![](/documents/51414/51698/img_cabecera_ao_dia.png?version=1.0
)
Ao día!
![](/documents/51414/51731/Nova-51.jpg?version=1.0)
Help Flash, unha luz para salvar vidas
A empresa Netun-Solutions, con sede en Vigo, iniciou en 2016 o desenvolvemento do seu produto Help Flash, unha tecnoloxía concibida para salvar vidas na estrada que xa se converteu en líder de sinais V16 e solucións de sinalización en caso de avaría ou accidente.
Help Flash é un claro exemplo de caso de éxito do programa Business Factory Auto (BFAuto) -promovido pola Xunta de Galicia, o Consorcio da Zona Franca de Vigo, o grupo Stellantis e Ceaga-, unha iniciativa cuxo obxectivo é impulsar a aceleración e consolidación de proxectos especializados en automoción para transformalos en empresas innovadoras que contribúan a cubrir ocos na cadea de valor e fortalecer o sector da automoción en Galicia, así como incrementar a súa proxección internacional.
Jorge Costas, CEO de Netun-Solutions, destaca a importancia de atoparse entre os proxectos impulsados por BFAuto “pola capacidade que nos supuxo para xerar emprego indefinido e cualificado. Permite que haxa empresas en Galicia de moita calidade”, resume.
Visible a 1 km de distancia
Help Flash é un sinal luminoso V16, compatible coa Normativa de Circulación vixente e que desde 2021 pode substituír aos triángulos de emerxencia. A baliza permite ao condutor a sinalización inmediata do seu vehículo parado na vía, sen necesidade de baixarse do mesmo, sendo visible para os demais usuarios da estrada ata a un quilómetro de distancia.
É un dispositivo autónomo, que se alimenta cunha batería de alto rendemento independente do vehículo, cunha autonomía de tres horas en modo emerxencia, que garante o seu funcionamento óptimo aínda que exista un fallo eléctrico no vehículo. A versión Help Flash Smart permite, ademais, a través da aplicación Incidence a xeolocalización do vehículo e a conexión cos servizos de asistencia e aseguradoras.
Help Flash supón un cambio revolucionario nas manobras de auxilio viario, reducindo os atropelos posteriores durante a sinalización de vehículos parados por accidente ou avaría. Isto é posible porque permite que o condutor non teña que abandonar o vehículo en caso de accidente ou avaría, tan só ten que colocar o dispositivo no teito do coche sen baixarse del.
Help Flash Smart, ademais, mellora os tempos de resposta en caso de accidente, o que se traduce nun menor risco no agravamento de lesións e un mellor servizo de asistencia.
Os desenvolvementos patentados pola empresa viguesa supoñen en si mesmo unha innovación, destacando tamén a incorporación das últimas tendencias en tecnoloxía a un produto de gran consumo.
Líderes no mercado nacional
No ano 2021 venderon máis dun millón de dispositivos Help Flash, situándose como líderes no mercado nacional. Entre o ano 2022 e o 2025 a meta é alcanzar 20 millóns de luces comercializadas. Desde os seus inicios no ano 2016 pasaron de ser dous a máis de 20 traballadores, cunha facturación de máis de 10 millóns de euros. Entre os fitos máis importantes dos vividos ata o de agora, tal e como destaca o CEO da empresa, Jorge Costas, a aprobación en 2021 do decreto que fixa a obrigatoriedade da luz en España a partir do ano 2026.
Actualmente o seu mercado está en España, pero xa presentaron o proxecto en Portugal e, xunto coa DXT, levárono ata o Parlamento Europeo onde unha Comisión comprometeuse a estudalo en detalle. Seguen avanzado ademais en novas solucións para operarios de estrada, conos para sinalizar obras ou voltas ciclistas a través dunha plataforma conectada coa DXT que pode enviar a información a paneis de autoestradas ou a navegadores para que sexa reflectida nos propios vehículos.