Inicio
Actualidade

Ao día!

07/09/2022

Anfaco-Cecopesca aposta pola tecnoloxía no sector alimentario

Comparte este artigo

Como principal clúster das empresas de conserva, realiza un importante labor de I+D, con proxectos recoñecidos en todo o mundo como NutriGen 4.0

Anfaco-Cecopesca é unha asociación de empresas de conserva que conta con máis de 100 anos de traxectoria. O colectivo hai máis de tres décadas que diversifica a súa actividade, medra e crea o seu propio centro tecnolóxico centrándose en tres liñas de actuación: asistencia técnica, laboratorios e I+D.

No sector tecnolóxico traballan en catro liñas principais de investigación; que son acuicultura e recursos mariños, sostibilidade e economía circular, biotecnoloxía, nutrición e saúde e dixitalización e Industria 4.0. Esta última está centrada en cinco piares de actuación dentro do sector agro-mar-alimentario: automatización e robótica, visión artificial e proceso de avanzado, imaxe química a través de sistemas de visión hiperespectral, enxeñería de procesos e mellora da competitividade, xemelgo dixital e realidade aumentada.

A actividade de I+D de Anfaco-Cecopesca céntrase na aplicación de tecnoloxías ás peculiaridades do sector agro-mar-alimentario e nos desenvolvementos específicos -como os datos hiperespectrais aplicados á industria do sector primario-, sendo este, ademais, o valor diferencial da compañía.

A maior dificultade do sector para o aproveitamento da tecnoloxía da Industria 4.0 atópase na heteroxeneidade da materia prima. Por poñer un exemplo: non hai dúas sardiñas iguais. Isto dificulta o traballo ao non poder aplicar solucións comerciais doutros sectores, como o da automoción onde a tecnoloxía é un elemento tractor.

Así, para coñecer cales son e a constitución das unidades de produción resulta especialmente válida a tecnoloxía hiperespectral, presente en moitos dos seus proxectos. O que se consegue son imaxes con máis capas e, polo tanto, con máis información, o que permite facer análises cualitativas e cuantitativas sobre o que pasa pola liña de produción.

Un destes proxectos é un sistema de análise nutricional online de atún cocido mediante visión hiperespectral a través de aplicacións de sensórica avanzada. Coa cámara hiperespectral obteñen análises máis completas e máis información do produto, pódese medir a humidade e o nivel de graxa, por exemplo dun atún, e obter unha análise nutricional inmediata, o que pode ter múltiples aplicacións.

Outro do proxectos no que traballan é NutriGen 4.0, financiado pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), e no que tamén participa Hifas da Terra. Recentemente vén de recibir un premio en relación á dixitalización, recoñecendo este proxecto entre as 100 mellores ideas do mundo. NutriGen 4.0 propón solucións innovadoras para a obtención de nutracéuticos a partir de fungos medicinais. O obxectivo global é monitorizar, simular e predicir un proceso biotecnolóxico mediante ferramentas de cálculo avanzado e modelización.

A I+D de Anfaco non se cingue aos produtos do mar, senón que se estende a todo o ámbito alimentario en xeral e de forma transversal ao contar con estudos en marcha incluso sobre forraxe animal onde obteñen as características de como é esa mistura do alimento de gando, como é a textura, a homoxeneidade ou os seus compoñentes nutricionais. Outro dos proxectos é HI-Bio 4.0 sobre bebidas fermentadas para analizar a materia prima en distintas etapas do proceso de produción ou o proxecto HSI Food no que estudaron os produtos de panificación, con máis de 930 mostras.

Na actualidade traballan xunto con Emenasa Industria para sacar os equipos dos laboratorios e levalos a unha planta de produción. Xunto con eles, dos que son socios tecnolóxicos, veñen de lanzar a primeira máquina 4.0 de inspección espectral para caracterizar a produción en tempo real de atún cocido atemperado e sacar datos de humidade e graxa.

Na mesma liña, traballan tamén no proxecto europeo SpecTuna, un robot que despeza o atún cru conxelado. O sistema identifica en tempo real, graxa, humidade, proteína e sal. É un proxecto piloto que permite moitas aplicacións para clasificar o produto. Entre outras, crear unha gama de produtos premium.

Tamén pode interesarche