
Ao día!

Traballando polos dereitos dos consumidores
O Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) é un organismo autónomo adscrito á Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación que ten como obxectivos básicos a defensa, protección, promoción e información dos dereitos das persoas consumidoras e usuarias, así como preservar, garantir e promover a existencia dunha competencia efectiva e dun correcto funcionamento dos mercados.
Para cumprir con estes obxectivos o IGCC leva a cabo unha serie de funcións, entre as que se atopa a de informar, asesorar e acompañar ás persoas consumidoras e usuarias na defensa dos seus dereitos de maneira individualizada. Así, os cidadáns poden acudir de xeito presencial ás oficinas do IGCC emprazadas nas sete cidades galegas, ou facer uso deste servizo a través do teléfono gratuíto 900 23 11 23 ou da páxina web https://consumo.xunta.gal/gl.
No primeiro semestre de 2022, o IGCC atendeu un 11% máis de consultas que no mesmo período do ano anterior, un total de 22.756 consultas. As temáticas polas que máis se interesan os usuarios tiveron que ver coa enerxía (33%), seguidas das relacionadas coas de telecomunicacións (21%) e de automoción (6,25%).
Desde o IGCC tamén se encargan de tramitar as reclamacións dos consumidores, inspeccionar e, de ser o caso, sancionar. Se unha persoa consumidora considera vulnerados os seus dereitos, primeiro debe reclamar ante a empresa que subministrou o servizo ou o produto que consumiu. Transcorrido o prazo de resposta para a empresa (como regra xeral un mes) poderá presentar unha reclamación ante o IGCC, tanto de maneira telemática como presencial.
No primeiro semestre do ano 2022 presentáronse en Galicia 11.544 reclamacións, un 22% máis que no mesmo período do ano 2021. O mesmo que ocorre coas consultas, as reclamacións maioritarias foron as relacionadas coa enerxía (46,39%), seguidas polas telecomunicacións (24,60%) e a automoción (4,84%).
Se o IGCC detecta algún incumprimento, estas reclamacións poden rematar nun procedemento sancionador. No primeiro semestre do 2022 abríronse 807 expedientes sancionadores por un importe total de 8,9 millóns de euros. O número de expedientes abertos supón un 59% máis que no mesmo período do ano 2021, no que se abriron 506 expedientes por importe de 2,2 millóns de euros.
Os sectores con maior número de expedientes sancionadores en materia de consumo no primeiro semestre do ano 2022 foron a electricidade e a enerxía, con 321 expedientes abertos por máis de 2,4 millóns de euros; as manufacturas diversas, con 107; e saúde e estética, con 70 expedientes abertos.
Escola Galega de Consumo
O IGCC tamén realiza un importante labor de formación da sociedade a través da Escola Galega de Consumo. Para iso pon en marcha diferentes programas, que este ano xa formaron a máis de 15.000 persoas, como o Plan Formativo de Colectivos Vulnerables, concursos e proxectos educativos para nenos, así como cursos e actividades formativas sobre a factura da luz ou os servizos financeiros realizados a demanda de diferentes colectivos.
O IGCC ten tamén competencias en materia de control de mercado, función na que xoga un papel fundamental o Laboratorio de Consumo de Galicia, o centro oficial no que se realizan as análises e os ensaios sobre os produtos industriais presentes no mercado co fin de avaliar a súa conformidade coas regulamentacións técnicas referidas tanto á calidade como á seguridade de produtos industriais.
Os informes que emite o laboratorio constitúen a base dos procedementos de alerta e retirada do mercado dos produtos que constitúen un risco para os consumidores, e dos correspondentes expedientes sancionadores. No último ano, o IGCC incoou 50 expedientes sancionadores derivados de incumprimentos de seguridade detectados nas análises deste laboratorio, impoñendo sancións por importe de 350.000 euros.
Xunta Arbitral de Galicia
O IGCC ademais conta coa Xunta Arbitral de Galicia, que ten como finalidade atender e resolver, con carácter vinculante e executivo para ambas as dúas partes, as queixas ou reclamacións das persoas consumidoras e usuarias no ámbito territorial de Galicia. A arbitraxe de consumo é unha vía extraxudicial e voluntaria para as dúas partes en conflito que permite resolver, dunha maneira rápida, eficaz e gratuíta, os desacordos que poidan xurdir entre as empresas e as persoas consumidoras. En 2021 resolvéronse 5.563 reclamacións por esta vía.