Inicio
Actualidade

Ao día!

27/09/2022

Lázzaro, iluminando o camiño cara á colaboración

Comparte este artigo

O deseño é un recurso estratéxico para a innovación sostible e a competitividade das pemes. Un caso de éxito galego é Lazzaro, unha das empresas participantes no encontro de Deseño para a Innovación Empresarial organizado pola Axencia Galega de Innovación

“Tecnoloxía con corazón”. Esta é a frase coa que Carlota Corzo, cofundadora e CEO da empresa Lázzaro, da Coruña, resume o traballo que centra a actividade da compañía desde a súa posta en marcha, fai tan só dous anos.

O obxectivo da firma é axudar ás ONG e proxectos sociais para que potencien a vía dixital e non deixen pasar oportunidades polo feito de que existan demasiadas ferramentas ou sexa complicado. De aí nace o seu concepto de microplataformas, unha ferramenta que ofrece todo o que unha organización pode necesitar para xerar ingresos dixitais pero de maneira máis humana.

Ademais de ir da man das organizacións para que estas dean a coñecer os seus proxectos sociais, a través de ferramentas sinxelas de utilizar, posibilitan que os doantes coñezan o destino real ao que van parar os seus fondos.

Os seus deseños achegan transparencia, seguridade e rastreabilidade na contorna dixital, de maneira que os potenciais doantes aumentan a súa confianza nas ONG e poden ser máis proclives a participar en causas sociais.

A idea inicial foi a posta en marcha dun proxecto de crowdfunding a través do desenvolvemento dunha ferramenta en versión beta no que participaron sete pequenas asociacións. O resultado foi que en dous meses recadaron 14.000 euros, o que lles valeu para conseguir os primeiros premios como empresa innovadora de éxito.

O reto de dixitalizar o sector das ONG

A partir de aí centráronse en desenvolver unha tecnoloxía sinxela e barata para que a usen as asociacións con fins sociais. Carlota Corzo explica que en España tan só o 8% das ONG están dixitalizadas, polo que o reto pasa por que apliquen variables tecnolóxicas para o día a día do seu traballo.

Na maior parte dos casos trátase de asociacións moi pequenas con financiamento moi limitado, polo que desde Lázzaro colaboran a que aumenten os seus ingresos e que ademais poidan comunicar todo o que fan, posto que moitas veces a forma tradicional de facelo non lles permite chegar a un número amplo de posibles doantes.

A compañía conseguiu crear un software que pon ao dispor das ONG e en dez minutos ten á súa disposición unha web con diferentes fórmulas para recadar fondos. Unha ferramenta intuitiva e moi fácil de usar que dota ás entidades dunha dixitalización sostible e que ademais xera ingresos.

A plataforma de recadación de fondos está deseñada en base á tecnoloxía BlockChain, o que garante a transparencia dos datos e así coñecer o destino real dos fondos. A esta proposta sumáronse 30 ONG e en setembro renovarán a captación para seguir aumentando a súa rede de clientes.

Os inicios son complicados. Por iso e para poder financiarse traballaron no desenvolvemento web a medida para outro tipo de empresas e co que obteñen seguen investindo na plataforma. Están a empezar a crear varios postos de traballo directos e esperan seguir xerando emprego.

“Colaboramos na dixitalización de sectores que aínda non o estaban, buscamos financiamento para seguir desenvolvendo este modelo de negocio e poder garantirlles que aquilo que se lles dá ben poida potenciarse pola vía dixital”, precisa a CEO de Lázzaro. Carlota Corzo insiste na importancia de apostar pola creatividade, a innovación e o deseño para implementar todas as ferramentas dixitais para darlle sentido á estratexia de negocio e ser áxiles na súa aplicación. “É a forma de non morrer no intento”, precisa.

As ONG poden sumarse a este proxecto de maneira gratuíta durante 15 días, crear a súa proposta web e dispoñer dunha sesión de consultoría para orientarlles. A partir de aí deben elixir o plan entre os que propón Lázzaro para seguir coa recadación de fondos. Da súa man desenvolven e deseñan como será a ferramenta, sempre centrada no usuario.

Entre os seus clientes atópanse varias ONG nacionais e tamén Cáritas de Perú, proxectos orientados aos nenos e nenas de Ucraína, desenvolvementos de Paypal, ou de dereitos dixitais cunha proposta que os levará á República Checa nos próximos meses. O obxectivo é poder ser un produto mundial.  

Tamén pode interesarche