![](/documents/51414/51698/img_cabecera_ao_dia.png?version=1.0
)
Ao día!
![](/documents/51414/51731/Entrevista+Ana+Paul+Ctag.jpg?version=1.0)
Entrevista a Ana Paul, directora de Innovación Tecnolóxica do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (Ctag)
Charlamos con Ana Paul, directora de Innovación Tecnolóxica do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (Ctag) sobre as perspectivas de futuro deste sector estratéxico e as principais liñas de traballo deste centro.
Cales son as claves para que Galicia se convertese nun referente en innovación e tecnoloxía no sector da automoción?
Galicia posicionouse como referente no sector da automoción e a mobilidade fundamentalmente pola presenza e especialización dos diferentes actores do sector. Está Stellantis, grupo de automoción líder a nivel internacional con capacidade de atracción de proxectos innovadores. Contamos ademais cun conxunto de empresas provedoras de compoñentes e industria auxiliar colaborando a través da Agrupación industrial de automoción Ceaga. E naturalmente temos en Galicia un centro tecnolóxico especializado en automoción e mobilidade como é Ctag, un dos maiores centros a nivel europeo con este grao de especialización e cun posicionamento relevante en novas tecnoloxías para o vehículo autónomo, conectado e eléctrico. Logramos un ecosistema innovador en Galicia moi destacado, onde non hai que esquecer as numerosas pemes e startups que achegan solucións de novos produtos, procesos e servizos ao redor da mobilidade, así como os mecanismos de apoio da Xunta a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) ou o Igape con programas relevantes de dinamización de proxectos innovadores.
Que liñas de investigación e tecnoloxías están a desenvolverse desde o Ctag?
En Ctag orientamos as nosas liñas de investigación aos retos que vai supoñer a nova mobilidade, buscando anticiparnos ás necesidades das empresas a medio e longo prazo. Un exemplo son as tecnoloxías e funcionalidades en torno ao vehículo autónomo e conectado, desde a combinación de diferentes sensores e algoritmos para desenvolver novas funcións de axuda á condución (ADAS), pasando pola investigación de novos interfaces (HMI) en función dos niveis de automatización do vehículo ou a exploración en novos servizos cooperativos entre vehículos ou coa infraestrutura baseados en 5G. Tamén nos centramos na investigación de novos materiais e sistemas avanzados para contribuír ao confort térmico no interior do vehículo eléctrico ou tamén materiais que achegan propiedades estéticas e funcionais singulares e solucións baseadas en ecodeseño. Outra das nosas liñas de traballo é a investigación en torno ao sistema de tracción dos novos vehículos eléctricos e de pila de combustible, para o que contamos en Ctag con medios de desenvolvemento e validación singulares, por exemplo, orientados a baterías. Buscamos tamén novas solucións de automatización e robótica para as contornas de fabricación, asistencia ao operario mediante exoesqueletos ou xemelgo dixital, por citar algúns exemplos.
Que proporciona o centro ao sector automobilístico galego?
Ctag naceu hai 20 anos da necesidade que manifestaron as empresas de automoción galegas para potenciar as súas capacidades en I+D e innovación e esa foi nosa misión principal durante este tempo. Apoiamos ás empresas mediante a realización de servizos tecnolóxicos e a transferencia de coñecemento en proxectos de I+D de produto e proceso. Un exemplo magnífico de como realizamos esta transferencia é a posta en marcha de 10 unidades mixtas de investigación con empresas de automoción en Galicia, programa impulsado pola Axencia Galega de Innovación (Gain). Establecemos acordos duradeiros para colaborar estreitamente en liñas de investigación, cuxos resultados axudaron ás empresas para consolidar a súa actividade de I+D e enxeñería en Galicia no seo dos seus respectivos grupos internacionais. En moitos casos, estes resultados de investigación non só xeraron numerosas patentes, senón que deron lugar a produtos avanzados que permitiron ás empresas conseguir novos proxectos de desenvolvemento con clientes e isto contribuíu tamén a ancorar a actividade de fabricación en Galicia.
Cales son as perspectivas de futuro no ámbito da mobilidade intelixente?
Estamos a vivir un cambio transcendental no concepto de mobilidade, tanto polas esixencias derivadas da transición enerxética, como polo impacto da dixitalización na concepción e fabricación dos novos vehículos. Os usuarios demandan alternativas de mobilidade diferentes e é crucial comprender ben estas necesidades para ter éxito no contexto da chamada “mobilidade intelixente”. Así, os vehículos comunicaranse cada vez máis coa infraestrutura e outros vehículos para mellorar a eficiencia e seguridade nos desprazamentos, a combinación de múltiples sensores e mapas de alta definición permitirán que os vehículos sexan capaces de tomar cada vez máis decisións e aumenten o seu nivel de automatización, integraranse tecnoloxías para monitorizar parámetros relacionados coa saúde e benestar dos pasaxeiros, xurdirán novas solucións en favor da multimodalidade do transporte, novos conceptos como lanzadeiras autónomas adaptadas a contornas urbanas ou interurbanas, novas solucións de mobilidade persoal, etc.
Que novas solucións se poden achegar desde Galicia?
En relación coas novas tecnoloxías e solucións de mobilidade, Galicia pode xogar un papel importante no futuro. As empresas de automoción levan tempo preparándose e están a orientar os seus portafolios de produtos cara a compoñentes máis innovadores para os novos vehículos sostibles. En tecnoloxías para vehículo autónomo e conectado ou compoñentes para vehículo eléctrico podemos ser unha referencia. Desde Ctag por exemplo, estamos a fomentar un polo en Galicia ao redor dos retos da mobilidade urbana no marco da iniciativa europea EIT Urban Mobility, onde colaboramos con pemes, startups, universidades e outros axentes relevantes. Á parte de capacidade industrial, experiencia e eficiencia demostrada no sector de automoción, poderiamos dicir que hai moito talento en Galicia.
Cales son as oportunidades de fronte ao futuro?
Como en calquera período de transformación, xurdirán moitas oportunidades derivadas dos novos conceptos de mobilidade en canto a novos compoñentes, servizos, tecnoloxías, procesos, etc. Para aproveitar estas oportunidades será moi importante apostar pola innovación colaborativa, pola dixitalización en todos os niveis da cadea de subministración e pola formación, todos eles elementos imprescindibles para ter éxito a medio e longo prazo.