Inicio
Actualidade

Ao día!

06/09/2022

A Xunta reforza o seu apoio ás empresas de base tecnolóxica

Comparte este artigo

A Axencia Galega de Innovación pon en marcha unha liña de axudas dotada con 6 millóns de euros para apoiar a iniciativas innovadoras excelentes que non obtiveron financiamento na última convocatoria do programa estatal Neotec

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), vén de darlle continuidade á liña de apoio aos mellores proxectos de emprendemento de base tecnolóxica galegos presentados ao programa estatal Neotec na súa convocatoria de 2021 e que foron avaliados favorablemente pero que non obtiveron financiamento por esgotamento de crédito.

Así, veñen de publicarse as bases reguladoras e convocatoria de 2022 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, destes apoios.

O Programa Neotec ten demostrado nos últimos anos ser un referente para identificar e apoiar o crecemento de startups e empresas tecnolóxicas, así na convocatoria de 2021 recibiu 575 solicitudes e o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) tan só financiou o 22% (125 empresas) debido ao alto nivel de excelencia das candidaturas. Entre estas solicitudes, hai 15 empresas galegas que poderán optar a esta convocatoria, ademais de outros proxectos que poderán trasladarse a Galicia para formar parte do ecosistema innovador.

Esta medida enmárcase no compromiso da Xunta de Galicia co emprendemento innovador que, no ano 2021, permitiu apoiar deste xeito 13 proxectos de empresas tecnolóxicas galegas cun investimento total de 2,9 millóns de euros. O obxectivo, tal e como sinala a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, é “que ningún proxecto empresarial competitivo quede sen apoio”.

A liña de rescate a proxectos de emprendemento de base tecnolóxica súmase a outras actuacións das que a Xunta de Galicia dispón para apoiar o emprendemento innovador, como os programas de incubación e aceleración, entre os que destacan as Business Factories, ou o programa Ignicia, que apoia a chegada ao mercado dos resultados da investigación realizada nos centros de coñecemento galegos. Esta aposta verase reforzada no marco da nova Estratexia de Especialización Intelixente RIS3 de Galicia, que guiará a innovación galega ata 2027.

Un mes de prazo para solicitar as axudas

Coa resolución aprobada polo Consello da Xunta a finais de xullo e publicada no DOG o día 31 de agosto, a Xunta convoca as axudas públicas destinadas a apoiar aos proxectos empresariais de empresas innovadoras que superando os limiares da convocatoria Neotec de 2021 non foron beneficiarias por insuficiencia de crédito.

As axudas destinaranse a proxectos empresariais en calquera ámbito tecnolóxico e/ou sectorial pero, en calquera caso, trátase de empresas que basean a súa estratexia de negocios na tecnoloxía ou coñecemento desenvolvido a partir da actividade investigadora. 

As bases recollen os requisitos que as empresas deben cumprir, entre os que se atopa non estar cotizadas e estar constituídas como máximo nos cinco anos anteriores á data de peche do prazo de presentación de solicitudes de axuda á convocatoria.

Destácase que esta convocatoria apoiará tanto ás empresa galegas, como a aquelas que trasladen a Galicia a súa sede social, fiscal e centro de traballo, coa finalidade de promover a rexión como o mellor ecosistema de emprendemento tecnolóxico.

As axudas solicitaranse para actuacións anuais ou plurianuais mantendo o orzamento total presentado a Neotec, e poderase financiar de maneira xeral ata o 70% do orzamento elixible da actuación, cun importe máximo de subvención de 250.000 euros por beneficiario. As propostas que inclúan a contratación laboral de polo menos un doutor, poderanse financiar ata o 85% do orzamento da actuación, cun importe máximo subvencionable de 325.000 euros por beneficiario.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia e deberán presentar, entre outros, a acreditación como empresa innovadora e as expectativas de impacto da súa iniciativa en Galicia a través do formulario de solicitude. Hai un mes para a presentación de solicitudes desde a súa publicación no DOG.

Tamén pode interesarche