel poden consultarse os albergues de primeira, de segunda e de peregrinos do Camiño de Santiago, agás os de titularidade pública. Está dispoñible nesta ligazón.

 Galicia Destino Seguro

A Axencia Turismo de Galicia ten como un dos seus obxectivos ampliar a rede de albergues públicos e continuar coa mellora dos que xa están en funcionamento.

Unha das metas a curto prazo foi a preparación do Xacobeo 2021-2022 a través do Plan Director Galicia Destino Seguro 2021-2023. Desde a Axencia de Turismo de Galicia entendeuse esta cita como unha ocasión única para a que se levaron a cabo traballos en diferentes ámbitos, como o acondicionamento das instalacións, a ampliación da rede de albergues públicos, a mellora das contornas e, sobre todo tras a chegada da pandemia, en poder garantir un destino seguro.

A rede de albergues públicos da Xunta de Galicia conta con todos os protocolos de prevención grazas ao Plan Director Galicia Destino Seguro 2021-2023. Baixo este paraugas de protección puxéronse en marcha todas as medidas necesarias ante a covid-19 nas instalacións da rede pública e tamén se articulou unha liña de axudas para investimentos en mellora da calidade dos albergues turísticos, incluídos os albergues privados.

No caso concreto dos albergues da rede pública, este ano levaranse a cabo actuacións de mellora no 90% dos establecementos cun investimento de máis de 2 millóns de euros para mellorar as condicións de confort e accesibilidade nos aloxamentos.

Este proxecto dálle continuidade ao Plan de Albergues 2019-2021 mediante o que se fixeron actuacións de mellora na accesibilidade e eficiencia enerxética nos establecementos turísticos públicos cun investimento de 7,5 millóns de euros.

A iniciativa suporá a intervención en 67 albergues, dun total de 74, e contará cun investimento de máis de dous millóns de euros para mellorar as condicións de confort e accesibilidade nos aloxamentos.

En concreto, executaranse melloras en 5 albergues do Camiño de Fisterra a Muxía, 20 no Camiño Francés, 6 no Camiño Inglés, 8 no Camiño Norte, 10 no Camiño Portugués, 6 no Camiño Primitivo e 12 no Camiño Mozárabe-Vía da Prata.

Galicia converteuse ademais na primeira Comunidade Autónoma en acadar a certificación Q de Calidad Turística outorgada polo Instituto Español para la Calidad Turística Española (ICTE) para os seus albergues turísticos, tanto públicos como privados.

Tamén pode interesarche